Sábese que Groucho Marx nunca dixo Máis madeira, é a guerra na súa película Os irmáns Marx no Oeste, que foi aquí, no noso país, na súa versión dobrada, cando se empregou esa expresión tan usada. Desconfíase que foi Miguel Mihura o autor da dobraxe. É igual, ante isto, estou por apostar que Donald Trump viu a película na súa

versión castelá. E está a coller a frase ó pé da letra. Quere guerra con Irán, e non hai maneira. Hoxe parece que se calmaron un pouco as augas, pero estando ese personaxe polo medio non creo que tardemos moito en exclamar: é a guerra! A guerra, o último amparo dos incapaces. A guerra, a loita na que sempre perden os inocentes. A guerra, cando estoura, mata e destrúe.
Tamén o xoves, día 9, de madrugada, exactamente á 01.08 quixo estourar Baños de Molgas. A esa hora, un pequeno tremor de terra de magnitude 2,4 apareceu bufando desde o seu epicentro en Sanguñedo, para facer tremer e bailar obxectos e para espertar á maioría dos veciños. Un minuto máis tarde chegou outro aviso con magnitude de 2.1. É dicir, un simple tremor para ter algo de que falar polo día. A Baños de Molgas non a destrúen así como así. Tan só aquel horripilante terremoto que si destruíu Lisboa o 1 de novembro de 1755 foi quen de que a burga deixase de botar durante un par de minutos. De todos é sabido que a burga é o mellor baremo, a mellor testemuña de todo o que acontece en Baños de Molgas. É a patroa da vila.
Volvendo á guerra, tamén semella que empezan a espertar os cans que dormen, ou sexa, empeza a armarse un desencravo entre o PSOE e Unidas Podemos. Un anuncia a destempo; outro víngase con exceso. E estamos empezando. Oxalá acabe aí a cousa e que non lle dean ás ós das dereitas, que estes axiña aproveitan calquera abertura, calquera posibilidade para asaltar á que pensan que é a súa patria. Sempre se consideraron moi patriotas. Para isto tamén teño unha cita cinematográfica, unha que asoma na película Sendeiros de gloria (quizais o filme máis antimilitarista de toda a historia cinematográfica): O patriotismo é o derradeiro refuxio dos covardes. Empecemos ben o ano e pasemos do é a guerra ó aquí paz e despois gloria.