Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antía Yáñez, unha escritora en marcha

lunes, 03 de febrero de 2020
.Os Encontros literarios en Gres do mes de xaneiro, que xiraron arredor da obra de Antía Yáñez, déronme un motivo para revisar a súa escrita, para determe nunha escritora moi nova pero xa cunha produción con horizontes prometedores.

A dirixida a rapazada de menos idade é A reconquista, unha peza para primeiros lectores, case álbum ilustrado, que a converteu en ganadora ex aequo do Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade que convocaba Baía por primeira vez.

Recorre a autora a un dos lugares onde a discriminación das nenas podía verse a primeira vista:o patio dunha escola tomado polo fútbol; un deporte maioritariamente masculino aínda que neste caso teñen integrada a unha nena porque é mellor ca eles. Os demais nenos (chegan a sentir que aínda que non xoguen debe gustarlles o fútbol para ser considerados machotes) e as nenas andan polas lindes do patio, nas gradas véndoos xogar, paseando e entreténdose noutras brincadeiras para as que necesiten pouco espazo. Todo cambia un día cando alguén se farta vendo como lle berran a unha pequena que entra no campo de xogo a buscar unha bola que se lle escapou; daquela todo cambia, paseniño van ocupando o campo e se chega a acordos xustos. Toca roles e estereotipos, toca lugares onde o poder é visualizado doadamente e toca ese principio moral ao que todas e todos, grandes e pequenos somos tan sensibles: a xustiza. A reconquista, conta ademais con outro valor: os textos informativos que acomapañan a narración achegando datos sobre os animais que relativizan os roles de xénero.

Para lectorado un pouco máis avanzado escribiu dúas novelas que van formando xa unha serie O misterio de Portomarín e O misterio do torque de Burela. Neste caso trátase dunha familia coa lección da igualdade aprendida, un neno e tres nenas, cada un deles cunha personalidade moi definida que a autora describe no primeiro dos libros e nos queda aprendida para os seguintes; xunto a eles un can que atopan, adoptan e lles vai axudar nas investigacións; así se vai movendo unha interesante engrenaxe á que acompañan certas doses de información que podemos considerar cultural pero tamén certa crítica a industrias devastadoras como as hidroeléctricas e unha achega de valores democráticos. Tampouco falta o humor que asoma a cabeza, ás veces coa confusión de termos á que é tan adicta a pequena Carlota ou coa súa maneira de intervir sen pensar, con toda a sinceridade e indiscreción posibles.

A segunda entrega é a novela de agradecemento a Burela, a vila natal da autora. As series foron sempre garantía de éxito desde aquela primeira da literatura galega que creou Casares arredor de Toribio ata chegar aos actuais Bolechas, e máis se se trata de descubrir misterios, con rapazada actuando a modo de detectives. Escribe a autora que escribe esta novela “pensando nas cousas que me faltaron por ler cando era pequena” (igual que escribira Manuel María en Os soños na gaiola) e aconsella “Espero que a vós non vos falte nada. E, se é así, escribide! Os mundos que crea un son os mellores”.

Ambas obras contan coas ilustracións de Kristina Sabaite que traballando con metáforas visuais as enriquece, movéndose entre o realismo e o simbolismo.

Para público xuvenil ten a novela finalista do premio María Victoria Moreno, Be
water. Unha distopía que sitúa a acción despois do Gran Cataclismo, vivindo nunha cidade subterránea, baixo o réxime ditatorial de Hera, a dona da auga e da Colmea, das vidas e o futuro. Dividida en catro partes, cada unha delas comeza cunha cita: “A bebida máisperigosa é a auga: mátate se non a bebes” de Perich, “Hai substitutos para o petróleo, non hai substitutos para a auga doce” do biólogo Ehrlich, “Un dos problemas máis alarmantes que encara o mundo de hoxe é conseguir suficiente auga potable para todos os habitantes do planeta” e “Con demasiada frecuencia, onde fai falla auga, o que hai son armas” do secretario xeral da ONU Ban Ki- Moon e “Esquecemos que o ciclo da auga e o ciclo da vida son o mesmo” do explorador Cousteau. A historia certifica as citas someténdonos a un imaxinario pechado e violento do que resultará difícil escapar.

Senlleiras é a novela ganadora do Premio Illa Nova de Galaxia, polo tanto dirixida a lectorado adulto. A historia entrecruzada de dúas mulleres, vivindo en dúas épocas e sendo vítimas ambas da violencia machista. Feminicidios unidos por unha casa, unha pantasma prisioneira nese espazo que vai da primeira á segunda historia para facer xustiza e un libro, Cuentos de amor, de Emilia Pardo Bazán que pasa dunhas mans a outras, entregando coa literatura os recortes dunha época luminosa no que as Irmandades da Fala florecen con todo o que as rodea.

Senlleiras son, cada unha delas, coma as árbores, mulleres únicas que pasan pola experiencia do amor romántico para abocar no maltrato psicolóxico e físico. Unha sarta de frases que envolven pensamentos que resultan crueis pero que algún deles aínda paira nos tempos presentes. A modo de xustificación, apunta a autora no epílogo “Da violencia machista hai que falar, escribir, meditar, debater, tratar, mastigar. Ata que abra portadas. Ata que nos indigne tanto que non poidamos pechar os ollos ante ela. Ata que a sociedade entenda que é un problema de todos e todas. Ata a súa desaparición.”

Na agarda de ser publicado o libro, Plan de rescate, ganador do premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

Os “Encontros literarios en Gres” levan os libros á casa dun escritor, Neira Vilas, levan unha autora á casa de Anisia Miranda, unha escritora para a infancia, levan a conversa a unda fundación situada no rural.

Alí vos agardamos a todos e a todas, o domingo final de cada mes.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES