Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (2)

jueves, 23 de enero de 2020
II. A festividade do Conde Santo

Referencias Biográficas do Conde

D. Osorio Gutiérrez, coñecido como o Conde Santo, señor da terra de Campos e de Galicia, foi fillo de Gutiérrez e Aldonza, curmán do rei Ordoño de León, quen lle outorgou mercés, e tamén do bispo e abade san Rosendo. Casara con D.ª Urraca Núñez, filla de Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (2)Nuno Osorio, da que tivo dous fillos e unha filla. O padre Flórez supón que unha parte da facenda do Conde Santo veu herdada da súa familia e outra, menos relevante, da estimación real polas súas campañas contra os mouros.

O certo é que un bo día don Osorio chegou a Lourenzá, onde viviu con mesura, tentando remediar as necesidades dos pobres e atender os doentes da zona. Daquela, fundou inicialmente en Vilanova o mosteiro beneditino de San Salvador, que dotou de importantes bens, por escritura datada o 17 de xuño do ano 969, concedéndolle, entre outros dominios, os mosteiros de Santo Adrao de Lourenzá, de Santa María Maior de Mondoñedo, Santa Cruz de Valadouro e mais as igrexas de San Xurxo e San Tomé de Lourenzá, San Salvador da Pastoriza, Santa Cristina de Celeiro, San Xusto de Cabarcos e a ermida de San Cosme en Argomoso. Con todo, ao producirse o pasamento da súa dona, o conde buscou o illamento e a soidade no propio cenobio da súa fundación, onde tomou os hábitos de leigo. E denantes de ingresar no mosteiro pediu perdón aos seus criados e vasalos e escribiu ao rei para que soubese dos seus méritos.

Xa cos hábitos foi tan humilde e entregado aos demais que -segundo o padre Flórez- varría case sempre a igrexa e o claustro; preocupábase de todos os oficios da igrexa; servía toda a mesa conventual e, ao rematar a comida, collía o pan e o viño, que sobrara, e dáballos aos pobres. Así mesmo era moi caritativo cos orfos e estranxeiros.

A lenda sobre o sartego
Conta a tradición que na última etapa da súa vida don Osorio Gutiérrez levou a cabo unha viaxe a Terra Santa, onde adquiriu un sarcófago paleocristián que trouxo ata Vilanova coa finalidade de que fose a súa última morada. A lenda espallada pola comarca así o refire:

"Na última etapa da súa vida, o conde Osorio, acompañado por algunhas persoas, marchou en peregrinación a Xerusalén, onde mercou un sartego por cincocentos siclos de ouro. Como sinal de dominio realizou un burato na cara inferior do sarcófago co seu bordón de peregrino. Logo solicitou a axuda dos que o labraran para baixalo ao porto, onde lles pediu que o botasen ao mar, contemplando atónitos, árabes e cristiáns, como o sartego navegaba sobre as augas.
O conde encomendoullo á divina Providencia e, ao terceiro día de ocorrer ao feito, soubo por unha revelación divina que o seu sartego chegara ao porto de Moreda, situado no bispado de San Martiño de Mondoñedo.
Transcorrido case un ano da súa viaxe, o conde Osorio chegou a Lourenzá, onde lle dixeron que, había tempo, arribara ao porto de Moreda un bonito sarcófago e que o bispo da diocese quixera quedar con el mais non puidera.
Ante esta noticia, o conde, acompañado do abade do mosteiro e doutros monxes, foi velo, comprobando in situ que era o que mercara en Xerusalén.
Por tal motivo, mandou que un labrador trouxese unha xunta de bois co seu carro para transportalo ao mosteiro. Este traslado levouse a cabo no mesmo día e con pouco traballo. O feito foi contemplado por moitos lugareños, que estaban situados á beira dos camiños".

Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (2)
De todos os xeitos, segundo Santos San Cristóbal, o sartego, de recoñecibles trazas paleocristiás, é do século iii e a súa tapa probablemente do V. Dicíase que viñera de Aquitania (Francia), onde o mercara o conde Osorio no século X.

Unha vez morto o conde, non foi inusitado que o pobo o venerase, aínda que non estivese beatificado nin canonizado. Por iso o seu culto, estendido sobre todo pola Mariña e as terras mindonienses do sur, quedou limitado á igrexa do mosteiro de Lourenzá.

Non obstante, a comunidade de monxes beneditinos, que ata as desamortizacións do XIX permaneceu no cenobio de San Salvador, quixo conseguir no seu momento a canonización do conde Osorio, aínda que o expediente non chegou a prosperar debido ao enigma que rodeaba e segue envolvendo os derradeiros anos da súa vida, así como a data descoñecida do seu pasamento. Malia isto, tamén a finais do segundo terzo do século XX a diocese de Mondoñedo tentou de novo que o conde Osorio fose canonizado para, dese xeito, poder aumentar o seu culto.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES