Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Breve suxestión

viernes, 21 de febrero de 2020
Non pretendo máis que traerlles á memoria algo relacionado coa sociedade en xeral, e coa disciplina que se ocupa dela. Pois é o caso que aos que estamos máis ou menos arrastrados polo hábito da lectura, adoita sorprendernos, ás veces, algunha idea que nos gustaría transmitir a outras persoas, para que nos aporten as súas valiosas opinións. E hoxe aproveito este medio para participarlles, en forma dunha “breve suxestión”, o que a lectura da Introdución da obra dun dos pensadores máis relevantes do século XX, Nobert Elías–padre da socioloxía figurativa–,titulada “El proceso de la civilización”, me levou á reflexión sobre algún fenómeno socio–político de actualidade.

Comezo manifestando a miña sorpresa de que nas esixencias profesionais de traballar en textos de Comte, Spencer e Marx, entre o que seguramente moito pasei por alto, fora a idea de que os modelos sociais cos que eles expresaban o desenrolo social, aló polo século XIX, na que as súas análises se apoiaban en hipóteses de marcada ideoloxía política, segundo a persoal opinión de cadaquén, afastábanse da realidade obxectiva da sociedade. O que non ignoraba, por suposto, eran a súas propias ideoloxías, pero nas remitía a esta temática.

Por iso, xa no século XX, esa metodoloxía non era aceptable para representar á realidade social obxectiva. E, curiosamente, aquilo que menos encaixaba era a crenza de que as sociedades EVOLUCIONABAN SEMPRE CARA AO MELLOR, porque os sociólogos destes tempos tiñan suficientes experiencias de que non ocorría así, que os levaban a considerar que os prexuízos dos seus colegas do século anterior mesturaban aspectos desas súas teorías ideolóxicas con outras que, sen dubida, podían recibir valoracións positivas.

O caso é que todo isto determinou que os autores máis recentes renunciaran a estudar as dinámicas sociais a largo prazo e decidiran centrar as súas investigacións nos datos subministrados polas sociedades en acougo, en equilibrio, é dicir, nunha situación “homoestática”, adoptando, deste modo, posturas contrarias ao concepto de evolución social.

Creo que é interesante tamén resaltar que os sociólogos que primaron a evolución amañada a medida dos seus prexuízos ideolóxicos, non parece que se preocuparan de establecer as diferenzas necesarias entre un PENSAMENTO OBXECTIVO E UNHA MOTIVACIÓN IDEOLÓXICA, o que evidencia a presión á que estaban sometidos por este matiz especulativo, ata o extremo de utilizalo como fundamento das conclusións que ían acadando.

Pode, pois, afirmarse, en xeral, que houbo un período de tempo no que os sociólogos interesados na evolución social de contido ideolóxico, foron refutados nesta tese por outros colegas que centraron a atención na inmutabilidade. E todo isto, traducido ao pensamento filosófico grego, permite expresarse afirmando que, se antes eran heraclíteos (Heráclito: todo flúe), pasaron despois a ser eleáticos (Parménides: nada cambia), que consideraban a evolución social como unha cadea de posicións estáticas, máis en consonancia con esa situación repousada, acougada, da sociedade, caendo así no desinterese polos procesos evolutivos reais a largo prazo.

Cabe tamén introducir outra maneira de expresar as ideas precedentes, introducindo o DEBER–SER, que era, xustamente, o que esperaban (e politicamente esixían) da dinámica social implicada ideoloxicamente; é dicir, DEBÍAN catalizarse os procesos evolutivos mediante a aplicación, na PRAXIS socio–política, das prescricións ideolóxicas (pensen no marxismo, por exemplo). Isto desencadeou o asomo das posturas dos estudosos que os sucederon, deixando de supeditar a investigación sociolóxica a esas ideoloxías en consonancia cos desexos propios dalgúns ideólogos, e despexando así a realidade obxectiva da sociedade para unha investigación máis realista, libre dos rescaldos de especulación ideolóxica do século anterior.

Non obstante, tampouco poden excluírse de certa impregnación ideolóxica aquelas actitudes que non se fían do futuro, restan valor a evolución e, con apoio nun pasado acomodado por adulteración, fíanse dunha situación consolidada a través da historia…, sobre todo se ousan neutralizar a dinámica que, intra - e inter–social, acompaña á mesma natureza da realidade social obxectiva. Aquí pode chegar a cumprirse aquilo de que os extremos acaban tocándose.

Convén, consecuentemente, ter moi presente que hoxe en día, e dende mediados do século XX, parece haber renacido o creacionismo, non só nos Estados Unidos, país no que abundan as posturas ultra–conservadoras, respecto a toda clase de evolucionismos, senón tamén no resto do mundo. Lembremos así mesmo o denominado movemento do “creacionismo científico”, porque as súas propostas anti–evolucionistas pretenden ser científicas. España non é unha excepción, pois, segundo o Dr. Sequeiros, xesuíta e catedrático universitario, hai dous tipos radicais de seguidores do creacionismo: Os que profesan un creacionismo conciliador, que pretenden integrar os datos científicos na narración bíblica, e os que cren nun creacionismo literal, prosélitos dos “fundamentalistas” norteamericanos. Por suposto, nestes casos tamén nos encontramos con compoñentes ideolóxicos que perturban unha investigación obxectiva da dinámica evolutiva das sociedades.

Aínda que non pode negarse un progreso nas ciencias, nas terapias da saúde pública, na tecnoloxía, nin o nivel acadado na vida e unha diminución das desigualdades entre os seres humanos, todo como froito dos esforzos precedentes, sería absurdo predicar un progreso ao mellor, só con fundamento nisto, da evolución social cara ao futuro, sen ter moi en conta que o valor destes progresos reais está seriamente ameazado polas guerras, as armas atómicas e, incluso, as novas armas científicas, principalmente as facilitadoras de manipulacións xenéticas.

E tampouco se pode esquecer algo que está de actualidade neste período de posibles PREDESVENTURAS, porque nos encontramos tamén co que soe denominarse IDEA NACIONAL (inconscientemente incardinada no permanente e o inmutable, e desinteresándose do mudable pola súa inevitable innovación), que, por tratarse dunha auto–lexitimación, ten uns compoñentes emotivos e irracionais, capaces de arrastrar a inestabilidade social, conducindo a situacións caóticas de imprevisibles consecuencias .

Termino cunhas preguntas que considero relacionadas con todo canto queda dito. Son estas: ONDE SITUARÍAMOS A ORIXE DO PROGRESISMO IDEOLÓXICO, TAN SOBADO, DA NOSA ACTUALIDADE POLÍTICA?. ACASO É HEREDADO DAS POSTURAS IDEOLÓXICAS NA ETAPA EVOLUCIONISTA?. ENCERRAN ALGUNHA PREVENCIÓN CAUTELAR, COMO ACTITUDE PRUDENTE, CONTRA A CRENZA NO PROGRESO DUNHA SOCIEDADE CARA AO MELLOR?.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES