Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Enrique Peinador Lines e a revista 'Nós'

martes, 21 de enero de 2020
O número 1 da revista “Nós” publicouse o 31 de outubro de 1920. Na cabeceira figuraba como director Vicente Risco e no equipo de redactores, entre outros, Ramón Cabanillas. A revista sería a peza fundacional do nacionalismo galego e instrumento idóneo para a construción das bases da identidade do país. Foi un intento de establecer un diálogo coas vangardas; un coloquio entre a tradición e modernidade que tiña que facerse necesariamente desde unha óptica nacionalista e monolingüe galega.

Este ano no que estamos celebrarase o centenario daquela publicación senlleira no seu xénero que deu nome a unha xeración de intelectuais que cultivaron as máis diversas disciplinas. Non lle poñía máis que unha condición aos seus colaboradores: “que poden ser o que lles pete: indivisualistas ou socialistas, pasatistas ou futuristas, intuicionistas ou racionalistas…. Sempre que poñan por riba de todo o sentemento da Terra e da Raza, o desexo coleitivo de superación, a orgulosa satisfaición de seren galegos”.

A revista había pasar moitas vicisitudes. Deixou de editarse durante dous anos, entre os meses de xullo de 1923 e 1925. Vicente Risco, o “pidichón oficial da Causa”, escribíulle unha carta con data de 21 de maio de 1925 a Enrique Peinador, o filántropo e mecenas que ten unha actitude máis permeable ás demandas e os sentimentos da Terra, como califica Ricardo Gurriarán ao dono do Balneario de Mondariz, na que lle di: “apelando ós teus sentimentos que compartes connosco, a prol da nosa Terra e da nosa cultura, quixeramos saber si podemos contar co teu apoio económico, e tamén de camiño, se ti, antre as túas amistades, nos podías proporcionar algún outro que se comprometera por un ano”. A resposta de Peinador foi decontado, entregándolle unha boa cantidade de diñeiro e procurando anunciantes entre os moitos clientes do Balneario.

Non era a primeira vez que Enrique Peinador Lines saía ao rescate de xornais galegos ameazados polas crises, como foi o caso do diario Galicia, segundo se desprende dunha carta do poeta Manoel Antonio. Amais destas axudas a medios de comunicación e institucións, como a Real Academia Galega e Serminario de Estudos Galegos, tamén conseguíu coas súas mediacións unha pensión digna para Manuel Murguía. Outro caso foi o de Ramón Cabanillas que malvivíu durante un tempo en Madrid e foi “rescatado” por Peinador Lines cara a finais de 1921, levándoo para o Balneario onde exerceu de relacións públicas e director da revista “Temporada”. Na imprenta do balneario editou boa parte da súa obra literaria. Foi, ademais edil do novo Concello de Mondariz-Balneario. Castelao tamén foi beneficiario do mecenado de Enrique Peinador, que lle encargou os cadros de cegos para decorar as estancias do hotel.

A publicidade inserida nas páxinas da revista Nós era de vario tipo: profesionais liberais, hospitais, droguerías, xastrerias... pero a de maior entidade os anuncios das Augas de Mondariz dunha alta calidade estética da autoría de Castelao e Cándido Fernández Mazas.

A dirección da revista tiña un código ético para apublicidade: ”As páxinas de anuncios de Nós somentes se ceden ós industriais e comerciantes cuxos métodos comerciais cremos dignos e honrados. Se algún lector atopa falsidades ou métodos impropios do comercio, nalgunha das casas anunciadas nas nosas páxinas, estimarémoslles moito nos chamen a atención, porque non toleramos que se anuncie ningunha casa que non sexa seria”.

O feito foi que, despois da intervención de Enrique Peinador Lines para rescatar a publicación da críse económica que tivera, a revista incrementou o número de anunciantes grazas a súa mediación con moitos empresarios que eran clientes do Balneario. Un anuncio da propia editora, como agradecemento a unhas adegas, apelaba aos lectores: “Patriotas galegos! Pedide o viño tostado López Valeiras”. En idénticos termos diríxese varias veces ao ano o Foro E.Peinador - Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, demandando máis consumidores para os produtos galegos etiquetados na nosa lingua.

Grazas a Ricardo Gurriarán Rodríguez, o historiador que procura información debaixo das pedras, o Foro E. Perinador reconstruíu a biografía dun empresario decisivo no nacionalismo do primeiro terzo do século XX, “Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País”.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES