Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ensino na palestra política

viernes, 07 de febrero de 2020
Despois de moitos anos da miña vida activa como docente, sigo observando que cada cambio de goberno, cando non de ministro con competencias no ensino, está empeñado en ofrecernos algunha modificación, confirmándome así na preocupación que sempre nos afectou aos docentes: A teimuda matización ideolóxica, por un costado e polo outro, camuflada na roupaxe do pretexto prologado das supostas melloras, sen pararse a considerar que algo tan necesarios como os cambios politicamente circunstanciais é a estabilidade e sosego nos obxectivos perseguidos na actividade docente.

E, non obstante, a impresión que na miña actividade docente me acompañou continuamente foi que no sector habitualmente coñecido como HUMANIDADES os cambios están enfocados a substracción de materias absolutamente indispensables para responder ás inquietudes máis profundas que ten o home/a muller. A propósito, considero interesante unha cita de Nicholas Rescher, filósofo especializado en Filosofía da Ciencia, profesor na Universidade de Pittsburgh, do seu libro “ Los límites de la ciencia”, Tecnos, Madrid, 1994, px. 243, que di así, ofrecida polo profesor da Universidade de Valladolid, Dr. Marcos: “exaxerar as aspiracións da ciencia ata o punto de soster que ten ´todas as respostas` sobre a condición do home, o sentido da vida ou OS ASUNTOS DE POLÍTICA SOCIAL, é dar un paso perigoso” ….”o home – continúa Rescher – é membro non só da orde NATURAL das cousas, senón do especificamente HUMANO”, px.245. (Maiúsculas e tradución ao galego, miñas).

Parece ignorarse deliberadamente, por algunhas medidas que se toman nos plans do ensino, que a persoa humana non se reduce a xenes e neuronas. Reflexionemos un pouco en que o mesmo Xenoma Humano, aínda que aporta información extraordinariamente valiosa, nada nos aclara da mesma natureza humana. E, abundando no mesmo, Adela Cortina, no seu libro “Neuroética y neuropolítica”, Tecnos, Madrid, 2.011, no Cap. 3, explica extensamente por que considera que non hai unha ética universal con fundamento no cerebro, proporcionándonos a evidencia de que existen aspectos da nosa vida que non encontran suficiente explicación nin fundamento último no mesmo cerebro, na remisión ao físico, e estes aspectos non poden ser preteridos nos plans do ensino, con subtraccións ideolóxicas ou solapadas decisións en liña partidista.

Compréndense algunhas actitudes, se non as cataliza a hipocrisía política, xeradas pola ambigüidade que existe na nosa vida humana, na que, por unha parte, facemos achegas dun valor incalculable, froito dun progreso adecuado; pero, por outra, aínda non fomos capaces de evitar que a supervivencia para moitos humanos sexa difícil e mesmo imposible; que a razón sega fraqueando nas propostas de paz; que a educación (en sentido amplo) non chegue a moitos dos nosos conxéneres, nin ese denominador común cultural no que deben ter respectuoso asento os diversos numeradores en lexítima diferenza; nin que se logre espertar un sentimento para gozar das distintas expresións artísticas, e non falemos dun pensamento elaborado contextualmente, etc. De tal maneira que, por todo isto, tampouco somos capaces de incorporar certas dimensións da experiencia humana absolutamente necesarias para situarnos nos espazos críticos con xustiza e ponderación: UN CAMPO ESTE QUE SÓ O CUBREN AS HUMANIDADES.

Como di, ao respecto, D. Adolfo Castilla, catedrático de Universidade, nun excelente traballo, na Revista Dixital Fronterasctr: “Pretendo, en liña co que se fai hoxe cada vez con máis intensidade, falar dos compoñentes básicos da natureza do home: materia e espírito. Son os situados en primeiro lugar, pero non debemos esquecer outros compoñentes da dita natureza, aos que me referirei noutra ocasión, como a enerxía, a información, a comunicación e, moi especialmente, o propósito, a intencionalidade e o destino”. Esperámolo ansiosos de telo nas nosas mans, para coñecer a súa opinión acerca dos límites da ameazadora tecnoloxía, destacándonos a evolución do espírito e da consciencia e a súa potenciación fronte ao empuxe vigoroso da ciencia, que, supoño, contribuirá a que as “humanidades” ocupen nos instrumentos curriculares o lugar que a realidade persoal humana necesita para completar a súa formación integral.

É curioso que o home teña un nivel de coñecementos, sobre todo científicos, moi respectables; pero non se coñeza a si mesmo en profundidade. Os antropólogos saben que non hai consenso sobre a súa identidade, nin está clara a definición da súa esencia, e tamén se discrepa sobre a súa natureza.

Talvez teñamos, pois, que recorrer a Foucault, aceptando que nosoutros pensamos con dependencia do código cultural no que vivimos, mais, non obstante, as preguntas polo noso sentido da vida seguen pendentes dunha satisfactoria contestación. Ensaios si se poden facer, tanto con fundamento na antropoloxía xudia, como na grega e, por suposto, na cristián. Pero a crise de sentido, na actualidade está servida, precisamente polo empeño en “deconstruír” o humanismo acadado ao través da historia: construción do home por Deus de arxila, nunha especie de simbioses de corporeidade e espiritualidade (hebrea, xudía); a concepción grega da persoa como un microcosmos, un animal racional e esencialmente social e político, con comportamento ético, e formación filosófica e política; as tres tradicións que integran a antropoloxía cristián: relacións constitutiva con Deus, Cristoloxía e perspectiva pauliña, caracterizada pola imitación de Cristo e acentuación das virtudes, aínda que San Paulo opúxose a “meritocracia” e ao absolutismo da lei, defendendo a gratuidade da xustificación. (Ideas apuntadas polo Dr. Castilla no artigo citado).

De todo o exposto nos parágrafos anteriores non parece impertinente concluír que as disciplinas que se coñecen como “humanidades” deberan potenciarse para acadar, polo menos, un nivel aparellado coa evolución da ciencia e da tecnoloxía. Lembremos que xa Wilhelm Dilthey, polo ano 1.883, publicou en Berlín unha obra que podemos consultar, en versión castelán, no FCE, México, 1.980, dirixida por E. Ímaz, co título seguinte: “Introducción a las ciencias del espíritu. En la que se trata de fundamentar el estudio de la sociedad y de la historia”. Con esta publicación abre o filósofo alemán un importante debate acerca das “ciencias do espírito” (Geisteswissenschaften), aínda que o fai centrándose na realidade histórica; pero establecendo unha diferenza entre a EXPLICACIÓN, referente aos fenómenos propios das ciencias naturais, con hipóteses e leis, e COMPRENSIÓN, como tarefa da hermenéutica. Reparemos que todo o que está vinculado a realidade persoal humana ten unha interioridade (Innerlichkeit), que non pode quedar a mercé de ningún matiz ideolóxico, e, polo tanto, excluído ou debilitado no ensino, por mor de satisfacer os desexos daqueles ideólogos de erudición á violeta.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES