Investir 123.000 ou gastar 123.000
Santalla, Iago - miércoles, 29 de enero de 2020
123.000 euros é o que, supostamente, custa adaptar o congreso dos deputados para persoas con mobilidade reducida como Pablo Echenique. Hoxe é Pablo e hai que facelo por Pablo pero Pablo antes ou despois irase e virán outras persoas.
Virán porque o país avanza en conciencia social a pesares das súas elites que, a última hora, sóbense ao carro para non perder o avesío do poder no que ben descansan. Os que agora denominan gasto a este investimento, probablemente, máis cedo que tarde, se aproveiten del aínda que só sexa polo declive natural da vida que lles chegará e dado que algunhas das súas señorías levan tanto tempo alí sentadas é moi probable que alí as colla. Entón, igual se lembran do que se fixo por Echenique e reparan en que o beneficio foi colectivo.
Todo isto, vén de considerar a política social como un gasto. Nunca entendín que a dependencia fora un gasto e as autovías e autopistas (que pagamos a prezo de ouro) sexan unha inversión. A revolución das políticas sociais supuxo que moita xente poida acceder ao control da propia vida. Polo tanto, dubido que haxa algo máis democrático que investir no social pero, ademais, cómpre ter en conta que non é unha inversión a fondo perdido porque, na medida que apostemos pola inclusión educativa e laboral, esa inclusión vai ter retorno económico e, tamén, en forma de dignidade política e social.
Polo tanto, investir 123.000 euros na cámara que representa á cidadanía para facela accesible á mesma sempre será unha inversión que ten como retorno a dignidade dun pobo que valora a diversidade e procura tela presente en todos os ámbitos da vida pública. Se cadra, habería que revisar o que, no pasado e no presente, se inviste en exclusión social disfrazándoo de liberdade e progreso

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora