Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A 'pasión persa' de Trump

sábado, 11 de enero de 2020
A tensión militar in crescendo entre EUA e Irán ten un claro carácter efectista nun 2020 político e electoral para Donald Trump. Toda vez, esta tensión traduce igualmente os intereses de diversos actores, non só de Washington e Teherán, por reconstituír as súas respectivas esferas de influencia estratéxica dentro do mapa xeopolítico entre Oriente Próximo e o espazo euroasiático, tramitados en conflitos aínda abertos (Siria, Iemen, Libia), sen desestimar os efectos colaterais que esta crise pode ter noutros contextos (Venezuela) igualmente importantes.

Se o asasinato selectivo de Trump contra o xeneral Qassem Soleimani foi un golpe estratéxico ao corazón do réxime iraniano, a inmediata resposta por parte de Teherán lanzando mísiles contra bases estadounidenses en Iraq determina a súa capacidade para cumprir coa “vinganza” que claman constantemente dende Teherán o Gran Aiatolá Alí Jamenei e os altos cargos do réxime teocrático, abrindo as comportas do que é cualificado en Teherán como unha “guerra total devastadora”.

Irán ten unha posición xeopolítica estratéxica tanto en Oriente Próximo como no espazo euroasiático, con notable capacidade de influencia e de presión xeopolítica en diversos contextos (Golfo Pérsico, Iemen, Siria, Líbano, Palestina, Afganistán, Asia Central) e un pulso constante contra aliados estadounidenses (Israel, Arabia Saudita). Soleimani constituía o cerebro estratéxico que permitía ese reforzamento da posición iraniana en Oriente Próximo, orientada visiblemente a desprazar a presenza e influencia de Washington da rexión e fortalecer os intereses de Teherán a fin de conter a Israel e Arabia Saudita, os seus principais rivais na contorna, e aliados estratéxicos estadounidenses.

Por tanto, a posibilidade dun conflito directo con EUA afonda aínda mais as expectativas de espallarse a tensión a nivel rexional, tomando en conta a proliferación destes “frontes abertos”, dende Siria e Iraq ata Iemen. O propio aiatolá Jamenei foi revelador no seu discurso: o obxectivo dos ataques iranianos é “que EUA saia da rexión”.

Putin entra en acción

Toda vez, a diplomacia actívase por outros sendeiros. Mentres sube a tensión militar entre Washington e Teherán, o presidente ruso Vladimir Putin realizaba unha inesperada e estratéxica visita a Damasco. Esta visita de Putin constitúe unha clara mensaxe dirixida a Trump e o réxime iraniano sobre quen é o actor con maior capacidade de influencia na rexión.

Ante a desfeita estadounidense trala guerra de Iraq (2003) e o aparente abandono da atención en Oriente Próximo por parte da Administración Trump (só precisamente alterada pola súa intrasixencia cara Teherán), Rusia converteuse no único actor externo con maior capacidade de interlocución e influencia con tódolos actores implicados nas crises rexionais, dende Siria e Turquía ata Arabia Saudita e Irán, pasando por Exipto, Israel e incluso Libia.

Moscova tenta así converxer nos intereses iranianos de desprazar a ata agora preponderante posición estadounidense na rexión, reforzándose como a forza de gravidade no historicamente considerado por Rusia como o seu “estranxeiro contiguo”. Non obstante, o conflito aberto entre EUA e Irán e, particularmente, a morte de Soleimani, ten igualmente variables colaterais en aparencia non exactamente desfavorables aos intereses rusos.

Non obstante, e pesar da congruencia de intereses, Putin sempre observou a Irán como un socio incómodo en contextos específicos como Siria e Iraq. A tensión militar con Washington suporía para Moscova a posibilidade de observar unha maior degradación da posición iraniana na rexión, polo cal Rusia buscaría recompoñer as pezas ampliando a súa cada vez mais influente posición rexional.

Por tanto, o ataque de Trump contra Soleimani ten unha implicación estratéxica chave, non só medida pola perspectiva electoral en EUA senón pola intencionalidade de Washington de recuperar a iniciativa en Oriente Próximo e colateralmente no espazo euroasiático, tentando así desequilibrar e desarticular o cada vez mais preponderante eixe Rusia-Turquía-Irán, acicalado desde 2015 por mor da guerra siria.

Esta perspectiva estratéxica de Washington detrás do ataque a Irán increméntase ante a conxunción de intereses dese eixe euroasiático. Neste sentido, Irán, Rusia e China teñen realizado exercicios navais conxuntos no Océano Índico e no Golfo de Omán, un factor que alteraría notablemente o equilibrio militar estratéxico para Washington. Dentro da actual escaladas das tensións entre EUA e Irán, Beijing pide “contención e diplomacia”, afianzando o seu tradicional pragmatismo estratéxico.

Israel, Turquía...

O conflito aberto entre Washington e Teherán favorece igualmente os intereses do estamento militar israelí nun momento de crise política nese país, cunha terceira convocatoria electoral para marzo. O primeiro ministro en funcións, o “falcón” Benjamín Netanyahu, o mellor aliado de Trump na rexión, veuse durante 2019 incapacitado de formar goberno tras dúas convocatorias electorais (maio e setembro) Netanyahu tamén está sendo sinalado por corrupción. Por tanto, a crise política israelí poder ter unha inesperada solución colateral en caso de que sega aumentando o conflito EUA-Irán.

Pero tamén existe certo interese en Teherán por abrir unha maior confrontación co “Gran Satán” estadounidense. Desde finais de 2019, o país persa ven presentando fortes protestas pola crise económica, colocando nun brete ao réxime teocrático. Diversas ONGs estiman en mais dun millar o número de mortos polas protestas e a represión. Por tanto, reforzar o sempre presente e palpable nacionalismo persa, particularmente na actual conxuntura tralo asasinato de Soleimani, implica para o réxime iraniano a posibilidade de reforzar ao seu favor tódolos factores de poder existentes, en especial a poderosa Garda Revolucionaria Islámica da que Soleimani era un auténtico artífice.

Mentres Trump e Irán pulsan por un conflito con perspectivas impredicibles, e Putin visitaba Siria para reforzar o papel ruso en Oriente Próximo, o pasado 2 de xaneiro, Turquía aprobaba vía parlamentaria o envío de tropas a Libia, nunha movida estratéxica para Ankara que implica igualmente tensións con EUA, Exipto e incluso Rusia, tomando en conta a correlación de forzas en conflito no caótico escenario libio. Con esta decisión, o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan saíu en favor do Goberno de Acordo Nacional (GAN) en Trípoli, enfrontado coas milicias do xeneral Khalifa Hafter, mais proclive a seren apoiado precisamente por Occidente, Exipto e Rusia.

Venezuela

Finalmente, está Venezuela, probablemente o principal aliado iraniano no hemisferio occidental, unha alianza aínda mais visible trala caída de Evo Morales en Bolivia. Unha alianza igualmente extensiva cara Rusia e China, os principais rivais estadounidense no mapamundi global.

O Departamento de Estado en Washington ven investigando desde fai varios anos as presuntas conexións financeiras de Chávez e Maduro con Irán, saltándose así as sancións estadounidenses. Conexións entre Caracas e Teherán que dende EUA enfocan tamén de cara á cooperación de carácter militar e incluso de explotación de recursos no Arco Mineiro venezolano.

A tensión política tamén está in crescendo en Venezuela. A rocambolesca situación na elección da nova directiva da Asemblea Nacional deixou entrever un 2020 incluso mais tenso e conflitivo en Venezuela, no pulso do líder opositor Juan Guaidó (apoiado por Washington e case 60 países) contra Maduro. En decembro de 2020 haberá eleccións parlamentarias, pero a interminable tensión política venezolana anuncia situacións impredecibles para as próximas semanas, que definen porqué o pulso de Trump con Irán pasa igualmente por Venezuela.

Con todas estas variables e caixas de resonancia enfocadas en diversas frontes, o pulso entre Trump e Irán gravitará con forza nun 2020 decisivo para o polémico presidente estadounidense, cun impeachment ás portas e unha reelección presidencial aínda no aire.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES