Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Brandeuse o ceo de vidro aló por Ponte-Gafín

miércoles, 12 de febrero de 2020
Sempre que podo fago esta viaxe: Desde o Casal, en San Salvador, collo cara a Roca pasando pola Ponte Gafín.

Desde alí, ollo peseniñamente cara ao Muíño de Merra. Paso ao rente da Nª Sª de Bascuas e, se podo, paro por alí demoradamente relembrando a Romaxe do “Quince”, a da Nª Sª de Agosto. Tan importarte daquela coma o Carmio de O Buriz e a Virxe da Pastoriza en Sant’ Alberte de Parga. Son paraxes entrañábeis da miña infancia e xuventude. Pero antes xa o foron da xeración do poeta: “o bulir propio dun mociño do seu tempo: viaxe ás feiras dominicais de Parga e ás do Sete, nos Vilares, presenza en romaxes e festas, paroladas cos amigos no adro tras a misa...”

Esta última vez o Río Roca, Grande, Requeixo ou de Bueiro, que todos eses nomes ten e vai acadando no seu decorrer, asolagaba as contornas, sobordando as beiras da canle habitual polas enchentes producidas polos dioivos destas datas pasadas.Todo estaba anegado.

Tamén é verdade que o abandono dos ríos por parte de todos é algo que non se entende.

A Ponte Gafín xa non é aquela que eu coñecín. Nin a túa, querido Díaz Castro. Aquela era moito máis sinxela pero máis aquelada. .

O Muíño de Merra e a súa fervenza, cos remuíños tan xeitosos eles, tamén están nun devalo total. Mágoa! Conviña recuperar a historia del. Eu, infortunadamente, descoñezo detalles, máis aló de telo visto cando neno. Xa gustaría de que Raúl Río indagase e fotografara toda aquela paraxe e recollese memorias do muíño e da vida que alí se desenvolveu, incluíndo Bascuas.

Porén non podo subtraerme nin arredar do maxín cal foi a familiaridade e as vivencias de poeta Xosé María Díaz Castro naquelas contornas.Non hai dúbida de que a esta Romaría achegouse el moitas veces xa desde ben neno, moi noviño. Despois, xa de mozo e de home maior. El saberá onde poñían a “merenda”.

No poema Remuíño, da sección Milagre, de Nimbos, hai todo un misterio que xa nunca vai ser revelado. Podemos conxecturar ata o infindo. Que pasou no seu íntimo para expresarse dese xeito? Percíbese unha loita intima, moi fonda.
Cando escribiu esa vivencia? Por que o acompañou no consciente oculto e velado para crear as metáforas que emprega?

Eu teño para min unha esexese. Estará ela enmarcada nun discernimento de tipo vocacional? Daquela xa se daría en idade ben avanzada. Foi ao seminario de Mondoñedo con quince anos de idade. Saíu no ano 1936, mobilizado para a guerra. Iso supuxo unha fractura de todo o sentido e a crise dos valores que mesmo parecían inamovíbeis. A viraxe afectaba a toda a súa vida.

Alumno moi avantaxado, tiña naquela clerecía un porvir máis que excelente. Na casa non se entendía moi ben que alguén cambiase de rumbo cando xa había tantos soños ao alcance da man.Viña de caste de cregos. Así se lle chama ao seu Vilariño.

Hoxe xa non se entende ese modo de pensar nin esas frustracións persoais e familiares.

Cómpre ter vivido perto daqueles tempos, ter estado no Seminario de Mondoñedo e por suposto saber o duro que era esa viraxe vital. Eu sei diso.
Por tanto, que esconde e quer dicir: “Brandeuse o ceo de vidro aló por Ponte-Gafín”?

Como me gustaría poder falar hoxe con el do sitz im leben dese misterio.E dicir: da “situación na vida”, do contexto e ambiente vital.

Foi unha primeira crise de postadolescencia e primeira xuventude? De todos modos, trátase sempre dun proceso moi profundo, doloroso e abaneante dos alicerces máis esenciais e vitais. Os amoriños primeiros ou un romance romántico vivido en fantasía? Parece máis fondo, e máis de adulto, aínda que tamén iso formase nesa mesma constelación.

Cando el escribe, relata a memoria dun proceso cunha decisión xa medio clarexada. Por iso pode dicir:“Pro tralo fume revolto de todo o que cai, sentín que Deus andaba a xogar.”

Foi pola primavera, despois do vou non me vou de marzo, da friaxe xélida do inverno e a explosión holística dunha primavera persoal que coma en todo ser tenta de alentar para evoluír:“Perdido no remuíño. Crebóuseme a paz coma un fío. ”“O vou non me vou de marzo?” Estivo nun tris de deixar o Seminario? Eu vivín ese mundo.

Ou foi a angustia dunha guerra cruel que tanto o feriu e que non daba chegado ao final? El estivo á morte na enfermidade que tivo. O que si é certo:“Torceuse o eixo das cousas. Crebóuse a paz coma un fío nos dentes fríos de abril.”

Como eu vivín a inmediata posguerra, son testemuña dos horrores dos que, chorando, relataban, sen quereren falar, aqueles homes e rapaces que sobreviviron a tanta miseria. Daqueles, moi poucos volveron ao seminario. Xa non tiña sentido: “Torceuse o eixo das cousas, toleou folla e raíz, moscáronme os soños, caio”.

En abril dixo o Xeneral.: “!La guerra ha terminado!”, Para quen? “Toleou folla e raíz, moscáronme os soños.” Xa nada do que foi, e o poeta soñou, ten sentido:“Chuchoume unha meiga os ollos. Non vexo. Todo é mourenza e negrura. Xa nin as lembranzas teñen nin forza nin sentido: “Ti xa non es metá de ti.”Que forte!:“Moscáronme os soños.”O único de grande e nobre que ficaba en min: “A beleza que me feriu para sempre”: “Ti, cabelos de ouro e de aire, nena, ¿en que ceo te vin? Pasou rispándome a quina dun cabalo que non vin.”

Certamente Ponte Gafín supón un arquetipo esencial e perenne nas súas vivencias. Pero aí está tamén a verdeira imaxe do fuxidío, da frustración, do fracaso total representado no retrouso repetitivo e angustiado, sen esperanza: “¡Xa no hai piedade pra min!”

O poema escribiuse, certamente, pasado o tempo. Pero as feridas e cicatrices xa nunca se borrarán, por moito que a esperanza volvese á súa alma mais fonda: ”Pro tralo fume revolto de todo o que cai, sentin que Deus andaba a xogar. ¡Inda hai piedade pra min!”

Para comprendermos algo deste drama tan profundo, cómpre engadir aquí: “Estes non son poemas, nin cimentos de poemas sequera. Son fragmentos de min mesmo perdidos, coma ventos fuxidos, por antigos camiños esquencidos: ¡Díaz Castro perdido no traxeito dun recordo moi longo, recolleito por un anxo e salvado nalgún intre de amor desesperado!”

Que lle pasou na Ponte Gafín? Por que se converte no paradigma dos arquetipos de esa sombra jungiana que tenta por saír del en toda a obra de NIMBOS, pero que el afoga ou vela de novo recubríndoa de metáforas e imaxes, para non espir a alma ou para deixala totalmente ao descuberto? Porque só a poesía é capaz desa catarse esencial.

Que ben o expresa cando tenta definir a verba Nimbos,nuclear en todo o libro e na súa propia vida:“Se é que o poema é só un nimbo de lus que os ollos cegos póñenlles ás cousas soñadas, ou amadas nas tebras, das cousas que xa foron e se foron pro seguen sendo e non se van xa máis, das sombras que, xogando cos meus ollos, na miña vida en lume se enxeriron, eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza de rosas que onte encheron de perfume o mundo, morto xove, dalgún soño.

Que contradicións:”Coma cinza de rosas.”Velaquí a sintese:“Eu deixo eiquí os nimbos, coma cinza de rosas que onte encheron de perfume o mundo, morto xove, dalgún soño.” Non sobra nada deste parágrafo: Cinza de rosas, que encheron o mundo de perfume,dun soño morto xove.”

Eu tamen soñei, amigo paisano e viciño, Díaz Castro, (mesmo case da familia).

Non sei o feito real que che impactou na Ponte-Gafín. Pero cada vez que paso por alí, paro e sento. E quero sentir tamén como me “pasa rispando a quina de tantos cabalos que tamén eu non vin.”

E pergúntome e pergúntolle á vida, perdido nos remuíños da fervenza de Merra: En que ceo te vin?

Porque a min, querido poeta,tamen tantas veces se me “brande o ceo de vidro aló por Ponte - Gafín.” Por iso paso e fago paraxe por alí sempre que podo.

E por iso tamén escribo hoxe “tralo fume revolto de todo o que cai, sentín, presinto e sinto como que Deus andaba e anda a xogar. Hai coma un “sensus plenior” que di moito máis do que se lé.

E conclúo coma ti: ¡Inda hai piedade pra min! Por máis que se me brande tantas veces o ceo de vidro aló pola Ponte-Gafín da miña nenez, de neno orfo de nai, e de relatos de medo e crueza pola miseria impartida desde o mundo dos vencedores.

Grazas, poeta!
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES