Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (4)

miércoles, 05 de febrero de 2020
A devoción popular
Dentro xa da capela os romeiros realizan os seguintes rituais. En primeiro lugar, desde unha ringleira, situada á dereita do recinto, dispóñense a tocar coas súas mans o con panos diferentes partes do sarcófago. Ademais, introducen un dos seus dedos nun oco situado na parte inferior dereita do mesmo sartego. Logo, nun altar ergueito fronte á sepultura do Conde Santo, un fregués pon a imaxe do san Bento por riba da cabeza dos fieis, pronunciando a seguinte xaculatoria:

Cristo vive,
Cristo reina,
Cristo te libre de todo mal. Amén.
El Conde Santo bendito,
te libre de enfermedad,
te dé la sanidad,
por el poder que Dios tiene. Amén.

É mester dicir que o conde Osorio non ten imaxe da súa representación no interior do templo, xa que non foi nomeado santo oficialmente, aínda que no ámbito popular fose recoñecido con ese atributo.

A capela de Valdeflores comunica co claustro, rematado no ano 1786, onde se encontra o pozo do santo. Antano, as súas augas utilizábanas os devotos na procura de remedios para as súas doenzas.

Os milagres do Conde Santo
Nun manuscrito datado en setembro do ano 1879 para don Alonso de Osorio, marqués de Astorga e conde de Trastámara, relaciónase con todo luxo de detalles o testamento do Conde Santo, a súa vida e xenealoxía, así como dezasete dos milagres que se lle atribuíron.

Entre os portentos que relata ese documento figura o da resurrección dun mozo do lugar de Bolaño (Castroverde), que morrera afogado a comezos do século xi. Daquela os pais do rapaz, que o sacaran do río xa sen vida, levárono inmediatamente perante o seu tío, que era monxe e un gran devoto do Conde Santo. Logo de celebrar unha misa polo mozo, desprazáronse á vila de Lourenzá, a onde transportaron o corpo do finado, para depositalo baixo o sarcófago do mosteiro. A seguir o frade celebrou alí outra misa e elevou as súas pregarias ao venerado fundador daquel cenobio. Ao rematar as oracións o defunto comezou a falar, quedando todos atónitos ante esa situación. A partir dese momento, o mozo resucitado gardou gran devoción ao Conde Santo, asistindo todos os anos á súa festa.

Tamén se conta nese escrito que, antano, algúns devotos adoitaban levar persoas consideradas endemoñadas ao sartego de Lourenzá. Ao chegaren á igrexa monacal poñían os enfermos posuídos baixo aquel sarcófago mentres pregaban a intercesión do santo e, así, algúns sandaban e ían, alegres e satisfeitos, para as súas casas.

Outro prodixio refírese a unha parturiente con dificultades para ter o seu fillo. Era unha muller nobre do bispado de Astorga; sufría importantes complicacións por mor dun embarazo anormal. Por tal motivo prometeu ao Conde Santo que se o parto era bo, ofreceríalle o seu froito a Deus, fose neno ou nena. As pregarias daquela nai foron atendidas e, logo de bastantes sufrimentos, deu a luz un varón, que mandou educar para monxe. Pasado o tempo aquel neno chegou a ser abade do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, e a muller deu grazas a Deus por tan grande honra. Segundo a narración, a humildade e santidade daquel prior foi tan sublime, que os bens que a súa nai depositaba no mosteiro el repartíaos entre os pobres.

Organización da festa
Unha comisión encárgase de planificar os diferentes actos da festa, tanto os relixiosos como os profanos. Con respecto aos primeiros, os comisionados póñense en contacto co párroco da vila para organizar os diferentes oficios e rituais, así como á visita ao sepulcro do Conde Santo. En canto á dimensión profana, cómpre destacar que en 2005 a maior parte do presuposto se dedicou á contratación de diversas orquestras, que amenizaron as verbenas, ademais de traer grupos de danza e folk que ofreceron un grande espectáculo. O resto repartiuse noutras actividades, como concertos dalgunha banda de música, pasacalles a cargo de charangas e grupos de gaitas, competicións deportivas, organización dunha festa infantil, etc. Con todo, no ano 2006 estas tradicionais conmemoracións -sinaladas no calendario para o último fin de semana de agosto máis o luns seguinte- estiveron a piques de se suspender. Bo foi que, cun prazo de tempo moi apurado, os veciños de Vilanova de Lourenzá se puxeron de acordo para constituír a comisión organizadora.

Un acto habitual e relevante destas festas, sobre todo polo que representan para os Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (4)nenos, é a actuación dos cocos e cabezudos, que adoitan saír pola mañá e pola tarde durante os días de festexo.

Os cocos -home e muller- son unha parella de xigantóns de gran tamaño, con case 3,50 metros de altura. Os portadores que os moven no desfile -acochados dentro das súas roupaxes- deben posuír forza, resistencia e mesmo equilibrio, non só polo peso dos bonecos, senón tamén para manteren ergueitas, durante o seu transporte, as armazóns de barras interiores que os sosteñen. Fixéronse as cabezas dos cocos con engrudo e papeis de periódicos pintados; os seus brazos van articulados nos ombros; as mans lévanas cheas de serraduras cubertas con tea, e os corpos armáronse cunha estrutura de madeira para vestir. Teñen un buraco na parte central da cintura para que cada portador poida ver por onde anda.

Segundo Francisco Fernández del Riego os primeiros cocos e cabezudos foron deseñados por D. Francisco Ron Colmenero e os seus fillos a comezos do século xx. Daquela os dous xigantes tiñan un aspecto diferente aos de hoxe, xa que mentres o coco tiña os trazos dun xitano, a coca representaba unha dama con pamela. Nos anos corenta do século xx foi cando -segundo testemuñas da vila- comezaron a modificarse, aos poucos, ata teren o aspecto que amosan arestora. A parella de cocos e un grupo de cabezudos -considerados como os seus fillos- percorren as rúas da vila, acompañados dun conxunto de gaiteiros. Polas festas do Conde Santo van bailando e xirando sobre si mesmos, e os nenos que van na comitiva foxen do seu arredor para evitar os mangados dos xigantóns.

Fabulosas parellas semellantes, de colosal tamaño, animan tamén os festexos nalgunhas parroquias e vilas lucenses. Así, en Ribadeo os cocos teñen tanta popularidade, que se lles dedicaron dúas estatuas en metal, na praza de San Roque. Tamén, na parroquia da Ermida (Quiroga), o día da festividade dos Remedios, dous xigantóns, que aquí reciben o nome de pampónigas, saen ao comezo da procesión, acompañando a imaxe da Virxe.

Ademais, polo Conde Santo a maioría dos actos profanos celébranse na praza do Mosteiro. E iso dá lugar a que, dalgún xeito, exista unha certa interacción entre os dous ámbitos da festa.

Cómpre salientar, finalmente, que estes festexos contaron coa evocación dun cantar popular, ben coñecido sobre todo na Mariña e nas súas terras limítrofes:

Teño que ir ao Conde Santo,
que se fai en Vilanova;
hei de levar na cabeza,
sombreiro da nova moda.

A cantiga ten outra variante, na que cambia o seu último verso polo de «encaixes de moda nova».
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES