Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A terapia do Entroido

martes, 25 de febrero de 2020
Hoxe é a traca máis sonora do ciclo do Entroido en moitas das nosas aldeas e vilas, xa mañá na celebración do Enterro da Sardiña comeza a Coresma. Pero é unha andanada que se alonga varias semanas, ata hoxe foron as necesarias para acadar esta voráxine de creación e paixón, porque tanta enerxía colectiva non é unha arroutada dun día, é o froito dun longo percorrido, todo un proceso de programación e debate, aínda que a espontaneidade o engrandece.

Para chegar a esta explosión de cores, mensaxes e sons houbo que devanar moitos soños enxergados durante meses ata cumprir varias metas, principiando pola consecución dun grupo, charanga ou comparsa, decididos a acadar unha obra de arte coa que facer festa rachada. Esta esencia reflicte o “vai-ven” da natureza nesta época do ano, anunciando a primavera que quere abrollar, liberandose dos estertores do inverno, de feito coa queima do moneco do entroido, queimanse os trastos vellos, as desfeitas do inverno, agardando un novo renacer na nosa contorna.

Esta explosión de vida estivo forxándose nun período que se alongou cos preparativos e o anticipo de moitas xornadas de troula e traballo en común durante esas semanas anteriores e tamén despois co domingo de piñata, etc. O entroido alimenta o sentido comunal das veciñanzas fronte ao exceso de consumo doutras celebracións máis individualistas, incentivando a creatividade e os recursos artisticos de cada persoa, sen esquecer a capacidade que ten para denunciar as inxustizas e desfeitas sociais cos seus sermóns e retranca, as vestimentas, as maquillaxes, as cantigas e máscaras, etc.

Así, o entroido cultiva as relacións sociais provocando as cualidades de cadaquén a prol dunha convivencia e complicidade máis plena, partillando o que máis entusiasma ao grupo a través da amizade e as artes. O traballo e o proceso de idear e deseñar as persoaxes, a posta en escea, a ambientación musical compromete a todas e todos. Están a adestrarse na colaboración e integración no colectivo que vai perdurar no resto do ano xerando máis saúde e sementando igoaldade, ansia de beleza e harmonía... Sen esquencer que estamos a vivenciar unha tradición milenaria da nosa cultura agraria que alterna os labores co lecer sempre reforzando a unión das e dos veciños.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES