Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 17 de enero de 2020
Liberdade para opinar

Escoito á Cacho Señora Dona Barbra Streisand e sigo opinando que é a mellor voz do mundo mundial. Claro que, agora, cada quen que pense de min o que queira e que opine o que lle dea a gana desa cantante e actriz. Vivimos nun país libre (é un dicir) no que a liberdade de opinión é coma o bo dunha rula polas fincas das Lagoas. Claro que, a moitos paxaros, xa sabemos todos, se lles corta as ás. É outro dicir. Non fagades moito caso, porque como a nosa España non hai. Vaia, segue o asunto de actrices e cantantes... polos auriculares asoma a voz insinuante desa muller espectacular chamada Marilyn Monroe, quizais ou sen quizais a actriz máis castigada e máis maltratada polas malas linguas, ou sexa, por todo ser vivo. Dicía que temos liberdade para opinar. É verdade; se ti dis negro, por que eu non vou poder dicir branco. Se uns falan da raza celta, por que outros non poder falar dos iberos. Certo, haberá uns cantos que deixarán Pingas de Orballocaer, así coma quen non quere a cousa, a raza aria. Iso, coma se fora un lapso. Somos un país libre! Eu teño liberdade para escoitar a Chet Baker, e non che vou prohibir a ti que escoites a Manolo Escobar ou a Mozart. Por que eu non vou poder ladrar coma un can. Ou oulear coma un lobo. Que carallo, o ouleo do lobo é bonito. Ata me dan ganas de subir ó Outeiro do Corno e alí... alí oulear por este país noso que é libre, no que non se censura a ninguén. Ata temos liberdade, por exemplo, para pedir no Parlamento calquera falcatruada. Cantas ganiñas hai de armar as do demo!

Haití e Australia

O 12 de xaneiro de 2010, Haití era o país máis pobre de América. Ese día, un terremoto de magnitude 7.0 segou a vida de máis de 300.000 persoas, quedando feridas máis de 400.000 e millón e medio sen fogar. O 12 de xaneiro de 2020, hai xa dez anos, Haití aínda é máis pobre. E iso que Antonio Fraguas de Pablo, máis coñecido como Forges, non deixou de salientar nas súas viñetas durante moitos meses un “e non te esquezas de Haití”. Pero si nos esquecemos de Haití. Xa digo, a dez anos desa impresionante desfeita, Haití aínda é máis pobre. Consagrámonos máis a recuperar Notre-Dame, por exemplo, que a reconstruír Haití. Sufrimos e penamos ante o derrube das torres xemelgas, pero ante 300.000 mortos haitianos resignámonos ante as forzas da natureza. Non che é o mesmo ser rico que ser pobre. Vaiche boa!

Tampouco é o mesmo que un gran incendio se desenvolva en Europa, por exemplo, que nas antípodas. Arde Australia enteira e as axudas en masa brillan pola súa ausencia e a afouteza dos voluntarios... ufff, aquilo queda no quinto inferno, nunca mellor dito. Máis de dez millóns de hectáreas queimadas, 27 ou máis falecidos, miles de persoas evacuadas, o 70% das selvas tropicais arrasadas e máis de mil millóns de animais abrasados. Son cantidades que se len axiña, pero que, friamente, doen, doen moito.

Claro que, Haití é unha cousiña pequeniña que, para máis carallos, é moi pobre, e Australia está onde o aire dá a volta. Canta falta nos fas, Forges!

Uns por moito e outros por pouco

Moi de cando en vez dáseme por achegarme ata o centro de Ourense para ver se algo cambiou ou se todo segue igual. O outro día fíxeno e case todo segue igual. Menos a praza Bispo Cesáreo. Desta desapareceu xa o famoso belén dos 18.000 euros. Foi Pingas de Orballonotar iso e asomar, coma un lóstrego, un pensamento: “alá vai ó carallo o turismo en Ourense”. Porque entre as termas do río Miño (que seguen escaralladas) e o belén do Jácome, Ourense quédase sen alicientes turísticos. Vale, si, a ponte romana e a catedral. E xa está. Ata Baños de Molgas ten moitas máis ofertas: desde a burga ata o cruceiro de Almoite, desde A Pitediña ata Os Milagres, desde As Mestras ata a capela de Santa Eufemia, desde o Outeiro do Corno ata o San Vitoiro, desde a estación do ferrocarril ata a torre da igrexa de San Salvador, desde a Ponte Vella ata a Ponte das Cepas. E non sigo que me perdo.

Ourense precisa turismo e, pola contra, hai un pobo en Austria que se chama Hallstatt que, dos 800 habitantes que ten, e desde que se colleu de modelo, de deseño para a película de animación “Frozen”, pasou a 10.000 turistas ó día. Ante esta avalancha, o propio alcalde empeza a solicitar que non se visite. Parece que a masiva afluencia de turistas non lle permite ós residentes realizar ben as súas tarefas. E oín na radio que lle quixera pasar a papeleta a outro pobo semellante, pero que, o alcalde deste, tamén se negara. Resumindo, e turisticamente falando, uns por moito e outros por pouco.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES