Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As bibliotecas son moi perigosas

viernes, 14 de febrero de 2020
Andan os libros cunha crise de identidade. Conseguirán os ipads arrebatarnos o que agasallan máis aló das palabras, ideas, historias? Xa saben, o tacto sensual, olores, dedicatorias que devolven tempos esquecidos.

Queden tranquilos, rolos e pergameos conviviron séculos cos libros. Pero agora, estes amigos calados e falangueiros, están exiliados. Ministerios e Consellerías xibarizan tempos e horarios cos libros. A que dedicarán o tempo tan altos organismos? Mentres hipermercados, tendas de roupa e pubs conseguen barra libre cos horarios, os responsables da cultura deste país adelgazan o tempo do cerebro. E medra o do bandullo: o Fisterra das Españas é país de paparotas.

Nas longas tardes de verán está prohibido ler, consultar, mirar xornais e revistas, navegar por internet, investigar nas bibliotecas. Sábados e festivos están pechadas con sete pechaduras, non vaia ser o demo que á xente do comñún lle dea pola funesta manía de ler. E pensar.

Claro que ó mellor interesa cultivar a burremia. Os mesmos que son incapaces de erradicar o sucio e animalizador botellón perpetran o peche das bibliotecas. Xusto cando hai máis tempo de lecer. Cinco mil rapaces no botellón son un problema de orde pública. Peor solución terían pechados nunha biblioteca cambiando alcohol por libros. Unha tal revolución faría tremer a políticos incapaces de resolver problemas de todos: o roubo masivo das paisaxes, o paro arrepiante, a falta de futuro dos titulados, a nova clase social de pobres formada por rapaces, o fanatismo dos idiotas, a desvertebración do territorio, a degradación ecolóxica da costa, a hidra da corrupción… Cousiñas das que nos imos decatando con lecturas que abren os ollos. Son os mesmos ollos que pecha o alcohol, que atorda o ruído, que coloniza o panem et circenses. Un libro aberto, como recorda Román Gubern, é punto de encontro de dúas soidades, a do autor e a do lector. O silencio poboado das bibliotecas resulta inquietante para os gobernantes, mentres que a paz dos cemiterios dos libros pechados sóalles como música celestial.

Recordamos casos paradigmáticos da perigosidade dos libros. Na noite do 10 de maio de 1933 queimaron vinte mil diante da Universidade de Berlín. En 1966, o Libro Rojo de Mao expulsou das bibliotecas chinas a todos os demais. Os catecismos para fanáticos non toleran a diversidade.

Por iso hai que exiliar os libros. Abertas vintecatro horas trescentos sesenta e cinco días do ano serían unha bomba de concienciación masiva. Por iso hai que desactivalas. Cando están abertas, as bibliotecas son moi perigosas.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES