Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os outros peches

sábado, 25 de enero de 2020
Hai unhas semanas comentáronme que dende antes de rematar o ano, calquera persoa da miña vila e, polo tanto, do resto da bisbarra que sexa consumidor das tradicionais bombonas de butano, se desexa mercar unha, ten no escaparate da antiga oficina do servizo un teléfono da capital e alí ten que chamar para que lla leven no reparto.

Velaí un exemplo só dos outros peches ós que se ven sometendo de forma paulatina á Galicia ignorada (repetireino ata a saciedade ata que colla o pulo do "Teruel también existe") e que se veñen sumar ós institucionais, batendo no pé da nosa planta pola outra beira ata que nos derruben de todo.

Son os peches da outra economía, é dicir, da economía real, que se van amontoando cos de negocios e locais comerciais ata xuntar un monte tan grande de silencio que acabará por afogarnos a todos.

Se un quere ir a algunha oficina bancaria para realizar algún ingreso -xa o teño contado aquí-, atopará na porta algún aviso máis ou menos ben escrito que o informará de que se chega despois das once da mañá xa terá que deixar a operación bancaria para o día seguinte.

Os meus veciños e máis eu levamos varias semanas vendo que os autobuses que trasladas ós estudantes ós seus centros xa non son so verdes do Anpián, como tampouco son verdes xa os que nunha dirección e na outra (creo que non máis de cinco ó día nos dous sentidos) cobren o servizo de Ourense a Celanova e viceversa.

Seguro que cando saia á luz ou se faga pública a correspondente transación económica que xustifica esta mudanza de empresas, asegurarán por activa e por pasiva que o servizo que xa había está completamente garantido. Outra cousa será saber por canto tempo.

Se, por outra banda, vostede quere mercar un coche e desexa explorar as diferentes ofertas nun concesionario oficial, mentres que hai non máis de media ducia de anos contaba na miña vila con outra media ducia de marcas, hoxe se pode ir a dous xa será moito.

Non digamos xa no Rexistro da Propiedade, que non sei cantos intentos teñen acometido para poderen levar a cabo unha unificación supracomarcal dese servizo a medio camiño entre o privado e o público.

En fin... Que alén do desmantelamento institucional (o da Axencia Tributaria -só hai que achegarse polo edificio calquera día da semana- é tamén de escándalo), á Galicia ignorada non é que a estean desangrando dende fóra, senón que tamén a imos desangrando nós, mergullados nunha espiral que cada vez xira a meirande velocidade para fuxir polo desaugue e rematarmos afogados na latrina da historia.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES