Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando o normal se converte en noticia

jueves, 13 de febrero de 2020
Di un dos paradigmas do xornalismo, que o feito de que un can morda a unha persoa non é noticia porque forma parte do habitual, mentres que o feito de que unha persoa morda a un can -por moito que as consecuencias ou os efectos do suceso sexan de moito menor entidade-, si que debería ser considerado noticia pola súa condición de inusual.

Sen embargo, vivimos tempos nos que o insólito, o infrecuente, o impensado ou o ilóxico comeza a ser tan habitual que por lóxica informativa case deixa de ser noticia -coma o can, a persoa e o can-, volvéndose, polo tanto, noticia o que entra -ou debería entrar- dentro da normalidade.

Fago esta breve introducción, que agardo sexa facilmente interpretable, ó fío da nova que está sucedendo a esta mesma hora na que eu estou escribindo (xoves, 18 horas 24 minutos), tendo ó presidente da Xunta como protagonista directo e a toda a sociedade galega como personaxes secundarios imprescindibles, logo de que o seu homónimo no cargo presidencial do País Vasco fixera o mesmo dúas horas denantes, non sen antes teren falado entre eles, tal como fixeron hai tres anos e medio anos atrás e mesmo hai oito e doce anos, se non me traizoa a miña memoria electoral.

Pero non o digo polo feito en si de que ámbolos dous representantes institucionais fagan coincidir por cuarta vez os seus respectivos comicios electorais, se non por algo moito máis común e cotián, e, sen embargo, nestes intres insólito, como é o simple feito de que dous responsables de comunidades autónomas que non forman parte da mesma formación política, falen entre eles. Para o que sexa, pero polo simple feito de falar.

Supoño que a partir de hoxe mesmo emerxerán argumentos a favor e en contra que avalen ou critiquen os motivos que ámbolos dous teñen para que vascos e galegos vaiamos xuntos a votar. A min, arestora, escápaseme en que os pode beneficiar, aínda que tamén son consciente de que se a coincidencia os perxudicara a un e ó outro, por nada do mundo se porían á par.

Se tal, ocórreseme pensar que ámbolos dous navegan ben nas augas mansas (ás que por outra banda están tranquilamente acostumados), polo que, se poden evitar a marexada -coa treboada impredicible que se aveciña polo nacente, que anuncia ondas nunca vistas no mar-, sería de tolos agardar a que lles poida tocar, aínda que sexa de raspallón, o furacán.

Que sexa noticia isto, pois ben..., seguindo a teoría do paradigma "can-home-can", ó final non deixa de ser normal.

Ora ben -será porque un xa vai cumprindo unha idade-, a min que me dean noticias coma esta e que me deixen de dar a lata tódalas mañás con presos tomando decisións políticas coma se presidisen a Generalitat, e presidentes da Generalitat que non se sabe se son ou non son presidentes e que convocan eleccións sen convocalas para que pareza vai mudar todo e todo continúe exactamente igual.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES