Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Moncho Valcarce, 15 anos despois

domingo, 02 de marzo de 2008
Non quero rematar febreiro, sen lembrar a sementeira que segue a abrollar, despois dos 15 anos do pasamento de Moncho Valcarce, o primeiro deste mes, aos 57 anos. Mesmo a súa memoria, é outro dos alicerces que solda As Pontes e a Terra Chá, que estamos a compartir este suplemento. Dende hai séculos temos unha andadura en común, con fitos definitorios da identidade das dúas comarcas. Así, no s.XIV, Don García Rodríguez de Valcarce, exercía o seu señorío, nos dous predios, e despois foron vasalos da Casa de Andrade, ata que no s.XIX se redimiron os foros... O río Eume vertebra tamén unha xeografía común, dende que nace na Serra do Xistral. Temos lendas compartidas, coma a da cidade de Valverde. E economía e cultura, tamén medraron parellas. Moitos chairegos viaxaron cada amencer ata esa vila industrial para construír a Central, e outras xeracións gañaron o seu xornal, contratadas durante anos. Hai unha afinidade na loita cultural, con celebracións conxuntas coma a Festa da Fraga ou o Festival de Pardiñas, sobre todo a través do Grupo “Niño do Azor”, que fundou Moncho Valcarce. Pero, este guieiro uniunos para sempre, no seu compromiso con Galiza. Coa súa familia ten pasado estadías en Guitiriz, e traballou coma crego a carón do Eume dende 1988, ata a súa enfermidade. Segue a ser un facho aceso en todas as Galizas, despois de loitar na primeira liña nas Encrobas, Baldaio, Enchousas... Á par das labregas e labregos, liderou as protestas contra a cota empresarial e a do leite. Era o carné nº 1 de Comisións Labregas. A Chaira e o Eume, seguen a ferver grazas a lumeirada que el prendeu, nos seus terróns. Ao seu abeiro, enforteceuse a dignidade das e dos que convivimos nesta rexión da Galiza interior, coa madureza e sazón, que este místico e revolucionario, inxectou nas sucadas que foi abrindo por estas parcelas do país. O seu Diario íntimo da doenza final (Encrucillada 1994), é un trasunto da súa loita contra toda escravitude, e o leito desa liberación que marcou a súa traxectoria sociopolitica, relixiosa e cultural... No 3º cabodano da súa morte, fun agasallado, sen merecelo, co Premio “Pola promoción da Terra”, que todos os anos entrega a “Irmandade Moncho Valcarce”, e alí todos escoitamos estes versos de Pilar Pallarés, dedicados a esta efeméride: “Agora que a morte xa borrou as liñas/do teu rosto/e esvaeceu os límites,/moras inteiro en nós, compañeiro na/tenza,/home e heroi, amigo, irmán Moncho/ Valcarce”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES