O mestre das bolboretas
Santalla, Iago - miércoles, 12 de febrero de 2020
Foise José Luís Cuerda, un xenio que nos deixa obras impecables como Amanece que no es poco, El bosque animado, Los girasoles ciegos ou A lingua das bolboretas. Nas súas películas consigue retratar sociedades pasadas e, polo tanto, establecer a memoria como pedagoxía e aprendizaxe de futuro.
Sempre son guións de contido, guións que reflicten pensamentos e actitudes; xa sexa a través do realismo ou a través do surrealismo. O caso é, que en moitos aspectos, o cine de Cuerda tamén é un gran recurso educativo. Para lembralo no seu pasamento vin e compartín unha escena da lingua das bolboretas na que o mestre reflexiona cun neno sobre a morte e o máis alá. O neno pregunta e o mestre devólvelle a pregunta, para saber o que lle din na casa. Despois, convídao a pensar por si mesmo e a construír as súas propias crenzas. É aí onde a historia se converte en educación e en recurso educativo.
Moitas veces, escoitamos a falacia de que o que pasou, xa pasou sen darnos conta de que a historia ten unha complexidade ética e humana que a transustancia ao presente, de forma que o seu estudo e coñecemento se fai imprescindible para o futuro.
A historia ten dous tipos de contidos, uns negativos que non podemos repetir e outros positivos que podemos proxectar de xeito mellorado no presente. Para isto, temos que establecer unha escala de valores consesuada a partir da que evolucionar. Isto cambia o concepto de historia que pasa de ser pasado a ser presente continuo, converténdose nunha oportunidade para ser mellores e evolucionar.
Recreala é contribuír ao futuro, é educar en futuro; polo tanto, a obra de Cuerda supón unha enciclopedia histórica que hai que valorar. Ligado a Cuerda pódese falar da necesidade de tratar a historia nese presente continuo que evite involucións e nos impulse a mellorar a realidade herdada.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora