Unha reforma que tarda
Bravos, Marisol - viernes, 17 de enero de 2020
Ano novo e problemas vellos. Problemas que se alongan tanto no tempo que case se esquecen
Estou a referirme á falta de accesibilidade da Xefatura Provincial de Tráfico. Unha reivindicación que vén de moi atrás.
Retomo o tema outra vez porque me fixeron chegar a queixa dunha persoa con mobilidade reducida que, desde un concello da provincia, se desprazou a Lugo para facer unha xestión. Encontrouse coa desagradable sorpresa dos chanzos da escaleira da entrada, chanzos que lle axudou a salvar a persoa que a acompañaba. A resposta á reclamación presentada di que a estrutura das nosas oficinas non permite construír unha rampa permanente, o que se suple mediante a utilización dunha desmontable que permite o acceso á zona de atención ao público.
É evidente que non podo opinar sobre a estrutura do edificio e non teño porque dubidar da resposta, pero se realmente é así por que a rampla desmontable non se usa durante o horario de apertura da oficina??? A persoa en cuestión afirma que nada máis saír viu como a retiraban novamente. Certo é que o máis habitual é non vela.
Nalgún momento chegaron a suxerir que se podía avisar a calquera que pasara pola beirarrúa para que, a súa vez, avisase dentro. Tendo en conta a Lexislación sobre Accesibilidade e a Convención sobre os Dereitos das persoas con diversidade funcional case mellor non comentar esa opción. Por experiencia podo dicir que anunciando previamente a visita, todo son facilidades. Aínda así non deixa de ser un mal parche e un privilexio só para os que sabemos que existe a rampla.
Din tamén na resposta que esta circunstancia será tida en conta nunha futura reforma que actualmente se atopa en estudo. Xa perdín a conta do tempo que se leva falando do estudio así que en espera desa suposta reforma téñeno fácil, poñan a rampla!!! Non ten a pendente máis axeitada; pero, ao menos, é practicable.

Bravos, Marisol
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora