Por fin, Don Ricardo de Fingoi
Xiz, Xulio - viernes, 24 de enero de 2020
Por fin Carballo Calero terá o seu Día das Letras, co especial entusiasmo dos que foron seus alumnos en Lugo ou en Santiago.
A Santiago onde estudiara Dereito e Filosofía- chegou nos anos sesenta, xa consagrado como un grande da lingua. Quedaba moi lonxe o Lugo do 1936, que deixou para intentar en Madrid acceder ao ensino oficial, tardando cinco anos en coñecer a súa filla maior: tres, combatindo no exército republicano; dous polo cárcere sufrido por militar no bando perdedor.
Houbo que agardar a 1950 para que viñese a Lugo traído por Antonio Fernández para crear un colexio especial para os rapaces da súa familia e dos lucenses que desexasen unha educación axeitada á realidade do país.
E Carballo pasou quince anos en Lugo, dirixindo Fingoi, ensinando, investigando e escribindo, medrando na consideración das xentes, acreditando que a súa etapa lucense, que parecía de retiro e silencio, era de estudo e preparación, na que veu o seu doutoramento, a Real Academia ou a Historia da Literatura Galega
desde Fingoi para o mundo, acreditándose entre os lucenses e creando escola de escritores e devotos.
En Fingoi ven de recibir a primeira homenaxe. Don Ricardo de Fingoi comeza a disfrutar da gloria reservada aos poucos que entran triunfais na historia. E o comezo tiña que ser no Lugo que o acolleu en momentos difíciles, o abeirou e o fixo medrar, e onde os de Fingoi gardan memoria clara de quen puxo en marcha, vai facer setenta anos, un colexio diferente, modelo educativo de servizo a un pais e a unha idea: a que o fillo de Antón de Marcos dispuxo, e que Carballo Calero puxo en práctica.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora