A importancia de chamarse Paco
Xiz, Xulio - martes, 04 de marzo de 2008
O cada vez máis presente fenómeno do tráfico preocúpame, entre outras razóns, porque como conductor son usuario habitual de rúas e estradas desde hai trinta e cinco anos.
E parécenme ben as innovacións que axuden a mellorar a circulación, a reducir a mortalidade, a proporcionar seguridade ós conductores.
A última novidade, de antonte mesmo, é que os equipos da Garda Civil van poder detectar se un vehículo ten ou non pasada a Itv, co que esto supón de garantía de que o automóvil está en condicións de poder circular. Esto está ben, pero xa me gustaría que a próxima sexa poder detectar se leva seguro, se o seu conductor é un kamikaze, ou se se trata dun coche roubado.
E o último visto en mensaxes a través dos indicadores luminosos da A-VI, foi o de Paco, pon o cinto que hai unha semana me sorprendeu, pois non me pareceu axeitada a mensaxe, porque hai moitos que non nos chamamos Paco e podemos considerar unha desatención ese esquecemento hacia nós. Xa non digamos se temos en conta que os pacos eran os tiradores solitarios que nos conflictos bélicos tentaban sementar a morte entre as tropas regulares.
Aínda sen saber de que Paco se trata, as miñas magoas aumentan. Ata agora lamentaba non chamarme Xosé Xulio para poder participar na tradicional Festa dos Pepes que na miña terra se celebra cada ano. Agora lamento tamén non chamarme Paco Xulio para identificarme coas mensaxes de Tráfico.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora