Esquivar os elementos
Quero ir de aquí para acolá, pero axiña caio na conta de que terei que evitar, esquivar certos elementos. O primeiro é un mangado de fentos, ó que non me queda outra que poñerlle lume. Ós dous pasos son unhas gavelas de toxos, que cargo no carro para facerlle a cama ás vacas. Logo me encontro cunha parella de sapoconchos, que aparto con paciencia, con moita paciencia cara á unha cuneta. Outeo o horizonte e vexo

un gran espazo en branco. Quedo bloqueado. Non pode ser, penso. Ten que haber algo que me corte o paso. Desde lonxe só vira atrancos. Non sei que facer. Estou en branco! Opto por chimpar un amieiro e atravesalo no camiño. Agora si, agora xa é outra cousa. Agora non me queda outra que tallar o amieiro e carrexalo cunha carretilla (hai que lembrar que o carro das vacas está ocupado coas gavelas dos toxos). Mentres vou e veño de acolá para aquí, penso ó mesmo tempo como facer para seguir esquivando os elementos. Porque sei que hai moitos máis elementos. Xa que tan pronto como me pasou o de espazo en branco e de paso que fun cortar o amieiro, subín uns metros polas súas gallas para comprobar o traxecto ata acolá. Volvía estar cheo de obstáculos. Efectivamente, non tardou en asomar un penedo que non conseguín mover nin rinchando os dentes. Aniñou en min a impotencia. Por pouco tempo. Lembrei que no carro levaba unha maza. E pouco a pouco, dálle que dálle o penedo volveuse fariña. Suaba, pero seguín. E paso a paso, metro a metro, con esforzo, cheguei ata acolá. Nunca me vencerán os elementos!
A luz que brillaba
Coido que a luz que asoma por detrás do outeiro procede dun obxecto luminoso que estará á espera de moverse. Ou non. Como curioso que son, optei por achegarme para saber o que era. Ou para saber se se movería. Aínda que estaba lonxe, paso a paso e pouco a pouco, cheguei. Ó chegar non vin nada raro. Intuín ó momento que tal brillantez dependería da colocación na que eu estivese. Ou sexa, que o obxecto non

podería ser algo grande. Sinceramente, eu emprendera o camiño coa confianza de atoparme cunha nave espacial. Mellor cunha nave extraterrestre ou alieníxena. Non obstante, seguín buscando o obxecto ou o motivo desa luz que vira desde a distancia. Non tardei en atopalo... era o puto cu dunha botella rota! Non lle dei alí mesmo unha patada por medo a cortarme. Andaba cunhas sandalias que deixaban ver todas as dedas. O descubrimento do cristal recoñezo que me deixou medio fundido (Dixen que confiaba atoparme cunha nave de máis alá das estrelas?). Quedei nun credo de deixar caer bágoas de impotencia e de carraxe. Menos mal que sempre me sentín heroe do desalento. Ou da desmoralización. Así é que non me quedou outra que regresar ó punto de partida. Iso si, fíxeno zorregándolle a todo o que atopaba ó meu paso coa vara que levaba na man. Por certo, a vara téñoa desde que fixera a ruta do Cares. De cando en vez os heroes tamén facemos andainas; non só imos por aí voando coma Supermán. Axiña deixei de preocuparme da luz que brillaba detrás do outeiro. Tampouco alumeaba xa o sol.