Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Venezuela non nos dá de comer

miércoles, 29 de enero de 2020
Que o truculento asunto da visita do ministro á vicepresidenta venezolana no aeroporto de Barajas, ademais de infinitas versións ten outras tantas miradas e aínda moitas máis incógnitas, é un axioma que se corresponde coa reducción ó absurdo da seguinte pregunta: Que fai un ministro do goberno español indo buscar ó aeroporto a un ministro do goberno venezolano nun coche particular (porque seica non acudía alí como ministro) por moi amigo que fose del, para acabar véndose envolto nunha operación diplomática que lle transcende a el como ministro de fomento, pero acabando exercendo como ministro e facendo -tal e como dixo o mesmísimo presidente do goberno - "todo o que puido para evitar unha crise diplomática" e aínda máis, acabar facéndolle un gran servizo ó país, porque -volvemos ó presidente- "lo logró".

Se resulta difícil entender este primeiro paso -co doado e tranquilo que lle tería sido ó ministro ir recoller ó seu amigo ó hotel!-, imaxine benquerido lector que grao de información haberá que ter para entender minimamente, non só todo canto aconteceu entre a subida ó avión do ministro español e o momento no que a vicepresidenta venezolana tomou un voo de seis horas para viaxar a un país que queda a tres, senón todo canto queda por saber.

Por iso eu non me ocuparei máis deste episodio, pero si -por proximidade social, veciñal e incluso familiar- dunha consecuencia directa del, como foron as insultantes declaracións que realizou onte nun programa de televisión a exultante ministra de Traballo, galega coma nós.

Revelando a incomodidade que lle estaba a ocasionar o tratamento informativo do asunto por parte da entrevistadora, á ferrolá Yolanda Díaz (que seguramente tamén ten no seu entorno máis dunha persoa achegada que ten sufrido en carne propia a desfeita dun país en demolición) asegurou sen ningún rubor e moita menos memoria colectiva da nosa emigración, que "Venezuela, en nuestro país, no nos da de comer". E quedou tan pancha!

Claro que hoxe en día non nos dá de comer. Como nos vai dar de comer, se non teñen que comer os que non puideron fuxir de alí no último lustro.

Pero claro que nos deu de comer! Ou ela non ten miolos para reter e non ten idade suficiente para saber o que supuxo para moitísimos lugares de Galicia (é certo que probablemente para Ferrol non tanto, pero que pregunte, pro exemplo, en Fene) aquela época na que un bolívar equivalía a 30 pesetas!

Como pode cuspirlle na cara, con tanto desprezo, a tantos e tantos galego-venezolanos que hoxe tratan de reiniciar unha nova vida entre nós, sen que se lle mirre o bico e se lle retorza a conciencia coma unha rolla con cada unha das letras que pronunciou?
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES