Pura e Dora, de Ourense
Editorial - martes, 04 de marzo de 2008
Pura e Dora Vázquez son xoias ourensanas, prestixio das letras galegas, orgullo para os galegos. Pura, xa no reino de Alén. Dora, a maior, afortundamente aínda entre nós.
As dúas irmás, desde Ourense, irradiaron de sempre afabilidade, cultura, irmandade, literatura humana que as fixeron referencia perfecta de mulleres implicadas no presente e no futuro do seu país, queridas por todos, veneradas por todos.
Hai tempo, a Asociación de escritores en lengua galega rendeulles unha homenaxe, e un monolito no parque Barbaña plasmaba en pedra o agarimo de Ourense e as letras galegas por estas dúas mulleres.
O monolito desapareceu, primeiro, do parque. E logo do depósito municipal do Campo da Feira sen que se saiba máis del.
¿Quen teme a Pura e Dora Vázquez?. ¿Tanto lastima a cultura ós incultos que non poden soportar a imaxe de algo que non entenden?.
Alto terá que facer o Concello de Ourense a cidade de Ourense- en desagravio de Pura e Dora. Non deben poder máis uns indocumentados delincuentes que unha cidade culta, que ademáis representa e reflicte o sentimento de toda Galicia.
Pura e Dora Vázquez están xa na historia. Que Ourense, de novo, lles faga xustiza.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora