Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 14 de febrero de 2020
Dáseme polas andainas

Sempre se fala de que as xubilacións amolan, incomodan bastante porque o xubilado, ás veces e de socato, non sabe que facer. Axiña fará un ano que me xubilei e preciso de máis tempo. Este non me chega a nada, entre lecturas e escrituras. E agora, para máis aquel, dáseme polas andainas. Andainas longas, que non son paseos de Pingas de Orballoretirado. O pasado luns, día 10, realicei unha de dezaseis quilómetros e medio, nun tempo de tres horas e cinco minutos. De Maceda marchei ata o santuario dos Milagres. Fotos a Vixueses e a Foncuberta. Nesta aldea e ó ver a muiñeira, os recordos enchéronme dun forte sentimento; porque, de rapaz, cruzabamos polo Muíño da Luz e o monte de Almoite coas saquetas de millo e pan no lombo dos burros para levar, logo, a fariña. Nos Milagres, os recordos xa son outra historia contada moitas veces. De Os Milagres collín camiño de Vide. Á altura da Chaira contemplei a pista de despegue e aterraxe das avionetas, e baixando xa para Vide repuxen un chisco as forzas cun pequeno bocadillo que levaba no peto da cazadora. Por certo, a cazadora xa facía moito tempo que a desabrochara. Fotos de Vide. Fotos das Batocas. Fotos da carreira de Vazcovaz e dos Carrís. Porque, por aí, xa todo era coñecido, familiar. Xa estaba no meu Baños de Molgas, do que tampouco vou dicir nada que non se saiba xa. Camiño xa de Maceda, na Follateira, foi onde empecei a notar que os adutores empezaban a queixarse. Non obstante, cheguei san e salvo. Aínda que, iso si, hai que empezar a acurtar as andainas.

Facendo... algo útil?

Nove menos vinte da noite. Escoito a Jerry Goldsmith nun tema da banda sonora Pingas de Orballoque compuxo para a película “Poltergeist”, do 1982. Xa choveu. Pero a música, coma a sétima arte, son imperecedoiras. Coma o tempo tamén. Xa ceei. Nós ceamos cedo. Así teño tempo de facer “algo útil” antes de me estomballar no sofá para ver a correspondente película nocturna. Hoxe creo que lle toca a “O val de Elah”. Digo creo, porque non sería a primeira vez que cambio de parecer nun credo. O de facer “algo útil” vai sobre fochicar nas redes sociais e, ó mesmo tempo que escoito música, escribir un Pingas para este xornal. Estou a facelo. Certo, a utilidade deixa moito que dicir. Pasaron cinco minutos xustos da hora que anunciei ó principio. E o tema de Goldsmith segue. Porque é longo. Hai temas de, por exemplo, dez minutos e hai temas de un e pico. Mirade por onde, xa rematou. É agora Serrat con “Menos o teu ventre”, que sacou dun poema de Miguel Hernández. Cando empecei a escribir, a muller tiña a televisión co maldito “Sálvame” ese, e ponme enfermo. O programa e, tamén, a propia muller por ver esas trapalladas. Menos mal que xa hai un cachiño que marchou para a habitación. Ó facelo, claro, xa apagou a tele da cociña porque sabe que odio ese esperpento amarelo. Nove menos cinco da noite. Xa escoitei outro tema dunha tal Leona Lewis, que nin idea de quen é. Sempre recoñecín que quedei estancado na música dos 80 para atrás. Pero si, non está nada mal esta muller cantando o tema “Bleeding Love”.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES