Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (13)

martes, 04 de febrero de 2020
Á Mabeliña, como a toda ama que se prece, tardáballe por face-los honores gastronómicos:
-Manuel, que es un pesado; non lle deas máis conversa, que se arrefrían eses filetes.
Nun descoido do Alcalde, Aurelio chiscoulle un ollo á Alcaldesa:
-¿Así que vai de filetes…? ¡Pois esa paga dos filetes é un principio ben suxestivo! Daquela pasaremos ao comedor… Non; así, non; eu après vous, como din os franceses; ¡ti primeiro, mon amour!
Mabeliña, captada a mensaxe, estaba radiante; triunfal e trunfal: ¡trunfal de dous trunfos, de dous á vez!
-¿Sabes francés? ¡Cando digo que ti es un sol!
-Muller, si; sei francés, e latín, e artes amatorias..., que mas ensinaron en Dinamarca; ¡buf, tantas cousas, e de tantas maneiras, de tantas posturas, coa turca incluída..., que agora non son do caso!
Noutro descoido do Manuel volveu a facerlle a sinal do tres, pero Salmonte, como de costume, no seu limbo:
-¿Por que lle preguntas iso dos idiomas? Agora es ti a da conversa... Comamos caladiños, en graza de Deus, como fan os curas, que despois tomámo-lo café no salón da cheminea; alí falaremos, de vagar. Considera que andan por aí esas criadas, que lle poden ir co conto, ao teu irmán, de que estamos celebrando, de antemán, o seu embarque; ¡iso de que vai de cu co preito de México! ¿Por que non falamos de bobadas, tal que da xeada que caeu esta noite...?
Aurelio, co pouco que levaba en Churiz, pero xa coñecía a fondo as debilidades do seu anfitrión:
-¡Ou da criada dese Cura do Alvaredo, esa que peneira tan peneirado...!
-¡Chacho, Aurelio; que ese é un secreto, municipal! E como Secretario, ti..., ¡xa sabes!
-¿Que dis? ¡Aquí Mabel tamén é adxunta; do noso Axuntamento, digo, e non a podes excluír!
-¿Iso? ¿Ela...? ¡Tan só a título de consorte, e vai servida!
De sobremesa, coas criadas fregando na cociña, a discrecionalidade xa era absoluta. Falaba o Litis, ou máis ben, tramaba:
-Ben, pois, agora, agora que estamos en petit comité, atreveríame a preguntarvos, ¿que vos parecerei como socio? ¿Aceptádesme...; iso, por palabras de presente?
Mabel sobresaltouse; non lle importaban as sociedades mixtas, as tripartitas; nunca lle importaron, pero á condición de que fosen secretas, que niso, todos aqueles caprichos anteriores..., auténticos cabaleiros; ¡discreción personificada, que nunca lle fallaron! Outra cousa foi que alguén notase certos indicios, que se propalasen certos rumores, máis ou menos fundados...
-¡Aurelio...; socio, o que é socio, non, que van falar de nós; e a min xa me teñen envexa, maiormente tódalas damas do Círculo...; así, por cousas!
-Non, Mabel, a miña proposta é correcta: un socio industrial é unha cousa lícita. ¡Xa me explicarei!
Manuel, nos loureiros, como de costume:
-¿Iso que ten que explicar? Socio industrial é...; ¡algo así coma o Paco e maila súa muller! Paco, niso do D.N.I., ten posto, "industrial", mentres que no da muller púxolle, sinxelamente, "sus labores". Os cartos aportounos a muller, e Paco a industria..., ¡que non é pouca industria ter que montar esa besta brava!
Mabel saíu pola honra da súa veciña:
-¡Si, si, labores moitas, moitas, pero se non fose polos cartos dela..., maldito se chegaban á casoa deses "Grandes Almacenes"; tan grandes son, que afogaron tódalas tendas desta veciñanza! Ten clientes a barullo, iso é certo, ¡pero o que é amigos...!
-Explícate, Aurelio, que por algo es o meu Asesor:
- Agora mesmo, que a cousa é sinxela: A miña pregunta é, ou quere dicir, que se, poño por caso, montásemos un negocio, entre nolos tres, ¿que vos parecerei como socio, como socio industrial, ou sexa, invisible, na retagarda, na sombra?
-¡Raios! ¿Na sombra; na sombra, sen facer nada, co argalleiro que ti es?
Aurelio denegou cun aceno, aclarándose, abaixándose ao coeficiente intelectual salmonteño:
-Alcalde, non sexas tarugo: Na sombra quere dicir traballando moito, moitísimo, a eito, pero..., ¡coa cabeza!
Para Mabeliña todo o que fose actividade cerca do seu Aurelio dáballe esperanzas de tempos mellores. Oportunidades, digamos..., ¡fricativas!
-¡Sendo así, por min, encantada! ¿Socios, os tres; mesmo unha familia? ¡Que ledicia, que ben!
Pero Manuel, dentro do alcance do seu foco, era cauto, excesivamente desconfiado; ¡como tódolos burros!
-Amodo, muller, con discreción, que se chega a sabelo o señor Gobernador, daquela pódenlle entrar malas ideas…, ¡para o Axuntamento! Teremos que andar paseniño, con cautela, que lle quero moito á miña vara...; ¡despois de ti, por suposto!
Maquiavelo tranquilizou no seu Príncipe, no seu alumno:
-¡Por suposto que iremos paseniñamente! ¡Pero que ben nos entendemos, xa de entrada, ti e mais eu, caro Manuel! A isto chámaselle, simbiose, que quere dicir, sen..., ¡sen escándalo! Non teño dúbidas de que estamos perfectamente concatenados, nolos tres. ¡Pola miña parte, si!
Pero aquel "Príncipe" de Churiz, cadora máis celoso, nin con esas garantías:
-Aurelio, razoa nisto; e a ver como nos concatenas, ¡sen escándalo público! Sobre todo, sen riscos para o meu cargo, que esta vara, che repito, non a solto..., ¡nin por todo o ouro do mundo! ¿Sabes por que? ¡Coa vara na man, síntome Conde! Por se non o sabes, algún antepasado meu non pagou non sei que para herdar o título, a transmisión patrimonial, e daquela..., ¡daquela a nobreza fóisenos ao nabo de Lugo!
-Tranquilo, Manuel, que nisto, coma en todo, eu razoo; de seguida, e ben…, concatenado! Pero aínda non me déste-lo voso placet para entrar de socio...
-¿É francés? ¡Este Aurelio…; vaia forma de chamarlle ao pracer; e despois din que en Francia son entendidos...!
-¿Dis iso pola cousa das presentacións, cando se resposta "¡O pracer é meu!"; non si, Manuel? Pois iso do placet ten a mesma orixe, pero neste caso non é francés senón que procede do latín, directamente, que xa dicían en Roma, plausum captare e plausum dare. Aquí, entre outras acepcións, significa compracencia, conformidade nunha aceptación. ¡Como vedes, nada; un simple termo protocolario!
A admiración do Manuel subía e subía:
-¡Carajo; ti, en cuestión de latixos, gánaslles aos Cregos, que iso nunca llo oín ao noso Bieito, que por certo prefire que lle chamemos don Benito, co cerimonioso que é! Daquela, se queres ser socio meu, ¡no que sexa!, quedas aceptado, que contigo, ao de agora, todo nos está saíndo ben. Mabeliña, déixate de mirar ao fixo para Aurelio, coma unha boneca, e atende ao negocio: ¿estás conforme?
-¡Ah, si; por min, encantada; no que propoñas! -Non tivo ocasión de devolverlle o chosco, pero, polo seu énfase, ben que lle transmitiu un latexo, unha palpitación, fortísima.
-¡Daquela, imos aló; sen preámbulos! Ante todo, señores Salmonte, señor conde do Monte Salvo, quede en claro que se nalgún aspecto non casamos, ¡por min, tan amigos, que aquí non pasou nada!
Manuel sentiuse nun formigueiro con aquela preparación psicolóxica tan machacona, tan correosa; na súa simplicidade non estaba afeito a andar con reviravoltas:
-¡Que si, ho; que xa che démo-lo placet, ou como coño se diga! ¡Veña, explícate, que se nos vai o día e aínda non arranxamos cousa!
…
Aurelio entrou en materia, pero acaso por onde menos o esperaban:
-O que me tedes que dar, tamén, é un empréstito..., para entrar con dignidade na vosa compañía, que eu, ao de hoxe, teño as ideas, que é o principal, por suposto, pero fáltame o secundario, o ferro; ¡séxase, metálico! As miñas terras están nas Américas, concretamente na Habana, que ese castrón de Fidel arramploulle ao meu pai..., ¡nin o sabemos, un fortunón! Noutras verbas: ¡Eu teño as artes e vosoutros poñéde-las partes! ¿Entendido?
Manuel conformou; sempre conformaba con tal de que o seu interlocutor tivese algún ascendente:
-¡O que queiras, Secretario; salvo que pída-la caixa do Concello...!
-Non, por agora, non, que esa témo-la débil, e non resiste unha empresa, quero dicir, das miñas.
Mabel, previsora de que non se lle escagallase aquel triángulo..., ¡financeiro!, adiantouse ao seu home, ¡ao oficial!
-Eses cartos..., para que Aurelio se faga socio, connosco, no que sexa, adiántollos eu, da miña conta; e se non chegan, tanto me dá empeña-las casas como vendelas, que as rendas van curtas. Por min nunca se rompen as sociedades...; ¡o que pasa é que, cando fago amigos, vai este Manuel e célase!
Aurelio, especialista en nós, tamén en nós, atou ben atado, sen pararse naquelas indirectas da súa Mabel:
-Fíxate, Manuel, o que é a intuición feminina; que cousa tan marabillosa: aínda case non empecei a falar, a expoñe-lo negocio, e aquí, esta Mabeliña, ¡un encanto, que xa colleu onda! Pero vou ao miolo: agora que estudei, que coñezo a fondo, as posibilidades deste Concello, estiven matinando, precisamente con Voltaire, que, ¡il faut cultiver notre jardin! Para empezar, nesas leiras que bordean o Camiño do Rego das Abrairas, esa corredoira que empalma coa estrada principal, despois da Farmacia Nova...
Con aquela saída, ao seu criterio de pata de banco, non contaba o Alcalde. Desconcertouse, e así o expresou:
-¿Que dis, Aurelio; un xardín, un xardín público, nesas leiras? Se non as teño mercadas, todas, a eito, é porque non valen o esterco que lles botan; ¡non hai peor terra en todo o Distrito! Por se non te lembras, eu sonche Perito, ¡da Escola de Pamplona!
O Secretario fíxolle acenos de calma segundo lle ía explicando a súa trama, mesmo en fase de urdido:
-Manuel, nisto dáme un voto; de confianza, se entende, que estou empezando a explica-lo planeamento..., ¡do noso xardín!
Que lle desen leccións noutras cousas, ben, ¡pero o que é en cuestión de leiras...! Salmonete inquietouse:
-Noutro asunto, en calquera, tes o meu voto; o voto, a bota, e, se fai falla, un par de legues; ¡o Axuntamento en Pleno que sexa! Mais, o que é en terras, ¡cuate, estás a monte! Ademais de te-la carreira axeitada, herdei este apelido de Salmonte..., ¡que se cadra quere dicir, o sal do monte!
Aurelio seguía debandando, urdindo, tramando:
-Manuel, a confianza que che pido é para que escoites: De entrada podería pedirvos un préstamo en diñeiro. ¿Non quedamos niso? ¿Que si? Pois agora veñen as inversións: Como a un lado dese camiño, entre a estrada e mailo río, hai catro leiras; e da outra banda temos cinco ou seis, que xa lles levantei o plano, e téñoas medidas, a milímetro, discretamente, por pasos, facendo como que me distraía escoitando os paxaros, daquela, ti, Manuel, compras unha de cada man; ¡pero teñen que ser das do medio, precisamente das interiores de cada agro! ¿Entendíchelo?
-¡Si, ho; merco esas leiras, dúas, das interiores; vale; e ti, que es o socio industrial, vas e seméntaslles toxos! ¿Toxo da mariña, supoño; do brando? Despois montas unha fábrica...; tal que de bencina, da sintética, coma os alemáns. ¡Hainos nese de Castro con menos tolemia; coa metade!
Mabel tiña a experiencia persoal de que non era sensato discutir co seu señor, co Señor da Casa Grande, por máis que lle gañase en cartos, ¡pesos cheirentos ao permanganato, pero cartos en definitiva! Cartos procedentes daqueles tumbaeros da súa ascendencia, da cubana. Temperou nos seus homes; ¡de presente, dous!
-¡Como es de enfexo! Deixa que Aurelio se explique; ¡co ben que o fai!
Con esta venia, o tal Litis-Maquiavelo-Aurelio seguiu maquinando:
-Esa compra, e tamén as sucesivas, fanse a nome de volos dous, señores de Salmonte, sal-do-monte, como lle gusta ao Manuel. Comigo facedes un documento, privado, pero elevable a público, de data posterior, onde vos merco a terceira parte de todas e de cada unha desas leiras; proindiviso, por suposto. ¡O que chaman un testaferro, que neste caso é de sentido inverso!
Mabel, propensa ás golfadas, ás golfadas e ás golpadas, empezaba a entende-la matraca; como única obxección:
-¡Estou conforme; si, ao completo, menos nunha cousa! Como eses cartos, os que temos dispoñibles, son meus, pois a caixa dos gananciais témola escorrida, daquela eses empréstitos fágoos eu: ao Manuel, para o seu terzo, con escrituras separadas, que este pirolas un día destes vaise por aí..., ¡a bailar!, e daquela, ¡nin cartos nin parella!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES