Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Concepción Arenal, bicentenario do nacemento

viernes, 31 de enero de 2020
Cando se cumpre o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, o 31 de xaneiro deste 2020, a sociedade quere mostrar o seu recoñecemento a esta muller adiantada ao seu tempo.

Os Ateneos de Galicia, reunidos na Federación, botan a andar actividades que a lembren porque son coñecedores da débeda contraída con ela. A mellor pensadora do XIX traballou na constitución e primeiro desenvolvemento da sociedade civil en España, fomentándoa e facéndoa responsable dos seus deberes. Os Ateneos comparten con ela ese empeño na construción dunha cidadanía activa que chegue a onde as institucións públicas e o Estado non alcanza (ou non pode alcanzar).

Por outra banda, non esquecen tampouco que aínda que Arenal formaba parte da Junta Directiva do Ateneo de Señoras e se encargaba de facer as reseñas das Dominicales ou conferencias sobre a muller, nunca foi convidada a ditar ela unha conferencia, que sempre impartían homes. Así de inxustos foron os tempos.

Algo cambiaron, si; neste ano, ademais da sociedade civil organizada en ateneos e outras asociación, andan as institucións (concellos, universidades, Biblioteca Nacional…) a recoñecela. A súa biógrafa, Anna Caballé, que acaba de recibir o Premio Nacional de Historia pola obra Concepción Arenal: la caminante y su sombra, vai de percorrido polas cidades ditando conferencias arredor da súa figura; as exposicións arredor da escritora, os seus libros renacendo, as películas que recollen a súa vida volvendo ás pantallas…

Alguén dirá que está de moda e todas nos poñeremos contentas. Temos razóns para iso. Recoñecer a unha muller é recoñecelas a todas, tráela á actualidade é compensar o silencio co que se envolveron esas vidas que destacaban e ían de quita neves abrindo camiños polos que agora transitamos. Nunca daremos as grazas, suficientemente, a esas “nais de todas” que abriron portas polas que saír e fiestras polas que entrar a luz.

As primeiras feministas que se ocuparon das mulleres, pero tamén de todos os que viven na debilidade das marxes: pobres, presos, infancia e vellez cando tratou a reforma de cárceres, orfanatos e asilos. Dicía Arenal que os presos eran o elo máis baixo da sociedade e as presas aínda estaban por debaixo, porque nelas súmanse dúas marxinacións. Os títulos das súas publicacións fálannos dese mundo que a ocupa: La beneficencia, la filantropía y la caridad, Manual del visitador del pobre, Cartas a los delincuentes, La mujer del porvenir, Estudios
penitenciarios, La cárcel llamada Modelo, Ensayo sobre el derecho de gentes, La cuestión social, La instrucción del pueblo, La mujer de su casa, El delito colectivo, El visitador del preso, Estado actual de la mujer en España, La igualdad social y política y sus relaciones con la libertad, La educación de la mujer…

O lema da súa filosofía: “Todo acto humano, norma ou institución, debe ser xuzgado segundo a súa utilidade, isto é, segundo a felicidade ou o sufrimento que produce nas persoas”, condúcenos a unha reflexión que quixeramos tiveran en conta as persoas dedicadas á política, economía e xustiza no día a día. Igual que outros axiomas como: “Odia o delito e compadece ao delincuente”.

En Concepción Arenal únese a esa capacidade para a reflexión sobre as grandes cuestión do seu tempo, a escrita e a aplicación do pensamento. Teoría e práctica danse a man, sumando as publicacións á súa labor de visitadora de pobres e presos. Escribir ensaio, como ela o facía, no XIX, resultaba como mínimo estraño; ás mulleres íaselles permitindo escribir poesía ou novela, ficción, verbalización de sentimentos, pero escribir manuais centrándose no pensamento era moitísimo máis rechazado. De aí o valor da súa figura, que comparte con outras mulleres galegas do seu tempo como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Juana de Vega. Non deixa de sorprendernos ese amencer de muller e país. Sempre coa inxustiza presente. Se nos detemos nas vidas de Concepción Arenal e Juana de Vega vemos que, en moitos aspectos, as salvaba a amizade, o apoio que ambas se deron e a sororidade que foron quen de poñer en marcha.

Facer real o Estado de Dereito, cambiar a caridade relixiosa pola filantropía civil para que a onde as institucións públicas non chegan o fagan os cidadáns… eran obxectivos titánicos. Mulleres dispostas a cambiar o mundo nun tempo no que iso estaba reservado aos homes. E aínda hoxe, as mulleres non demos saído de todo dese labirinto no que se representan os papeis de Pasifae ou Ariadna, próximas ao Minotauro e nas mans de Minos e Teseo, erguendo a caeza para ver máis alá e apoiándonos nos ombreiros das que nos precederon, as nais de todas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES