
O día 13 de febrero de 2020 estaremos de aniversario. Pouco podiamos imaxinar os familiares e amigos de Manuel Rodríguez López que o día do seu falecemento, hai xa trinta anos, o poeta de Paradela estaba a iniciar unha nova vida. Cunha presencia distinta pero plena, cunha actividade constante e recoñecida.
Estamos orfos da súa presencia física, si. Desgraciadamante, a negra sombra tronzou demasiado axiña os seus sentidos e privouno de vivencias inimaxinadas para el e para nós. A pesar diso, no meu peito o día 13 de febreiro de 2020 eu non o lembrarei como o trinta cabodano do seu falecemento, senón como o trinta aniversario do seu segundo nacemento.
O día en que Manolo naceu por segunda vez, el tiña xa 55 anos de experiencias vividas cunha sensibilidade de poeta. Un dos seus grandes méritos foi deixar un legado único formado por unha importante obra literaria e por unha familia e uns amigos que o quixeron tanto que non estaban dispostos a perdelo para sempre.
Manolo pasou os primeiros anos da súa segunda infancia entre a protección e o coidado de familiares (coa súa dona Irene á cabeza), amigos (encabezados por Xulio Xiz, José Manuel Mato e Xesús Mato) e conveciños (sobre todo paradelenses, lucenses e barceloneses) que honraban a súa memoria e poñían en valor o seu legado. Paradela, gracias ó seu Alcalde José Manuel Mato, convertiuse no epicentro do recoñecemento permanente a Manolo. Foi nomeado Fillo Predilecto, e feito estandarte cultural do Concello a través de innumerables actos e homenaxes, entre os que destaca a creación do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López. Un certame plenamente consolidado a nivel galego, nacional e hispanoamericano, que está xa na XXV Edición.

Os anos mozos do novo Manolo viron medrar aínda máis a difusión da súa obra e, xa na súa segunda xuventude, prodúcese un espectacular incremento cuantitativo e cualitativo nas iniciativas e accións para honrar ó poeta de Paradela. Destaca o Proxecto Manuel Rodríguez López de GaliciaDixital, que resulta nunha morea de importantes fitos.
Moitas ducias de persoas son responsables ou están relacionadas co éxito acadado e son centos as que participan a través da páxina web Manuel Rodríguez López e por medio dunha exposición itinerante que leva percorridas case 50 localidades da península ibérica. Tamén a través de libros, prensa escrita, radio, televisión e internet. Non podo nomear a todos aquí, pero, en representación deles, sinto o deber de mencionar os nomes, (engadidos ós citados anteriormente de Xulio Xiz, José Manuel Mato e Xesús Mato), de catro destacados amigos: Antonio Giz, Valentín García, Xesús Alonso Montero e Ángel Fernández López.
Estamos, pois, de celebración. Unha celebración, no meu caso, íntimamente xunguida a dous sentimentos. O orgullo de ser fillo de Manuel Rodríguez López e a gratitude cara todos os que fixestes posible que o meu pai cumpla trinta anos por segunda vez.
(Santiago Rodríguez López, profesor de Xenética na Universidade de Bristol é fillo do escritor e Fillo Predilecto de Paradela, Manuel Rodríguez López).