Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 10 de enero de 2020
Titular na portada

Erga cedo, levánteme tarde a miña obsesión é saír da casa coma un foguete ou coma un lóstrego para ler o xornal ou os xornais do día. Teño tal fixación, tal cisma que como vexa que poden estar pillados nas cafetarías ás que vou habitualmente, non me importa tirar para adiante e buscar unha onde teña posibilidades de atopar un xornal libre. Teño tanta ansiedade por saber o que pasou... Ás veces levo algún que outro desgusto. Como o que me aconteceu o pasado xoves, día 2. Na portada dun periódico da nosa Comunidade viña o seguinte titular (en castelán, aínda que eu, claro, pásoo ó galego): “Cristina Pedroche sorprende cun vestido de fibra de vidro e pan de ouro”. Inmensa tristeza ó ler isto. Como se pode instalar en toda unha portada unha noticia Pingas de Orballocoma esa! Nun xornal subvencionado pola Xunta de Galicia! Medio pagado por nós! A noticia dun personaxe que, seica, ano tras ano vai detrás duns minutos nos que poida chamar a atención a base da exhibición do seu corpo. É certo que co seu corpo pode facer o que lle dea a gana e é moi respectable a súa decisión; pero non asumo que un xornal de tirada nacional inclúa na portada (nada menos que na portada!) un titular sobre o egocentrismo, a egolatría de alguén. Todos sabemos que esas novas (con fotos incluídas) quedan mellor nesa chamada prensa amarela; pero nunca deberían asomar nun xornal que se presume serio, xenuíno (certo, ultimamente é un dicir) e sustentado, sostido cos nosos cartos.

Todo é absurdo

Todo é unha quimera. Desde observar como un paspán bota fume polo seu nariz ata querer asentar nun satélite artificial para contemplar o universo. Todo é unha ilusión. Desde pensar que os Reis Magos che van resolver a papeleta da felicidade ata botarte desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas, a case 30 metros de altura, pensando que vas aterrar de pé, con parsimonia e en plan de Supermán. Todo é unha utopía. Desde calcular que a distancia que vai de aquí ata Marte é a mesma que cando volvas (se volves) ata absorber todos os devezos que sentes por alguén, incluso pola túa propia sombra. Todo é un esperpento. Querer opinar do que non sabemos e, ás veces, querer demostrar o que xa coñecemos. Como lle explicas a alguén que o río Arnoia é o mesmo que pasa por Baños de Molgas e por Allariz. Como vai, como chega dun lugar ó outro. Polo río abaixo vai unha troita de pé... Hai que preguntarlle á troita. Todo é absurdo. Desde crer que vinte elefantes non romperán a tea de araña ata imaxinar que eu, precisamente eu, chegarei algún día ó planeta do meu amigo alieníxena. Será imposible; o seu planeta está a anos luz. Imaxino que non vivirei tanto. Todo é unha carallada. Desde querer comungar con rodas de muíño ata pensar que podes facer a seitura no mes de xaneiro. Case é mellor deixar que o tempo pase, a vida siga e que a felicidade sexa a nosa sombra... se vai sol. Se non hai sol, sentaremos ó pé dun formigueiro e botarémoslle terra ó asunto. A este asunto.

Medo á costa de Xaneiro

Acabouse o que se daba. Ás catro e vinte da tarde do día de Reis ou da Epifanía do Señor dou por rematadas as celebracións de Nadal. Certo que a min moito non me afectaron. Ou si. Durante este tempo non tiven que madrugar para coller camiño de Maceda. Durante este tempo o corpo, principalmente o estómago percorreu o viacrucis das lupandas, larpeiradas ou das ceas opíparas. E iso que son dos que me controlo un pouco a causa do despoxo, do fargallo de estómago que teño. Pero aínda así, o exceso faise dono e señor dunha mesa sobrecargada de produtos gastronómicos. Pero por todo o demais, para un servidor, son unhas festas que nin lle van nin lle vén. Quen o diría!, cando, a causa delas, escribín xa varios relatos ou críticas; que se a esaxeración das luces das cidades, que se a cruz do belén de Ourense, que se a cara do de Allariz; que Pingas de Orballose os Reis Magos cos seus agasallos. Son festas que cansan, que chegan a aburrir. Polo súa duración, polo seu barullo, pola súa barafunda, pola aglomeración nas rúas, nos centros comerciais e por esas farturas gastronómicas citadas. Procuro non analizar xa as xuntanzas familiares; que nestas datas semella que deberían ser de concordia, entrañables, pero que, ás veces (penso que poucas), vólvense incómodas, medio tormentosas, coa sensación de pisar sobre areas movedizas. Na cuestión económica, non me estraña que lle teñamos medo á costa de xaneiro; a ver quen a sobe sen unha cadela no peto. Porque todo se dilapidou no decembro.

Diñeiro, saúde e amor

Ata 18 anos menos de vida nos barrios pobre. Era a nova que asomou hai uns días en certos medios de comunicación escritos e falados. Entón é o que eu digo: que hai que cambiarlle a orde a eses famosos desexos de “saúde, diñeiro e amor”, tan en voga estes días pasados. Sempre dixen e sigo dicindo que primeiro é o diñeiro. Xa, claro, pero como non teñas saúdes... Como non teñas saúde, ó mellor, con cartos recupérala pouco a pouco. Mentres que, por moita saúde que teñas, como non teñas con que comer, mal asunto! O corpo mingua de tal maneira que acaba convertido en po. E se non, aí está a proba de que, ano a ano, aguantamos algo máis neste mundo porque a calidade de vida vai a mellor. Antes, na posguerra, por exemplo, tal calidade brillaba pola súa ausencia. Para o paisano de a pé, por suposto. Agora, non é que o paisano de a pé viva na gloria, pero polo menos, come. Si, os que comen. Se non comen, xa vemos como están de saúde. Por iso penso que xa vai sendo hora de facer unha nova versión musical e que alguén cante “diñeiro, saúde e amor”. O amor incluso o pode quitar. Para este non hai orde ningunha. Sábese ben que o amor é pasaxeiro. Case sempre é efémero. Ás veces ata dura menos que uns billetes de euros. Xentiña, non queda outra que se queremos saúde, hai que trasladarse ós barrios máis prósperos da cidade, das cidades. Igual temos a sorte de que, nestes, nos caian os pans cocidos do ceo. E tendo que comer, a saúde fortalécese. A que estes días vos suaron as graxas?
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES