Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A escola non colle na casa

viernes, 07 de febrero de 2020
Hai dereitos así de raros: o que recoñece aos pais elixir centro para os fillos de acordo cuns valores que ninguén sabe onde están ou como se miden. Na realidade reclámanse privilexios e non dereitos porque os únicos valores esixibles son os que recoñece a Constitución e os dereitos humanos. Hai administracións que pagan cos cartos de todos o clasismo de poucos.

Lemos que hai familias que retiran aos fillos dos colexios e apostan polo homeschooling ou a burbulla educativa na casa. Iso que impedirá xuntar nenos e nenas, acoller xente doutras orixes e culturas, sentar pobres e ricas, discapacitadas, torpes ou listos xuntos na aula, microcosmos que reflicte a sociedade. Ignoran eses benintecionados pais que os fillos medran mellor sen a súa presenza abafante e que a mellor aprendizaxe faise en grupo. A convivencia garante que poidan desenvolverse interactuando cos outros.

A burbulla familiar pode crear contactos pero a socialización é o humus necesario para os nenos. Na asepsia do País das Marabillas os pais liberan aos fillos das arestas duras da vida, a frustración, a falta de motivación. Prívanlles da poderosa ferramenta educativa do horario e corren o risco de sobreprotexelos, esa forma sibilina de maltrato.

Como distinguir nese modelo a bardallas que envelenan aos fillos con ‘valores’ antidemocráticos? O dereito á educación pertence aos fillos, non aos pais. Ninguén garante a súa idoneidade pedagóxica que os mestres aprenden na facultade e na area das aulas.

Os nenos son máis grandes que a súa cabeza. Están cubertos de pel poderosamente social. As aulas non son academias de matemáticas ou inglés. Son espazos de convivencia, privilexiado teatro onde aprenden normas e límites, onde se vacina contra virus da intolerancia, racismo, sexismo e xenofobia. A carón dos outros e dos mestres aprenden que non son o embigo do universo.

A escola educa o cerebro e amobla o corazón. A casa é importante pero, convertida nunha burbulla, non seremos capaces de crear persoas, de formar cidadáns. Apréndese a vivir convivindo e con cousiñas transversais como educación para a saúde, prevención de drogadiccións entre elas a dos móbiles, sensibilización ecolóxica, lectura crítica de imaxes... O homeschooling difícilmente podería cun programa tan amplo.

Os fillos non son propiedade dos pais e, como di o refrán africano: “Necesítase a tribo enteira para educar a un neno”. Pero, ai, a tribo non colle na casa. Ao outro lado da porta hai homes, nenas, vellos, mulleres, rapaces. Peles de todas as cores crean unha riquísima urdidura social onde viven e van vivir os rapaces máis aló de burbullas pequenas pero irreais, mornas pero empobrecedoras. Cómpre saír cada día da casa. Á mesma hora. E ir xuntos á escola.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES