Hoxe, mércores de cinza, cumpre anos Pepe Barreiro, socialista lucense que hai 35 anos reinventou o Enterro da Sardiña, que agora organiza a Asociación que leva ao seu nome.
Pepe Barreiro nacera en Lugo o 8 de xuño de 1916, asi que se vivira estaría chegando aos 104 anos, pero polo interese que puxo no Enterro da Sardiña, estaría de acordo en considerar que a creación do Enterro foi o seu segundo nacemento.
Preocupado polo acontecer lucense, publicaba na prensa reivindicacións,

curiosidades e humor. A mediados dos anos oitenta, cando o coñecín, Barreiro era asiduo do Consistorio, onde todos os habitantes de calquera color- eramos amigos seus.
Naqueles anos da alcaldía de Vicente Quiroga, cobraron vida as festas tradicionais, fixéronse culturais as de San Froilan, déuselle pulo ao Antroido, e entón Barreiro veu chegado o momento de recuperar a espectacular despedida do Antroido doutrora, que en Lugo xa era só pasado.
Como directivo do Círculo das Artes inventara as Parranditas que todos cantábamos co estribillo deXa son famosas, en todas partes, as festas do Carnaval deste Círculo das Artes, e fixera costume que a Banda Municipal de Música actuara o martes de antroido no salón Rexio. Pero faltáballe o Enterro da Sardiña , xa prohibido na Dictadura de Primo de Rivera, que morrera algo antes da Guerra Civil
E tal día como hoxe de 1985, celebrouse o renacido Enterro da Sardiña, con Pepe Barreiro como oficiante, léndose na praza maior os ferretes que tiñan como estribillo cantado a coro o de Nin co Alcalde Quiroga / e sin a xente do Bloque, / segue sendo o axuntamento / a casa de Tócamerroque. Porque antes como agora, o Enterro da Sardiña era un revulsivo sociopolítico, para cantarlle as corenta ao goberno municipal de turno.
Polo seu amor a Lugo, a dedicación aos temas lucenses, e polo Enterro da Sardiña, Pepe Barreiro foi declarado Lucense do ano 1988, e os compoñentes do Enterro impuñéronlle a Medalla de ouro e brillantes.
Hoxe a iniciativa de Pepe Barreiro cumpre 35 anos. Felicidades ao Enterro da Sardiña de Lugo e a Pepe Barreiro, apertas desde lonxe, na lembranza, dos que fomos os seus amigos.