Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sostibilidade, unha palabra

miércoles, 22 de enero de 2020
Hai palabras de moda. Na actualidade unha desas é ‘sostible’ (e as súas derivadas, como Sostibilidade). Moitas veces, o malo destas modas é que facendo ver e resaltando o que indica a palabra, banalízase o significado. As verbas trivialízanse, asumindo unha precisión imprecisa. Precisión de significado fixado; imprecisión de interpretación e cumprimento.

Sostible. “Que se pode soster. Que permite preservar, manter e mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro.”

Nunha interpretación ampla, de miras curtas, na que se acepta o ‘máis ou menos’, todo é sostible, pois difícil que unha única acción leve ó desastre ó planeta de xeito inmediato, e con que produza unha apariencia de utilidade, xa ‘se pode soster con aproveitamento’, facendo énfase sobre todo no do aproveitamento, non en quen se pode aproveitar. Polo contrario, dun xeito estrito, todo nos leva á morte e á destrución, de forma que a única vía sostible sería non facer nada, morrer antes da morte. Hai unha conciencia interior diso. E do outro. E unha infinita diversidade tamén sen límites precisos entre medias, que se aproveita para facer da capa un saio.

Din que estamos nunha era ‘líquida’, que significaría algo así como que a substancia das ideas na actualidade pode fluír, cambiar da forma e trasladarse, aparentar cousas diferentes dun intre a outro. Esa visión dos tempos axuda a que as verbas aínda vallan menos, esquecendo aquel vello ‘din a miña palabra’ como valor do que responder. Non, hoxe non é así. E hai xente mestra no cambio de interpretación ou o axuste da realidade á interpretación elixida. Con patente de corso para as súas verbas e para as dos demais.

Oficina de sostibilidade: hai máis de once anos, o 16 de decembro de 2008, aparecía unha nota do concello na que se difundía a consideración de Ribadeo de ‘municipio galego sostible’ pola Xunta, poñendo o acento en que grazas a elo e á axuda correspondente o concello podería ter unha cousa tal. 2020... e a oficina? Nin idea, non debía ser sostible despois do período da remesa de cartos asociada. Resultados? De que, de ‘sostibilidade a 12 anos vista’? Dende o daquela, ten xurdido a acción local polo clima, con Ribadeo como concello asociado, pero segue sen un carril bici nin aviso de accións coordinadas. O uso do coche privado é cada vez máis necesario para cada persoa, e cada vez máis lonxe do necesario para todas. Hai rutas a pé ó longo do concello, aínda que mais máis ben parecen teóricas ou virtuais, e por suposto, turísticas. A substitución de árbores á beira da ría é unha realidade estética, mentres os eucaliptos seguen con tranquilidade xeral. Dende entonces houbo un bonito muíño eólico no porto deportivo, multiplemente publicidado pero que nunca estivo enganchado para ningún tipo de subministro, ata que se desmontou. Iso si, os paneis solares na piscina, abordados tamén na nota de prensa citada, seguen instalados.

Sostible é unha palabra. Para aplicación polas persoas, a sociedade ou o planeta. Un exemplo ben trazable no tempo dunha institución só indica iso: exemplificación dun feito, sen carácter didáctico adoctrinante. Pero si, a nivel persoal, o mesmo que comunitario no concello, parece que a liña pasa por ‘adaptarse e morrer’ en solitario fronte a ‘loitar e continuar’ en conxunto. Poñer unha cagadiña ben coidadosa aquí mentras os cans espallan cagadas pola rúa... Non podemos botarlle a culpa só ó fracaso do cumio do clima. Nin ó capital, aínda que impoña o sistema que nos leva ó desastre.

Rematando o artigo, vexo que é confuso. Como a situación actual. Mirareino de novo, como necesitamos mirar a situación planetaria? Amañarei algo, amañaremos algo cara ó futuro? Quizáis haxa que tirar moitas cousas ó lixo (a reciclar) para salvar algo. En ambos casos.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES