Entre o refaixo do inverno
O frío penetra por entre o refaixo do inverno e un raio de sol non é quen de temperar un sentimento. Quero correr pola estrada que me leva ó recuncho máis afastado da memoria, pero canso decontado, axiña me deteño para escribir un verso. Un verso que non sei rimar, pero que queda aí, suspendido no tempo, flotando polo universo. Non lle teño medo ó silencio. Por iso berro. Berro unha e outra vez para que se escoiten os meus lamentos. Quero beber do xeo que escorre pola ramallada dunha xesta. Paso unha man pola cabeza e xemo, laio de ansiedade e... tamén, por que non,

de medo. Temor a ter medo de non saber o que son, de non saber o que quero. Medo a non quecer entre o refaixo do inverno.
Corro de novo ata que a suor pinga poemas que non consigo rematar, mentres que o bafo, o alento que sae da miña boca deixa sinais en debuxos estampados contra os codesos. Hai codesos que atrancan os camiños e hai camiños que custa moito percorrelos. Algúns son coma capítulos dunha novela sen punto final ou coma sorrisos que se conxelan, que xean no tempo. Non todos os camiños son rectos; nin están asfaltados. Así é que non queda outra que introducirme entre o refaixo do inverno e intentar darlle calor ós fríos pensamentos de cando o tempo era negro. Quero rachar o silencio cun berro seco. Berro polo que foi e xa non é, polo que pasou e xa non pasa. Berro polo que está por vir. Ó mesmo tempo, acubillo entre o refaixo do inverno.
Hipocrisía nun deporte podre
Sigo dicindo que o fútbol é o mellor estudo ou análise sobre a personalidade humana. Nun partido de fútbol notas e ves ó momento como ese demo que levamos dentro asoma pola nosas bocas e polos ollos. No fútbol, tamén, como non, axiña descubrimos a hipocrisía da xente. Non hai moito, a maioría dos afeccionados españois acusaron a Guardiola e a Xavi de ser algo así como dous individuos que se vendían ó petrodólar e que vivían nun país no que os dereitos humanos brillan pola súa ausencia. Dicir que puxeron o grito no ceo é pouco dicir. Non obstante, levo uns días que noto que esa maioría non pon patas arriba as redes sociais nin os artigos de opinión sobre Arabia Saudí (u-los dereitos humanos?), lugar de celebración da Supercopa de España, na que participan os catro grandes equipos do noso país. Seguro que para eses afeccionados tan listos, a Federación, o Real Madrid, o Barcelona, o Atlético de Madrid e o Valencia fan ben en querer encher as arcas cos petrodólares dos xeques. No caso dos dous xogadores cataláns, pois que vai ser: que son uns renegados. Tamén é verdade que, no caso de encher as arcas, énchenas os dous grandes; que cobran 8 millóns de euros, mentres o Atlético vai que chuta con catro e o Valencia... o pobre Valencia non me estraña que pasara olimpicamente de facerlle fronte ó Real Madrid o outro día. Total, para tres millóns que vai cobrar. Para min ese día fixo folga, non de brazos caídos, senón de pernas folgazanas. E fixo ben. Este deporte está podre.