Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (10)

martes, 14 de enero de 2020
Aurelio resignouse, pois os efectos daquela adhesión, adhesivos, adherentes, adheridos quedaban; ¡logrados e consolidados!
-Sendo así, acéptolle, e con gusto, que eu, como servidor local, non quero se-la mazá da discordia.
(-¡Mira quen foi falar! -Comentou don Valentín neste punto, naquela Revisión Celeste, abraiado por tanta estulticia).
Despois daquela pratada, regada con tres netos do Ribeiro, puxéronse á audiencia. Salmonte declarou aberta a sesión:
-E logo, Alvaredo, ¿de que vai a cousa? ¡A ver, ho, larga, que pareces un cohibas..., de cohibido que andas!
-Pois..., é que...; mire, don Manuel, trátase de que se acabaron aqueles cartiños da traída, alí desde a Fonte do Lodeiro...
O polbo á feira, coa súa dose, subida, de sal e de pemento, sempre propiciou a broma; e tratándose do Salmonte...
-Daquela, ti, un forzudo da maneira, ¿como consentiches...?
-¡Que lle son tres casas, tres e maila Reitoral, e daquela non hai entubado que chegue!
-Xa me dixeras que son tres, todo ese barrio da Igrexa. Pois, nese caso, que paguen os teus veciños, o que falte e maila robra, ¡que invitaredes á inauguración, supoño!
-¡A cousa non é doada, pois o Cura entra nos escotes...!
-¿Desde cando? ¿Entra nos escotes, de verdade; cábelle a man? ¡Que atrevido...! ¿En cal entra, ho, no da Ama, no da Xulia? ¡Ai que ver; con iso do Concilio largan de sotana..., que así non lles estorba para as súas manipulacións! Non se pode un fiar de ninguén, ¡nin dos Curas!
Alí precisábase un asesoramento legal, bromas á parte, legal ou pseudo, así que o tiveron:
-Perdoen que me entremeta; ¿o Contratista desa obra, da que falan, non lles deu un presuposto previo? ¿Ou é que non houbo contrato…?
Aquel Edil, que máis que do Terzo Familiar era do Terciario, do Terciario ou, como moito, de principios do Cuaternario, confesouse, pero o que non sabía el era o tipo de Cura ao que se achegaba:
-¿Iso para que se o Contratista sono eu, eu mesmo?
Como aquela lóxica do Edil resultaba un tanto ilóxica, Salmonte tivo que explicarse:
-Si, ho, ben o sei, que niso quedamos, pero hai que explicarllo aquí a don Aurelio, que este señor sabe moito, pero, ¡doutras cousas! Aquí, este, este cacho amigo, quería leva-la auga dunha fonte pública para a súa casa, pero cheirounos que aqueles veciños, eses dos predios inferiores, os desecados para entendernos, íanlle protestar, así que daquela ordenamos pasárllela tamén aos outros, aos do barrio da Igrexa, e tamén á Reitoral, ¡por conta do Concello, que así, meténdollela na boca cunha billa de cobre, calaban! Como este Alvaredo é algo mañoso, ¡cando quere, que coa Ama, coa Xulia, cero mata cero!, púxose á obra, el mesmo, coa factura ao terzo; ¡séxase, Caixa B, materiais e contratista!
-¿Iso, compadreado desa maneira, nos libros do Concello...? ¡Non, non pode ser; resulta un tanto groseiro, ordinario!
Salmonte argumentou, molesto pola interferencia do seu Secretario:
-Aureliño, quieto parado, non o movas, que está bastante ben amañado, que este compadre tróuxome unha factura verdadeira, dun Contratista verdadeiro, matriculado. ¡Así que, habendo boa vontade...! –E proseguiu, volvéndose ao Alvaredo: -O que aínda non me dixeches é canto che falta para remata-las acometidas, que xa sei que estás poñendo aseos na casa, na túa, eh, pillín, cos nosos cartos, co terzo industrial. ¡Teño orellas en tódalas parroquias!
Volvéndose ao Asesor:
-Aurelio, que xa se me esqueceu, ¿como dixeches que se lles chama aos meus espreitadores, eses que teño nas parroquias?
-¡Manuel, iso é un secreto municipal, pero, xa que te lanzas...! Chameilles sátrapas, que é un sistema que foi ensaiado por un Alcalde fenómeno, un tal Darío, que tivo de preceptor a certo sabio...; ¡digamos que foi un caso parecido ao teu, salvando as idades!
-¡Este condenado...! Xa cho dixen, Alvaredo, que este Secretario sabe máis latixos que tódolos curas desta bisbarra; ¡máis que todos eles xuntos! ¡Só lle falta misar, mais agora, con iso do Concilio, igual lle dan licencias!
A pesares de verse cachado, todo aquilo pareceulle tan natural ao Concelleiro que non se achicou:
-Diso dos cartos, máis ou menos..., ¡outro tanto, para que a cousa quede de xeito!
Era a proba do lume para o novo Interventor. Manuel atufouse:
-Sendo así haberá que rascar no peto das ánimas, pero o caso é que con esas contas que axustou aquí don Aurelio tan ben axustadas..., ¡maldito se sei onde apunta-los cadullos! Por outra parte, meu Secretario, a lealdade deste home algo merece, ¡que nunca un Acta deixou sen asinar, por mal redactada que estivese! ¿Enténde-la cousa? Obras son amores, que para razóns..., ¡abonda coas prédicas do noso Bieito!
Aquela Secretaría funcionaba á perfección, así fose ambulante, mesmo na ruxideira dunha tasca:
-Imos ver, que Deus labra dereito pero coas liñas torcidas. Aquí, concretamente para o expediente desa auga, farían falta uns planos…; ¡iso, para xustificar certas partidas adicionais, reformadas, pero como este Concello non ten un Aparellador que o aparelle, daquela...!
-Oes, Aurelio, que tamén se me pasou pola cabeza, que hai cousas nas que nos podía axudar un deses. O caso é que, para nomealo, ¿quen o examina, que eu, diso de planos, maldito cousa?
O Edil quixo face-la graza e ameceuse ao proxecto:
-¡Diso dou fe, que aquí ao Alcalde dánselle mellor, moitísimo mellor, os plans cós planos!
O aludido fulminouno:
-¡De que vas falar, marica! Para unha vez que te levei a Madrid, naquela Comisión de pedirlle cartos ao Crédito Local, durmícheste..., ¡mentres se acaneaban aquelas bailarinas, aquelas da danza ventral! ¡Vaia un home, que por iso non te volvín a levar!
Don Aurelio, xa un veterano ás catro semanas da súa posesión, toureaba ás dúas mans naqueles churiceiros:
-Don Manuel, non abuses deste home que ben que se lle nota que é de natureza virxe. E niso dos exames do Aparellador Municipal conta comigo, que eu, por se aínda non o sabes, sonche un especialista nesas cuestións do urbanismo; ¡tamén niso! Fixen cursos, ben aproveitados...
Aquel ¿enciclopédico?, tan sabedor e tan providencial, tiña encantado, literalmente encantado, ao Salmonte:
-¡Ai, ho, Deus cho pague, que me quitas un peso de encima, que afellas que este Concello, niso do Aparellador, íase quedando detrás dos outros! ¿Daquela, encárgaste dese Concurso?
-¡Diso, e de canto se precise! Ti firmas o nomeamento, o que eu che propoña, que do resto...; ¡o resto vai da miña responsabilidade!
¡Que máis quería aquel señorote, aquel Manuelón, Señor da Casa Salmonte e do seu circundo, Señor do Concello, Señor do Municipio, Señor dun Secretario tan adicto, en submisa, en intelixente vasalaxe, ou máis exactamente, en pura simbiose!
-¿Decátaste, Alvaredo, da sorte que tivemos con este home? Vai poñe-lo Concello en pé, en pé de guerra; ¡que cho digo eu!
-En efecto; vosoutros levantade as vosas cousas, que diso de levanta-lo Concello..., ¡asunto meu! Pero volvendo ao problema desas conducións: Teremos que discorrer que fan falta uns depósitos reguladores...
-¡Están feitos, descantiá! -Farfallou Alvaredo, créndose na oportunidade.
-Cala, farfallán, que o Asesor é don Aurelio, e ademais estaba no uso da palabra.
-Como ía dicindo, -proseguiu o "asesor", -farán falta uns depósitos reguladores, que a orde dos factores non altera o produto; así que, eu mesmo redactarei esa instancia, cara ao Axuntamento, pedindo unha subvención para..., ¡por complementos! Que a firmen o Cura da Parroquia e dous veciños, que xa poñerei na Acta correspondente iso de que se aproba ese gasto con cargo ao Presuposto do ano vindeiro. ¡Todo isto se aquí o señor Alcalde non ten inconveniente! -Adulouno para engrandecelo, por lei de reciprocidade, pola indefectible da interacción caciquil, diante daquel lambecús edílico.
Don Manuel, no seu estilo, todo facilidades:
-¡Ai, ho, por min está feito! Pero, ¿por que non firma o Cura desa Parroquia e mailo Alvaredo...? ¡Digo, para que haxa menos firmas!
-Non, que coido que é máis aséptico que uns firmen e que outro execute. Neste caso, como non está o Alvaredo na solicitude, o Presuposto desas obras pode firmalo el, el mesmo, poñéndose como que é un Contratista; e daquela todo arranxado, sen trampas..., ¡na tona!
A inocencia do interesado non ía tan aló:
-¡Eu non son Contratista, nin quero selo, que iso é arriscado!
-¡Alvaredo, que estás desobedecendo ao Secretario, e por ende, ao Alcalde!
Con iso, aquel edil, tan habilmente pucheirado, recolleu velas:
-¡Deus llelo pague, que así meto a auga na casa, de balde, e aínda gaño con iso de poñerme de Contratista..., para axuda das viaxes á Consistorial! ¡Ai, ho, que este polbo saíume barato grazas aos amigos; que Deus lles conserve a vida, moitos anos, para o ben da Patria, para o ben de España, que por algo é Unha, Grande.., e Libre!
Aurelio púxolle a guinda ao pastel:
-Oia, Alvaredo, este polbo quen o debe pagar é o Cura da Parroquia, que vostede xa tivo o traballo de axudarnos a descorrer a forma de arranxa-las augas. Eu, no seu caso, antes de cantarlle a gloria ao Crego, faríalle canta-la palinodia; a el, ¿sabe? Diríalle, abertamente, que un bo Concelleiro, un Concelleiro tan útil para a freguesía, hai que repetilo nas próximas eleccións, tal que se lle promete axudalo coas súas influencias, e non coma da outra vez... Que tamén vostede...; iso, que nos predicará, en xusta reciprocidade, na Casa do Concello; e que nun mes, ou en dous, igual nos convence para que lle demos cartos, outros poucos, para mellora-la acometida, ou para rega-la horta do igrexario, ¡sen que lle custe un simple responso!
O aludido quedouse matinando naquela proposta tan intelixente; ¡como tódalas do Secretario, segundo se ía demostrando!
-¡Iso leva xeito, si señor! E de visto así, ata me parece pouco prezo, que tamén lle vou dicir ao Cura que unha cortesía, un galano, unha cousa boa, sería ensinarlle, a vostede, digo, a despensa das festas; de paso, que lle dea a papar, que reparta, algo do saboroso, que ten unha criada, esa Xulia, que cociña do mellor; ¡e daquela pode reparti-las tortillas cos invitados!
Semellante proposta gustoulle ao picarón do Litis:
-¿Que, que tal peneira..., esa criada? Mais, por ben que o faga, ir de segundas, tras dun Crego...; ¡igual a ten branda, iso, da auga bendita...!
-¡Señor Secretario, que cousas ten; os pasteis sempre van despois das talladas; e logo que, de tecedoras sen ensaios..., nin sacos! En canto ao seu peneirar, a verdade é que non sei como peneira, que iso faise de noite, pero supoño que o fará ben, que abanar nese Cura, co gordo que está, xa require forzas, xa; ou forza, ou mañas, que ata non sei como pode chegar..., ¡iso, ao seu sitio! Eu vina enfornar...; iso vino, e xúrolles que non lle treme á boca do forno, ¡por roxo que estea! Esa muller, esa minifaldeira, aló abaixo, no fondo do pozo, no Purgatorio..., ¡seguro que se queixa do frío!
A Frei Marcos deulle noxo seguir aturando aquela sarta de impudicias daqueles godalleiros, que por cobizar, ata lle cobizaban a criada ao Cura, así que, a tal momento, pulsou o stop da cinta, deixando o resto dela para despois da sesta.

Un Nadal atarefado

A película espiritual do Litis seguía debandándose naquel proxector da Auditoría, e polo visto con tanta abstracción por parte de Frei Marcos que se levou un bo sobresalto daquela que apareceu na pantalla o rótulo de: TREGUA.
-¡Eh! ¿Que, que pasa, que foi, quen manipulou este aparello? ¿Manipulacións no Ceo? ¡Imposible; renego fo! ¿Serían eses leguleios da Defensa, eses Avogados do Diabo? ¡Daquela, Deo iuvante, que se vaian ás silveiras, que aquí perden o tempo!
-¡Tío Marcos, tranquilo! ¡Pero, home, non sexa suspicaz, e lémbrese que xa estamos en Nadal! ¡A quen se lle ocorre: manipulacións no Ceo!
-¡Escúsame, Fisga Seis! A diferenza estriba en que vosoutros, os Anxos, nacestes e vivistes aquí, de sempre, nesta Gloria Perpetua, Inmarcescible, pero nós, os terrícolas, chegamos de recén; ¡viñemos á vida polo túnel da morte! De simples emigrantes, ¿sabes?, que por iso non acabamos de afacernos ao Protocolo Celeste. Mais agora que o mencionas, si que me decato de que neste tempus allegro vivace das películas vitais prodúcense estas treguas porque Xesús, ¡o Bo Xesús!, ao dá-la paz na Terra aos homes da boa vontade, tanto a salpica que se velan as falcatruadas dos máis próximos. Tamén sei, por suposto, e non o debo esquecer, que nesta época deixan de funcionar eses memorizadores tan fráxiles das conciencias lasas. Pois ben, daquela teremos que acata-lo noso receso, por iso, por preceptivo. ¿Por certo, onde vai o Nove, ou é que tamén recesou? ¡Descúlpame polo vocábulo! Iso do receso é unha palabriña recesa; para min, repugnante; tanto, que lle vou pedir a Don Paulo que a poña no seu ÍNDICE, que ese tránsfuga, en todo, pero maiormente na semántica... ¡É un profundo, un grego!
-Saíu, ¿sabe? Saíu nun suspiro, nun santiamén, daquela que se sobresaltou vostede. ¿Lémbrase? Vaille arriba, no trono do Altísimo, para canta-las panxoliñas. Eu quedei aquí, de retén, ¡de retén e de refén!, porque este ano tócame toca-la arpa en Reis; ¡así libro por Nadal, que no Ceo, como sabe, este é un tempus de moito trasfego!
-Oes, Fisga, e digo eu que, xa que estamos folgados, de tregua, poderiamos poñe-la película Cromática, esa do Orbe, a Panorámica, que estou acordándome daquelas vilas da miña terra, ¡e iso que acabo de chegar! Tamén será cousa de olla-lo noso Churiz, o actual, nestes días de paz..., ¡para facelo sen contrastes disonantes!
-Iso é doado, Frei Marcos, que só hai que darlle a unha tecla... É esta que di, "Cor", conxuntamente con estoutra que pon, "Gallaecia"; despois diso dialízase co punteiro, por conceptos, coma no Windows. ¿Ve que doado é? Daquela voulle poñer unhas tomas dese Churiz galaico, que se está facendo famoso pola súa herdanza, pola corrupción mortis causa do noso Litigueiro. Vexamos, pois, este escenario das xestas, ¡das xestas e dos toxos!, dese ínclito Aurelio; ¡en tridimensional, ao vivo, que tamén se di!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES