Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Domingo de Ramos, domingo de raros

jueves, 13 de febrero de 2020
Un é de natural soñador, tén inquietudes sociais e traballa na procura dun mundo mellor. Non xa para vellos coma íl, que fartos estamos de promesas incumpridas e de trolas mitineiras, senón para ises picariños que ainda non saben o que lles agarda e para os que, por desgracia, non pinta moi ben o mundo que lles espera.
Bó sería dicirlles a verdade.

Direi a miña: O mundo que vos venden é virtual. E o voso futuro, na maioría dos casos, está lonxe de esta Terra que tanto queredes, pero que só está feita para ser paraíso duns poucos privilexiados. Os que mandan nela, que non deixan de ser caciques, por máis que vos vendan unha ou outra ideoloxía, son seres mediocres, acomodaticios vendedores de mediamart, parlanchís encantandores, trapalleiros de crecepelos e contistas de merlíns e santas compañas. Nin con tetas nin sen tetas hai paraíso. A realidade é moito máis terrible do que vos contan.

¿Por qué? Pois pola sinxela razón que, se non hai nenos, non hai futuro. E os fillos dos amigos viven no extranxeiro. E alí, mal que nos pese, nacen os seus fillos. Uns nenos que xa teñen outra patria. Porque, Galicia, aquela na que naceron seus pais, foi tan cruel e esquiva que os abocou ao exilio económico.

Non, non foi a Terra, senón os políticos inútiles, dun signo e outro, que a gobernan.

Cando Rosalía conta que : “Deus fixo esta encantada terra para vivir e gozar”…esquecéuselle dicir que moitos galegos somos como Adán: Tamén perdimos o paraíso. Porque Galicia, sendo certo lugar do paraíso e lar de xente moi fermosa e digna, e tamén a leira onde viven milleiros de pusilánimes pesebristas educados no estoicismo; ou maseira de sorrintes tiralevitas aficioados ó bon vivir chámese lacón con grelos ou chámese praia.

Son homiños afeitos a calar, e se cadra, a baixa-los calzóns, para tragar e seguir sendo servís bonecos dos políticos. Non, nos vos creades que van a crear industria para solucionar o voso porvir; nin tampouco que van a amañar os problemas de infrastructuras da Galicia na que vivides; nin creades que amañarán a sanidade ou o ensino. Non, tampouco esquezades que van cambiar cousas para ben; non, eles están aí para servirse e garantirse un porvir para si mesmos e os seus satélites. Votade o que sexa honrado, se o atopades,sen mirar carnets nin color, olor ou sabor. Observade, se vos minto, cando vos digo que colocan os seus fillos en bos choios; que se xubilan e vanse á empresa privada para seguir facendo negocios… Non vos minto porque así son os que hai agora.

Non esquezades nunca que a política é servicio para os demáis, non para o propio beneficio. Acordádevos que a Facenda é un peto de barro onde cada un debemos poñer o que nos corresponde acorde ó noso vivir; e que quen non o fai é un ladrón ou un tramposo por máis bandeiras que exhiba. Un peto de barro que non tén outro dono que a totalidade da ciudadanía, que en teoría somos todos, aínda que na práctica quede moito que andar.

E a facenda cómpre coidala con toda a nosa valentía, sinceridade e respeto para evitar todos ises buxatos que sempre andan alimentándose dila. Se a sanidade se abandona e se privatiza, aí está o buxato das multinacionais roubando no erario público; se o ensino se marxina en beneficio do colexios de élites, aí están outros buxatos; se os xeriátricos se poñen ó servicio das empresas “benefactoras”, ¡ollo ¡ que o beneficio é para os accionistas non para os ancians.

¡Vaia chollo na actual Galicia! ¿Pódese falar de mafias? E así todo.
Fixádevos ben que cómpre: Axudar ao que non tén que comer, é moif ermoso; mais manter folgazáns unha estupidez absoluta. Recordar que cada subvención que se poida dar sal dos petos dos demáis, ergo…Dar cartos aos despabilados de turno a fondo perdido, é tiralos. Regalarlle ás empresas terreos, exención de impostos, pagarlles a luz - léase Alúmina- é caer nos chantaxes. E iso cómpre valoralo no seu xusto medio. Porque con mil millóns de euros que leva chupado a Aluminera, tamén se podían facer moitas cousas.

Así que o Día dos Ramos, cando voten os vosos pais, deixadeos que vaian, que xa se sabe quen vai gañar desde fai moito tempo. E non cambiará nada. E seguiremos esperando polas estradas prometidas; polas industrias que ían a montar; polos médicos que non chegan; pola chamada do hospital se queremos ir a operarnos a un hospital privado que acábamos antes; polos días que faltan para pechar o pequeño comercio e cobrar a xubilación; seguiremos vendo manifestacións de xubilados e nos ambulatorios; oiremos a algún predicador dos nostáxicos e novos Santiago Matamoros dando clases de racismo; decatarémonos, se non nos demos conta aínda, que os colexios de monxas son aos que van as señoritas, e os emigrantes ao colexio público; que os soldos dos mariñeiros siguen a seren tan cativos que xa ningún rapaz da vila quer embarcar, e así os armadores teñen mau de obra de Indonesia, Cabo Verde ou Perú.

Despois da votación e a procesión, iremos á taberna e aí estarán os incondicionais: Os cansos de non traballar; os ociosos que gostan de presumir; os que o comen con sopas; os que andan á chupeta; os que saben todo canto hai da política; os que van a facer e non dan feito; os que só descansan e miran o periódico… e ata entramos nós para poder retrata-la vida e así sementar soños, máis non é doado. ¡Xa que non teño dereito a voto, vota unha taza!
Iste é o meu mundo, rapaz, non o que me gosta, senón o que me toca vivir.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES