Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (17)

martes, 03 de marzo de 2020
O aludido revolveuse no asento, incómodo, cativeiro para aquelas nádegas de boi cebado, motivado por aquel aparente descontrol:
-¿Pero que raios pasa neste Municipio, que lle deu ao Médico por falar en pentecoste?
Mediou o Bieitiño, tentando exercer o seu perenne e infrutuoso apostolado:
-Señor Alcalde, será que nos visitou o Espírito, e daquela desatou as linguas, que desde que lle gañei aquela partida aquí a don Aurelio esta Vila está como..., ¡santificada! Non llelo debera dicir para non provocar vaidades, pero é certo que a xente mudou de comportamento desde que mandan vostedes. Noto unha cousa...; non sei, un retraemento, máis prudencia, máis discreción, máis silencio... ¡En definitiva, un sometemento á vontade de Deus, unha santificación! Xa notei, tamén, tamén, digo, unha satisfacción xeral niso dos preitos..., ¡que corren menos para a Capital! Polo pouco que me din, moitos concordan en que lles sae máis barato consultarse aquí, na propia Secretaría do Concello, que de seguida vai vostede e arránxalle-las cousas, bastante equitativo, bastante ben. Do que se queixan é de que lles cobre aos dous, aos dous litigantes, quero dicir, por ámbalas partes. En todo caso, que Deus llo pague polo ben que lles fai ós meus fregueses, que no tempo que levo en Churiz a metade das melloras íanselles neses preitos das irmandades, ¡tan feos que son polo moito que escandalizan aos morgados!
Notóuselle ao Secretario que deses temas prefería discreción:
-Señor Cura, coidaba que os secretos da confesión coincidían, en paralelo, coa reserva profesional, da que tamén falou Lucas... Díganllo na confesión ou fóra dela, mentres non litigue polos seus estipendios, a min déixeme de lado coas minutas..., ¡que cada un vive de cadanseu altar!
-Non se enfade, don Aurelio, por Deus non o faga, que as súas virtudes nin son nin deben ser secretas, que están na boca da xente..., ¡que este é un pobo agradecido, si señor! Sequera ben sabe iso de que, Vox populi, vox Dei. ¡Dóbrome!
O Alcalde, tratándose de xogo, sempre o vimos animado, unha eminencia:
-¿Pero, que fai...? ¡Bieito, esas gafas...; nin se dobre nin faga xenuflexións, que puxo o cinco-seis polo seis dobre! ¡Apañados estabamos en Churiz se mandase vostede!
O aludido azorouse de mala maneira e retirou aquela ficha improcedente:
-Os cregos tamén erramos, señor Alcalde, de cando en vez, que xa se di que, errare humánum est.
Resoprou don Manuel, satisfeito de pillalos nalgún renuncio:
-Menos mal, que a min, entre estes sabios que as acertan todas, xa me entraba o complexo; ¡un complexo de mil diaños!
Aquel tonsurado non tiña un hisopo á man, pero bendiciuno de palabra:
-Non hai de que telo, que vostede é un dignísimo Alcalde, o mellor que coñecín; ¡sempre o direi!
-¿Aínda que lle tronce os evanxeos, chegando tarde...?
-¡Non; por favor, iso non; non o faga, que é un mal exemplo; nesta Vila tan piadosa non llo quero a ninguén, e menos a un Alcalde designado pola graza de Deus, en vertical, que é como baixou do Ceo a esqueira de Xacobo! ¡Neste caso, tal cal!
Manuel fretouse as mans, sobranceiro de satisfacción:
-¿As demais..., pásamas, todas?
-¡Non vexo outras! E logo que, mentres ninguén lle tire a primeira pedra, Deus me libre...
A satisfacción do Salmonte era tan grande que lle deu por facer chistes:
-Señor Cura, agora que di iso, iso da primeira pedra, ¿sabe que me ensinaron, de neno, unha Tata que tiven? Voullo dicir: Que aínda que todos digan na mesa, Eu tampouco, hai que pensar para si, para que non nos torzan a vontade, ¡Pois eu, de pan-pouco! Polo que engorda, claro; e deixar que nos sirvan as talladas do compango..., ¡mentres queden! Eu tamén lle sei xogar ás guilindrainas...
O Crego fixo que se escandalizaba, se cadra menos do que aparentou:
-¡Don Manuel, acórdese do rico Epulón, e para que non me gañen sempre, propoño pasar ao tute...!
Pero no tute seguiron con aquelas bromas tan significativas, tan reflectivas da mentalidade de cada quen:
-Iso non vai comigo, que sempre lle poño billetes na bandexa, ¡que o que é mellor contribuínte, nesta parroquia...!
Lucas, amosando aquela vea ateística da que se xactaba a miúdo:
-¿Non o ten Deus, Deus ou o san Bieito, este Arcipreste que naceu así, tan inxenuo, que por iso o teñen de santo tódolos ídem?
Manuel botoulle un capote; envelenado, por suposto:
-¡Cala, matasáns; ou calas ou lle digo ao Cura iso das pílulas e dos profilácticos, que os andas receitando por todo o Distrito..., en contra do censo!
Menos mal que aquel Bieito era realmente iso, un bieito: ¡na máis completa inocencia niso dos anticonceptivos!
-¿Que é iso das pílulas; acaso outro invento da lonxevidade..., para retrasa-la toma de posesión dos santos?
-Nada, señor Cura, -esquivou o Doc, -non lle faga caso ao Alcalde, que agora non falou ex cathedra; ¡cando estes munícipes redacten un Bando ad hoc, un que sei eu, daquela xa verá a que banda lle convén xogar!
O Crego non se apeaba da burra, nin da burra nin da súa burremia; e seguía perdendo, ao tute tamén:
-¡Estes condenados! Non lles entendo nada, nadiña, a ningún dos tres. ¿De que pílulas falan; xa se inventou esa vacina do cancro?
-¡Non se preocupe, que vostede desa receita non precisa, pola graza de Deus, que lle abonda cun Ave María!
-¿E logo, atópame ben? -¡O máis próximo é un mesmo!
-¿Que se o atopo? ¡Coma un crego! Vostede siga rezando, maiormente polos defuntos, que este Concello non precisa dese Deus dos curas; ¡vai de lui même!
Non as tiña todas consigo aquel eclesiástico, que algo crucificado sentíase; o que non discernía era cal deles sería o bo ladrón:
-¡Non sei, non sei; non sei se estarán ríndose de min, o que sería un sacrilexio..., polos meus hábitos! En fin, como dixo o Médico, ¡resignación! ¿Vostede que opina, san Aurelio? ¿Sabe que significa o seu nome? ¡Case nada: Da cor do ouro! Pero vostede, de egoísmo, de avaricia, coido que nada, que vostede si que é un santo..., ¡se o comparamos co noso Galeno!
-Don Bieito, eu non opino, nunca xamais, que para iso están as Alcaldías. ¡Eu, executo! Mire, este equilibrio noso, este das Forzas Vivas, vai ben: tenlle catro patas, ¡coma os bancos! Vostede, como din os comunistas, dea opio á xente; ¡séxase, resignación! O Doutor vai tras súa, co seu ácido acetilsalicílico, que se non cura o que non curou o Cura, polo menos calma na xente, no pobo, ¡cousa de seu interesante! Don Manuel, vostede con tal de vivir, de vivir ben por suposto, déixanos vivir aos demais; ¡outra virtude! E de último quedarei eu, que servidor, servindo ós tres poderes, ¡servido vai! Nada, o dito, o que se ve: ¡As corenta!
Aquel Crego quedaba, xa estaba, convertido á seita do Aurelio; e quixo poñelo de relevo, inocentemente para máis INRI:
-¡Que razón a deste Alcalde cando fala da sorte que tivemos co seu nomeamento! Señor Secretario, vostede é unha lumieira, un facho, que para min quixera a súa labia; se eu fose Papa, daquela, mesmo daquela, facíao Bispo, Bispo de Churiz...; ¡ou se cadra, Cardeal!
Sorriuse o Aurelio, mefistofelicamente, para dentro e para fóra, con toda a picaresca imaxinable, que ben lla cacharon e apuntaron aqueles Inspectores da Fiscalía Celeste.
-¡Pois eu, o que é a vostede, meu Reverendo, sen vacilar, facíao Secretario!
Aos poucos, cansos do xogo e do parloteo, tanto do dominó coma do tute, dos dime e dos direiche, cousa habitual neste tipo de tertulias, ausentáronse aquelas eminencias. Manuel e mailo seu Aurelio, atarefados, a maiores, na montaxe daquela Promotora de Vivendas, que tiña por obxecto directo acapara-los solares, acaparar tódalas terras útiles do circundo da Vila, para transformalas, seguidamente, sen présa, ¡para non chama-la atención!, e sen pausas, tampouco, ¡para aproveitarse dos milagres da vara edílica!, en pseudovivendas, en esponxas zugadoras de tódalas divisas emigrantís, ¡e máis que houbese na bisbarra! O primeiro que lle dixo Aurelio ó consocio, de camiño para o Pazo Salmonte, foi:
-Manoliño, é necesario que teñas máis sutileza co Médico. A ti pásache desapercibido e pouco che vai importar desde que eu te faga multimillonario nisto da construción, pero non está ben ensinarlle as cartas ao teu sucesor. ¡Se non foses tan burro...!
-¿Sucesor, que, quen; sucesor meu? ¡Ese non ten fío co Xefe Provincial, nin directo nin indirecto, que o teñen polo que é, un esquerdoso de moita papilla e de pouca efectividade; e logo que non cree en Deus, principio e fin de tódalas cousas, alcaldías incluídas!
-Manuel, atende ao consello: Ti espera sentado, na porta do teu pazo, ¡e daquela verás! Ese tío aínda ignora o seu gran poder de convocatoria para cando chegue a democracia; que chegará, algún día, que ese vello..., ¡xa me entendes, non hai outro coma el, que xa morreu o cabalo de Espartero, e supoño que tamén o de Santiago!
Ti vai ponderando: A medicina estase socializando, de día en día, e haberá un momento en que os vellos, as receitas dos vellos, serán a mellor demagoxia, o mellor dos imáns: consultas gratis, receitas gratis, incluso para os nenos, de produtos modernos, nutritivos...; non sei como se chaman; e doutras cousas, das que xa hai nas farmacias, e das que veñan no sucesivo, gratis. Todo iso a nome dos xubilados, na documentación dos xubilados, etcétera. Logo está iso de que os mozos emigran. Aquí terán piso, pero residirán fóra, lonxe, nesa Europa das democracias. Daquela todo será vello: nas vilas, nos rueiros, nas cidades. ¡Vellos, vellos..., vellos a feixe! Votos do papanatismo, pero tamén do medo, votos de comenencia, votos do conservadurismo máis pragmático, indiscriminadamente de dereitas ou de esquerdas, ¡que iso é accesorio!
O poder do voto desa lexión dos vellos, unha xeración de vellos a punto de entrar na última das quintas, ¡na dos pensionistas! Coa lonxevidade en incremento, a cousa será definitiva; e daquela todo irá en contra túa: ¡gastado, queimado, obsoleto coma unha picaña! Contra ti, por suposto, por lei de vida, polas leis do egoísmo humano; e indubidablemente a favor do Médico, un Médico populista, demagogo á vez que compracente; incapaz de reciclarse, de actualizarse medicamente, pero simpático na tona, no superficial, ¡como é o caso deste Lucas! ¿Espertas, Manuel, que tal parece que as miñas profecías estante durmindo, cando que debera ser todo o contrario?
-¡Demontres, que se esperto; nunca se me ocorreu matinar niso, nesa posibilidade! A mais de Secretario, ti es o meu augur.
-¡Manuel, posibilidade, non; probabilidade, ou máis exactamente, proxección, seguridade absoluta! A túa xogada, a grande, a definitiva, está na velocidade que lle imprimamos á promoción desas vivendas, que despois, de ricos, cando volvamos, por lei pendular, á democracia, ¡daquela mira como se me pon o dedo! A túa alcaldía e maila miña secretaría, para entón, que a metan por onde podan, ¡que as súas Américas serán residuais! Manolón, dáme esa man: ¿Quedamos xuramentados, de aquí e de agora, definitivamente, para facer un de muleta do outro, pase o que pase e digan de nós o que digan?
-¡Ai, ho, por cento un anos; e que Deus che pague un consello de tal categoría! O que non quero é que te vexan coa Mabel, que a xente rise abondo de min..., ¡por outros motivos!
Aurelio, ¡da cor do ouro!, fíxolle un aceno de asentimento, ou máis exactamente, de concesión, de simple concesión formal. Manuel, pola súa parte, tan simple e tan simplón, quedouse reconfortado e detívose na mesma beiravía, oito pasos antes do seu palacete. Daquela, encarado co Litis, mostroulle unha faciana de tantísimo agradecemento que a punto estivo de darlle unha aperta, pero estaban na rúa, á vista de medio Churiz, que se non, daquela..., ¡daquela mesmo o ía adorar, coas mans encrucilladas por sobre da empuñadura da súa vara milagreira, edilicia, máis luxada e máis prostituída que unha aguillada desas de estimula-los touros das vacas!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES