Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A novidade do amor

domingo, 23 de febrero de 2020
As lecturas volven pór de relevo, todas elas, diante de nós a nova sabedoría á que Deus nos chama, se queremos ser verdadeiramente sabios. Trátase dunha sabedoría, que non pode quedarse en mera teoría. Porque entón non pasaría de ser más ca un saber abstracto e baleiro. A nosa fe ten que ser concreta, viva, actuante. Do contrario non ten valor ningún. Nin para nós nin para os demais.

Aínda que ás veces podemos pensar ou dicir que o Novo Testamento, que se instaura coa vida e a actuación de Xesús, é algo absolutamente novo en relación co Antigo, en realidade non é exactamente así. O que fai Xesús é levar ó seu máis elevado cumio e á máxima perfección o que dalgún xeito se anunciaba xa no Antigo Testamento. Refírome, de maneira particular, á importancia que xa no Antigo Testamento tiña o sentido e a práctica da fraternidade, do amor mutuo.

Exemplo disto é concretamente o que se nos di no libro do Levítico (na primeira Lectura). Entre as normas e mandados que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en relación co modo de se comportaren as persoas que el ten ó seu cargo, aparecen estas: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”.

A este último mandado (“Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”) recorrerá Xesús moitas veces. E estará na súa práctica e na súa boca continuamente sobre todo nas súas discusións cos doutos e doutores do xudaísmo.

Xa no Antigo Testamento aparece tamén bastante explicitamente o porqué da esixencia deste comportamento fraternal. As razóns non son outras có comportamento mesmo do propio Deus co seu pobo. Este pobo ten unha viva experiencia da bondade e da misericordia do seu Deus nos diversos acontecementos polos que foi pasando ó longo da súa historia.

A reflexión que o pobo se faría, e que aparece personalizada e dignificada na orde que a teor do texto do Levítico Deus lle comunica a Moisés, sería algo así como esta: se Deus é bo con todos nós, non podemos nós ser pola nosa parte malos uns cos outros. De feito, no “Salmo responsorial” que segue á Lectura do Levítico proclamabamos agora, utilizando frases soltas dos Salmos do Antigo Testamento, o seguinte: “O Señor é misericordioso e clemente [...] El coróate de amor e de tenrura [...] El é tardo á ira e rico en mercés [...] Canto un pai ama os seus fillos, así ama o Señor os que o temen”.

No Antigo Testamento tíñase, pois, moi clara conciencia, da bondade e da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis.

Naturalmente, coa incríbel boa nova do acontecemento de Xesús, que se amosa a si mesmo entre nós coma imaxe vivente do seu Pai Deus no mundo, as cousas modifícanse decisivamente. O senso, xa tradicional, de fraternidade do Antigo Testamento fortalécese agora dunha maneira insospeitada. Porque resulta que agora Deus non está só, para dicilo dalgunha maneira, “alá arriba”, senón entre nós. Ó ser Xesús conxuntamente Fillo de Deus e irmán noso, como un máis entre nós, entón toda a humanidade e cada un de nós viñemos acadar unha dignidade divina, “sagrada”.

A consecuencia é que, entón, facerlle mal a alguén é como facerlle mal a Deus, porque somos xa todos, pola humanidade do fillo de Deus, parentes de Deus, en canto que pola nosa humanidade estamos irmandados con Xesús. E, ademais, o propio Xesús, por enriba de todo isto, mandounos e deunos a nós, a toda humanidade, desde a primeira Pentecoste, o Espírito Santo que continúa a habitar connosco ata á fin dos tempos. Somos, pois, todos e cada un de nós tan importantes e sagrados que debería resultar xa case incomprensíbel que alguén puidese querer mal a alguén.

Entenderedes así ben por que ó comezo da segunda Lectura se atreve a dicir Paulo: “¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós”. Nalgúns lugares, poucos xa, conservan aínda algunhas persoas o costume de se persignaren ó pasaren preto dunha igrexa. Pois ben, se quixésemos ser fieis ó que aquí nos di Paulo, deberiamos facer algo semellante, aínda que sexa só no segredo do noso corazón, onde queira que nos atopemos con calquera. Pois, tal como nolo advirte Paulo, somos todos “templo de Deus”. E, desde logo, non está en absoluto excluído que alí onde menos o pareza estea tamén Deus no seu templo. ¿Non son xustamente os pobres, os necesitados ou os excluídos pola súa raza, pola súa lingua ou polo que sexa os que Deus escolleu en Xesús para estar con eles?

En calquera caso, o desamor que poidamos padecer, tal como nolo recorda o texto do evanxeo de hoxe, non se combate coa mesma arma, co desamor. Nisto, como ben sabemos, Xesús foi moito máis alá do que era tradicional. Nada, polo tanto, do “ollo por ollo ou dente por dente” ou comportamentos semellantes.

Para Xesús hai que ir alén do que o outro poida pedir ou esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación cívica poidan esixir. Como xustificación de todo isto, apela Xesús tamén á nosa condición de fillos dun mesmo Pai. Desta condición debería derivarse unha fraternidade, vivida en toda a súa radicalidade. Fraternidade que debería primar sobre calquera outra consideración ou diferenza: “Eu dígovos –proclama Xesús-: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos do voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos... Sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo”.

¡Que tarefa tan grande temos diante nosa: reflectir e practicar na terra nada menos que a bondade “total”, infinita, de Deus!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES