Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (1)

jueves, 16 de enero de 2020
Publicacido en “Tempos de Festa en Galicia”. T.II. Fundación Caixa Galicia. 2008.

I. Algúns trazos históricos e xeográficos.
O Concello de Lourenzá, que forma parte da Mariña central, amosa un bonito val ao norte da provincia de Lugo. Ocupa unha extensión de case sesenta e tres quilómetros Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (1)cadrados e limita cos municipios lucenses de Foz, ao norte, Riotorto, ao sur, Barreiros e Trabada, ao este, e Mondoñedo, ao oeste. A súa espléndida valgada abrangue desde as abas do Padornelo ata as da Cadeira, e desde as da Corneira e Curros ata as da pena do Porco e a Fraga.

Posúe o municipio tres zonas claramente delimitadas: unha de suaves pendentes; outra de ladeiras máis pronunciadas, entre os douscentos e trescentos metros de desnivel; e outra de maiores altitudes, que oscila entre os trescentos e catrocentos metros. O clima é de tipo oceánico húmido, con abundantes precipitacións e temperaturas suaves. No corazón da planicie xorde a viliña de Vilanova de Lourenzá nun sorprendente contorno, só comparable ao da veciña cidade de Mondoñedo, tal como se evoca desde o campo da Gracia nesta vella cantiga popular:

Mondoñedo está nun baixo,
Vilanova nun baixiño,
Nosa Señora da Gracia,
mesmo á beira do camiño.


Demograficamente, a poboación do municipio minguou desde os comezos do século xx, cando posuía uns cinco mil habitantes. Ese descenso debeuse, en gran medida, aos movementos migratorios cara ao exterior, nun primeiro momento á América, logo, a Europa e, tamén, ás comunidades españolas de máis industria. No ano 2004, o concello tiña unha poboación de 2.699 almas, distribuídas en catro parroquias, do seguinte xeito: Santa María, que acolle Vilanova, con 1297; San Xurxo, 349; Santo Tomé, 488, e Santo Adrao, 565.

As orixes do poboamento están ligadas aos castros existentes na demarcación municipal. Non en balde nas parroquias de Santa María, Santo Tomé e San Xurxo hai lugares que reciben o nome de Castro. De todos os xeitos, a partir do século x, estas terras incorpóranse plenamente ao devir histórico grazas a D. Osorio Gutiérrez, máis coñecido como o Conde Santo, conforme refire en literaria evocación o fillo ilustre da vila Francisco Fernández del Riego, coñecido tamén polo seudónimo de Salvador de Lorenzana:

Nos tempos medievais, os borboriños do vento soaban aquí, doces, aflautados, nas ponlas dos salgueiros e dos lamigueiros. Un conde, Osorio Gutiérrez, amaba estas terras cereais e moles, as ondas quedas e ergueitas, como costas de xigante, das sinclinais que rondan o val. Alén do horizonte, vivían os páramos, os coiñais, que taipaban a beleza rítmica dun verde renovo. Polas vertentes da mar veciña, ata as ribeiras do Masma, abriran ameaza outrora as naos viquingas de tallamares historiados e tremelantes mascaróns. Desde a veiga monsdumiense aos vales do Ouro e de Lourenzá, desde o berce dos regueiros deica a orla costeira, o mosteiro nacía aos albores dunha vida creadora. Un inmenso concertante subía desde os sulcos, dos arboredos e das foces, cando a terra aquela era unha morada para o espírito, e valía o que non valían outros Festividades relixiosas e profanas no Val de Lourenzá (1)verxeis.

Xa no tempo presente, cómpre resaltar que a economía do municipio se basea en actividades de índole agropecuaria, destacando en tres subsectores: a agricultura, a gandería e a explotación forestal. No ámbito agrario dáse ben o policultivo intensivo, debido á fertilidade da terra e á concentración parcelaria, que permitiu unha produción máis variada e mesta. En canto a gandería destaca, sobre todo, no vacún e o porcino. Así mesmo, a riqueza forestal xerou unha potente industria de transformación, pois proporciona importante materia prima para o seu posterior aproveitamento en serradoiros e fábricas de mobles.

En canto ao sector secundario, a poboación activa (12%) aglutínase na transformación madeireira e láctea, e en certas industrias extractivas. Os servizos localízanse en Vilanova de Lourenzá, a capital do concello, onde se emprazan os centros administrativos, sanitarios e comerciais. Estes últimos reflíctense claramente nos mercados e feiras, que se celebran os días 9 e 28 de cada mes.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES