Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (14)

martes, 11 de febrero de 2020
Manuel, ás dúas velas:
-¡Está celosa das miñas viaxes..., oficiais! ¿Muller, quen me vai querer, a min, un vello...; quen que non sexas ti? Pero non se discuta, que eu conformo niso do empréstito.
-¿Véde-la miña concatenación? -Aurelio estrullábase as mans, e non precisamente de frío, que naquela cheminea da Casa Grande ardían a tal momento dúas cañotas de carballo; dúas, á vez, que dúas eran as grandezas: ¡Alcalde e Fidalgo! -Ti, Manuel, se che preguntan para que queres esas leiras, dilles que queres volver á egua, canso do teu Mercedes; que as precisas, esas leiras, para sementa-lo toxo. ¡Si, si, toxo verde, mol, do da Mariña, para que o teu caseiro llelo pique ás bestas! ¡Intuición que tes, Alcalde! Pero sigamos co plan: Fíxate ben, que iso é o que dirás; ¡a tododeus, nesas compras, nas primeiras! Unha leira de cada lado do camiño, no medio da agra, só se lle ocorre a un Perito Agrícola..., ¡pasado de osca! A ti que non che importe, que tamén os hai que se fan os loucos para librarse do Servizo; ¡tan só un listo facéndose pasar por burro é capaz de engana-los paisanos deste Churiz, que xa os tentei, ben tenteados!
O Salmonte nin por comenencia quería aquel sambenito:
-¿Burro, eu? ¡Ai, non, que por esas non paso; e menos aquí, no meu Churiz, onde os meus entregos foron Condes, un Señorío, que o noso era daqueles de forca e de coitelo, que ata tiñamos verdugo!
Mabel, con máis luces; máis luces ou máis picardía:
-¡Burro, que es máis burro que tódolos contrarios da parada, todos xuntos! Pero, cacho animal, se canto che di Aurelio é que fagas ese papel..., ¡para fode-la xente! Non entendes cousa; ¡e de negocios, menos!
O aludido agachou as orellas, asnalmente, para que o seu Secretario montase aquela trama dunha industria tan estúpida; ¡iso é o que pensaba Manuel!
-A segunda fase do plan consiste -seguiu expoñendo Aurelio- en que lle presentarás ao Concello, ao teu, a ti mesmo, unha solicitude para..., ¡para Actividades Molestas! Si, si, exactamente iso; ¡que vas poñer dun lado desa corredoira unha granxa de pitas; e no outro, a dos coellos! Para daquela cambiaches de opinión e xa non mercas ese cabalo. ¡Estratexias de divertimento do inimigo, que se di! ¿Enténde-la cousa, Manolón?
-¡Cómame nunca o diaño, que daquela estes súbditos, estes veciños, vanme poñer unha albarda; e por riba, un saco de pedras!
Aurelio nin se dignou escoitarlle tales evasivas:
-Como es..., iso, Perito, ti queres facer experimentos modernos, cousa moderna; de enxeñería xenética, poño por caso. Experimentos á túa conta, para ensinarlles, despois, aos veciños, que con iso pretendes facerlle un favor á mocidade, evitándolles a emigración; ¡algo parecido ao que fai ese Mestre de Ourense, ese das Cooperativas, o Franqueira! Con este propósito, tan científico e tan laudable, nin os cernícalos deixarán de estarche agradecidos. A terceira parte, a guinda do pastel, será que os donos das outras fincas, das confinantes, por nada deste mundo quererán soporta-lo cheiro das túas granxas, nin das pitas nin dos coellos, que xa me encargarei de propagar que non me fas caso en cousas agrícolas, que te tes por sabido, pero que iso das reprodutoras hainas no meu país, e todas apestan; ¡lo menos, lo menos, en cen metros á redonda! Daquela, coa xente convencida, vas ti, que es un fidalgo, e para non prexudica-los veciños das outras, das lindantes, mércaslles, por unha insignificancia, ¡tódalas súas, todas! Coas lindantes, coas seguintes, por ámbolos lados dese camiño, que nos farán falta, todas, e máis que houbese, para logra-lo monopolio, ¡digamos, soarego! Mira, Manuel, tal e coma se os Salmonte volvesen á exclusividade do seu feudo medieval, ¡séxase, antes dos aforamentos! ¿Poste torvo, ou é que aínda non o tes claro?
-¡Este argalleiro do nabo! Oes, de postos así, decididos a arramplar con todo, se alguén non nos vende ao barato, daquela vou eu, como Alcalde, e plántolles unha expropiación. ¿Por causa de utilidade pública? ¡Máis barato!
Aurelio botouse as mans á cabeza; tíñao por burro, pero algo menos. Volveu a cargarse de paciencia e seguiu desenrolando naquel plan do seu propio desenrolo, ¡privado! Do seu, que o municipal importáballe ben pouco ao Trío da Bencina, ¡todo lume, pero escondendo o fume!
-Manuel, a modo; todo iso con suavidade, coa suavidade dun Alcalde listete, que estes lugareños tan atrasados, xente coma esta de Churiz, son coma mulleres, todos eles: ¡cantas máis caricias, con tal de que sexan suaves, máis dan de si! Neste suposto, quere dicirse, se escornan, entón diraslles que non queres prexudicar a ningún veciño, ¡faltaría menos!, pero que en par desas granxas pode haber, incluso, infeccións do pasto, e que por iso, ti, de boa veciñanza, lles permúta-las fincas, todas, se non chas venden, polas que teñas ti nos arredores, pero na parte máis oposta da Vila, aló por contra dos barrancos, ¡inútiles para solares! Que planten castiros nelas, mentres ti plantas, nas súas, nas que foron deles..., ¡bloques de casas, consecutivos, moitas! ¿Manolón, percíbelo; veuche o siso, veuche o acme?
Non o captaba; en absoluto:
-¿En definitiva, que coño queres facer con esa cantidade de leiras: un campo de fútbol, dous, tres...? ¡Demasiada terra!
Nada, que o ínclito Rexedor seguía sen rexer. Aurelio fíxoo rabiar, a pracer, pero o Manuel pasaba por todas con tal de entrever xuros, xuros doados..., para paga-los seus mecos, ¡a ser posible, francesas!
-Díxenche en certa ocasión que eu son urbanista..., ¡e nin así asócia-las ideas!
Pero Manuel, erre-que-erre, sen cheira-la fortuna que entrañaban aquelas perspectivas, aqueles confíns, grandiosos, aurelianos, desorbitados; ¡especulacións multimillonarias! O resto, ¡muxas!
-Meu Secretario, como Asesor Legal tes comigo o que queiras, pero no tocante á agricultura..., ¡un parvo! ¿Meterme, eu, a vixiar esa porcallada das granxas? Daquela nin os casaldeiros quererán facerme ese traballo..., ¡que antes emigran! Chacho, terás que seguir matinando noutros negocios, ¡tal que nun serradoiro!
-Alcalde, ¿que clase de político es ti? Voucho disparar, á mesmísima boca da xerra: Desde que sexan nosas tódalas leiras do circundo urbano, tódalas idóneas para construír, e desde que vexan por aquí un Enxeñeiro, que o traerás ti, de propósito, xunto con Axentes, con Técnicos deses da Extensión Agraria, etcétera, todo un tinglado, o preciso para segui-la ficción dun proxecto agrícola, daquela, ¡zas!, cambias de opinión, de socato, outra vez, ¡que para iso, vales! Escoita:
a) Os veciños terán un camiño bo, expedito, para ir coas cubas a ese Rego das Abrairas, ¡que o Miño quédalles a trasmán!
-¿A por auga; para que? -Preguntou Manuel, intrigado, somerxido naquela nebulosa cerebral inchable, expansiva.
-¡Para caso de incendio, so burro; para o que sexa; que máis che dá! O importante é que lles fas, cedendo unha propiedade, túa, túa, subliño, un acceso ao río. Pero ao que ía; atende:
b) Ti, magnánimo Alcalde, aínda que te prexudica nos teus proxectos, niso das granxas, ante a pública e reiterada petición, ¡miña, por suposto!, accederás a ceder gratuitamente dúas franxas de terra, rectilíneas, cara ao río, de forma que ese camiño quede de once metros; ¡co afirmado e coas beiravías por conta do Concello!
O inocentiño do Salmonte perdíase nos puntos:
-¿De once metros? ¿Por que? ¿Imos face-la festa do patrón; ou unha corrida de galos, agora que non quedan bestas e que a Protectora dos Animais, tal e que sei eu...?
-Manuel, faremos algo máis práctico. Escoita: Esa gran avenida é para os camións cisterna, para socorre-la Vila; para que podan cruzarse con comodidade, e rápido. ¿Entendes?
-¡Ah, sendo así! Entenderte non é doado; ¡cómame o demo, que noutra tal nunca me vin!
-Manoliño, e Mabel, non abrades aínda a boca, ¡que se vos vai facer auga co que vén despois! Cando teñamos todo a punto, que calculo que se fará en cuestión de noventa días, eu preparo o Concurso dese Aparellador, asunto no que estamos conformes. Co Aparellador posesionado, vas ti e decretas unha suspensión temporal das licencias de obra, ¡para modificación e ensanche do casco urbán! É un dicir, que todas, non, que as nosas xa as teremos aprobadas; ¡autoconcedidas, de antemán! Así englobamos tódalas parcelas desas granxas nonnatas, esas leiras que na semana anterior ían para granxas..., ¡cheironas! Dese xeito tódolos terreos da Vila de Churiz, tódolos construíbles, ¡nosos! ¡Nosos, nosos! ¿Comprendes a xogada; agora si? ¡Ai Manuel, Manuel, que fatigoso resulta explicarche un negocio, por elemental que sexa!
Á Mabel medráronlle os ollos, que xa os tiña, de seu natural, amplos e raxados; pero o que é Manuel seguía desbordado, parándose nas minucias:
-Secretario, amodiño, que te pillei nun renuncio: Gústame iso de acapara-los solares; todos, tódolos da Vila, sen excepción, ¡todos en por nós!, pero, ¿para que queremos un Aparellador se ao outro día empezamos a denegarlles aos veciños as Licencias das Obras, incluso nos arredores, que o Centro, a parte boa, a nivelada, para daquela témola nós, copada ao cento por cen nesa operación rotunda, envolvente, tal que aquelas do Caudillo?
-Manolón, ¡que non é a Guerra de España; isto é unha guerra sucia, económica! Centrándonos en materia: Entre outras comenencias, querido socio, dignísimo e admirado Alcalde, ti e mais eu seguiremos en olor de santidade, ¡que para iso teremos un Aparellador, para loitar coa veciñanza! Nosoutros terémo-la función específica de revira-lo Plan Urbano cara a onde mellor se nos acomode, a onde máis rendible nos sexa, cara ao río, gañándote, de paso, o agradecemento dos teus veciños..., ¡en vista de que xa non lles fas esas granxas cheirentas! Manuel, un bo consello, un consello de sentido práctico: Móntalles aos vasalos, sempre, unha morea de complicacións, de molestias, de imposibles..., ¡e acto seguido fas que resolves ao seu favor, que ese é un full de ases, o mellor do mellor!
Manuel resopraba ao verse en lardo vivo coas suores daquel éxito inxente, inesperado, incalculable, inminente...; ¡tódolos íes do dicionario! Case que chorou coa emoción, co sufoco daquela emoción: ¡El, un Salmonte, elevado, retornado ao feudalismo, encastelado no corno da abundancia, e precisamente por aquel Secretario, por aquel Aladino do que chegou a temer que lle pispase a muller, diante das súas propias nafres!
-Mabel, chatiña, saca outra botella, desas de cava, que este ambiente afógame; non resisto tanta prosperidade, caída do Ceo. ¡Unha lotería! ¡Ai, ho, vaia Secretario providencial, que é bo descorrer; e menos mal que estás da miña parte, que terte na outra..., manda truco!
-Alcalde, que ti non es capaz de sopesa-la prosperidade que che espera: ¡Miles de vivendas, un formigueiro, tal que unha esponxa para zuga-los aforros de tódolos emigrantes, de tódolos pasmóns desta bisbarra; milleiros de homes e de mulleres papando frío, molleiras incontables, pasando fame, mal durmindo en barracóns, pragados de frieiras e de influenzas, lonxe da súa xente, sen ter con quen falar ao seu xeito..., por Europa arriba..., e total para que nolos tres andemos de chea, de chea e de troula, máis quentes cós coellos!
Manuel, que xa estaba obnubilado, máis cego que nunca, máis palimoco que nunca:
-¡Seguro que non, meu Secretario; e seguro que me vas dicir que eses solares da granxa, dunha granxa que non será granxa en cousa dun ano..., casas de oito ou dez alturas! ¡Rañaceos, coma nesa illa da Nova York! ¡Cómame nunca o demo, que é bo descorrer; nin que foses Ministro!
Aurelio seguía frío, sarcástico, comenenciudo, impasible, gozando co divertimento mefistofélico da malicia:
-Os meus cálculos van por aí, pero con máis discreción. Desas leiras teñen que saír...; ¡teñen que saír dous centos de casas, das de catro alturas! Dous patios, con oito vivendas por planta; milleiros, en definitiva, tal que unha coelleira, para cando retornen eses coellos do monte, eses seareiros que están agora están na seara da emigración, morriñosos da súa Vila e traballando arreo para nolos tres, ¡sen decatarse diso! ¡Ten graza!
Volvendo ao planeamento dos pisos: De catro, só de catro plantas, que os vellos enténdense mal co ascensor, e para cando o queiran poñer, nin cartos terán; en definitiva, que tampouco fai falla escandalizar na veciñanza. Con esas construcións, aínda nos sobra unha leira, a de xunta o río, a da parte de arriba, que para esa teño plans diferentes...
-¿Esa, esa é a que queda para produci-lo toxo da miña besta; non é?
-¡Salmonte, marraches! Esa parcela va-la regalar ti, ti mesmo, ¡ao propio Concello!
-¿Eu? ¿Un regalo da maneira, despois de recalificada para solares...? -Escandalizouse o Manuel, túzaro, cobizoso, mesquiño.
-¡Xefe, se iso che digo, iso farás! -Impositivo, autoritario, sen darlle treguas. -O que realmente vas doar son as nosas partes, tres, pero coma se fose túa, que eu sigo, e seguirei, na sombra..., ¡ao longo de toda esta industria! O triángulo éche escaleno: Eu, coa miña capacidade, penso; Mabel, anímanos, aos dous; e ti dá-la cara, que se non a tes dura, grandísima si que é..., ¡coma un boi! Manolón, non me mires con facha de asasino, que nesa parcela, na doada por ti, pola magnanimidade dun fidalgo, dun Alcalde excepcional, fillo preclaro e benfeitor desta Vila, farase, faremos, ¡a Piscina Municipal! Unha gran piscina, con tódolos complementos deportivos do caso, que revalorizará os bloques das casas, ¡as nosas! Figúrate, casas cunha piscina inmediata, nun parque, xunta ao río, ¡con cartos do Goberno, que ti pos a leira, e vai ben!
Mabel púxose a bailar de gozo diante dos seus homes; ¡dous! Unha especie de danza ventral, das dos sete veos, facendo que os tiraba de enriba, imitando unha película de harén turco. Mellor prefería darlle un bico ao seu Aurelio pero decidiuse por agarimar no Manuel, con disimulo calculado, ¡para cela-lo outro!
-Manuel, Manueliño, que pasaches da cotra á potra, que con estes plans do noso Aurelio, ¡xa ves! Retiro áureo: en París, en Niza, en Mallorca...; ¡onde nos pete! Para daquela déixoche trae-las bailarinas á casa, facendo como que son doncelas, miñas, ¡polo que dirán, que outra cousa...! Sexan roibas ou morenas, que incluso me valen as mulatas, polo estilo daquelas que tiña meu pai na súa mansión habaneira para darlle ao abano, que me dixeron que diso vén o nome da Habana, que por aló abanan ós homes unhas mozas ás que chaman jineteras..., ¡maiormente cando lles proe a entreperna!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES