Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un relato no mundo

martes, 04 de febrero de 2020
Unha viaxe matinal a Compostela sen as presas habituais marcadas pola viaxe de regreso,, permitiume achegarme á exposición que dende hai uns meses e penso que ata o próximo mes de marzo, está distribuída por dúas salas do Museo Gaiás, na Cidade da Cultura.

A mostra, por se vostede non a ten visto ou non ten lido nada sobre ela nalgún medio de comunicación, titúlase "Galicia, un relato no mundo", e ven a ser algo así como -parafraseando ó meu conveciño Celso Emilio Ferreiro- unha visión globalizada de "onde o mundo se chama Galicia", non en van, a través de multitude de obxectos de arte ou cotiáns e documentos moi diversos, propón unha visión universal da historia de Galicia, dende a prehistoria ata os nosos días.

Comisariada polo xornalista Manolo Gago, a exposición vaille dar a oportunidade de poder ter ó alcance visual pezas e documentos que se atopan por primeira vez en Galicia, tal como a denominada Biblia Kennicott, de gran valor para a relixión xudea e impresa hai cinco séculos na Coruña, dous dos tres libros do Códice Calixtino que se conservan, un deles procedente da bilbioteca Vaticana, ou a "Santa" de Asorey, unha imaxe tallada polo escultor cambadés, Francisco de Asorey, que se conserva habitualmente no Museo da Casa de Galicia de Montevideo e que traballada en madeira policromada, sen lugar a dúbidas, o paradigma da muller galega. Unha peza fermosísima que coroa perfectamente a mostra e representa dalgún xeito o símbolo da Galicia matriarcal que foi quen de evolucionar cosmopolita ó longo da historia.

A min, ademais, loxicamente, do propio interese polo conxunto da mostra e polo discurso ben enfiado que daba por suposto tiña elaborado con mestría comunicativa o apreciado Manolo Gago, levoume a ela o feito de que dentro dese discurso visual e expositivo tamén ten un lugar de preferencia a coroa poética que no ano 1904 lle entregaron a Curros Enríquez, denantes de iniciar a súa derradeira viaxe a Cuba e que habitualmente custodia a Fundación Curros Enríquez na Casa dos Poetas, por legado da Real Academia Galega, depositaria legal dela dende que Pío Cabanillas e Neira Vilas fixeron posible o seu regreso da Habana para Galicia.

Sen, por algunha razón viaxa a Santiago de Compostela e ten vagar para perder os pasos durante unha tarde enteira, recoméndolle que se achegue ata o monte Gaiás e se deteña con tino nela.

Non só me agradecerá a recomendación, senón que estou seguro de que volverá para a súa casa cunha ollada moito máis universal desta Galicia á que con demasiada frecuencia nós mesmos desmerecemos.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES