Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rotondas mutantes

martes, 18 de febrero de 2020
Hai noticias que non deixan indiferente a ninguén que se manteña máis ó menos ó tanto da actualidade que -nunca mellor dito- nos rodea.

Esta é unha delas.

É certo que cando por diante do parabrisas aparece unha "manga verde" dándoche o alto, todo canto estaba no seu sitio (poñamos por caso, embrague, freo, acelerador, palanca de cambios, interruptor das luces ou dos intermitentes, etc.) de súpeto, por unha sorte de trasno endiañado, semella volverse mutante.

Son cousas dos nervios que por imperativo legal asoman polos nosos poros cando acontece iso e que nos obrigan a darlle un vertixinoso repaso mental ó vehículo (rodas, luces, papeis, etc...), procurando algún argumento o suficientemente mutante que nos poida salvar a última hora do desfalco.

Non me estraña, pois, que, se no canto de ordenarche parar coa manga verde en alto, o que fan é apareceren co vehículo de atestados logo de ti teres parado de forma máis ou menos abrupta contra un valado calquera ou contra outro vehículo, "axudado" por unha máis ou menos carga mutante de alcohol, non me estraña -repito- que as rodas se volvan cadradas ó saber a que che vai caer por riba perante os inquéritos do axente.

Ora ben, de aí a tratar de canealos cunha saída propia tan propia do noso ser antropolóxico máis tribal ("cando pasei cara Xinzo non había rotonda e agora si... Quen a poría no medio?") hai un treito ben difícil de avantar.

Aínda que si -ocórreseme agora-, se nos deixamos levar pola xeira mutante das mentiras certas, das medias verdades ou das verdades mentireiras.

Pois, digo eu, se o presidente do goberno e o líder da oposición poden asegurar que non plaxiaron ou non recibiron como regalo os seus masters mutantes, cando quedou demostrado o contrario e non pasa nada...

Se o ministro de transportes ten seis ou sete verdades mutantes para explicar o inexplicable sobre o seu encontro mutante coa mandataria venezolana e non pasa nada...

Se os que denantes non se aturaban nin na cámara nin na cama, agora viven nun estado mutante de abrazo "flower power" e de comunicación visual, e non pasa nada...

... Por que vai ter que cargar coas consecuencias dunha verdade absoluta o mozo da rotonda mutante, cando foi quen de ampararse nun argumento que nin de lonxe se lles pasaría pola cabeza ós que nos marcan o camiño desta mutante realidade.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES