Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (9)

martes, 07 de enero de 2020
Aquelas feiras, coas festas e mailas romarías, foron, ao longo de case que todo o franquismo, particularmente nas décadas corenta e cincuenta, o principal escenario daquelas inefables xestas: aquelas fazañas da Garda Civil intervindo con frecuencia en cacheos soprados, pois eles, ¡meus pobres!, andaluces na súa maioría, xubiláronse sen chegar a coñece-la súa veciñanza; ¡nin a coñecela, nin a entendela! Principalmente á busca daquelas navalliñas de corta-lo pan e mailo touciño, despois de benditos, por suposto, ou mesmo para alivia-las loras, caso de mosca-las vacas, con tal de que pasasen dos dez centímetros, as navallas, que outras armas xa nin á feira ían! Galicia só foi navalleira no senso, e no uso, agrícola, pero eles, e con eles os seus mandos, ignorábano. A Benemérita, non por culpa intrínseca senón pola deficiente dirección que tivo no rural, a verdade é que se cubriu de ridículos, tantos que sería prolixo enuncialos, e por outra banda, mellor os silenciamos nun esquecemento histórico, gracial. En paralelo, para o servizo exclusivo das Alcaldías, estaban aqueles Gardiñas locais, os do Municipio, ¡os do couceiro, lles chamaban!, tal que este que sae na secuencia seguinte, nun paralelo semellante aos Civís, tanto en dirección como en preparación profesional:
-Á orde, e sen novidade na feira, don Manuel.
-¡Ben, pois, nese caso, descanse; descanse, pero conte todo o que pasou, liña por liña, a feito!
-Nada; xa lle digo, que sen novidade digna de mención, que o único incidente ocorreu cun emigrante. ¡Si, tal cal! Foille co dese haiga, que se emperra en deixalo aí, mal aparcado, en mal sitio; e xa ve vostede, señor Alcalde, que entorpece a manobra dos tractores que pasan para a feira dos cochos... Ameazou con denunciarme ao Xuíz de Paz..., ¡por abuso de autoridade! ¿Que lle parece? ¡Claro, el vén en coche e aos porcos que os leve Xuncras!
-¿En que, en que se basea ese Interfeuto? ¡Hai que comezar por aí, que ben o di don Aurelio, que aquí o temos en corpo presente, que non hai verbo sen...! ¿Sen que, don Aurelio, que se me esqueceu?
-¡Quere dicirse que a construción racional é a inglesa: suxeito, verbo e predicado! ¡Suxéitanse, fáiselles falar, fáiselles denunciar; e por último, predicáselles; sanciónaos, en consecuencia, a Autoridade competente!
O Garda, perfectamente instruído, ou que por tal se tiña:
-¡Ai, si; primeiro suxeitalos, prendelos...! Eu, mentres os teño interferidos, dígolles, Interfectos, que o de suxeitar vén despois…, ¡cando se pode! O caso é que este Interfecto, quero dicir, este suxeito, alega...; xa non sei que dixo de “indefensión”, e que todo por aquí non temos sinais de prohibido. Tamén dixo... ¡Deus, como dixo! Ai, si, que por aló adiante, na Suíza, todo é libre se non hai..., se non hai non sei que de fregoteo (vergoten). ¡Ese fresco ata dixo que en España só hai liberdades para os chanchullos...! ¿Que lle parece? ¡Vaia frescura: calamidade, mentireiro...! Non sei o que significa esa palabrota, pero igual me dá que me dá igual, que en todo caso xa o ía casar con estas esposas, coas de chavín, para entregárllelo aos Civileiros. ¡Iso faría se non fose porque vin que se achegaban vostedes, e daquela quixen darlle a novidade, como está mandado, que o primeiriño é vostede, Don Salmonte!
-¡Mal feito, Cabo, que ata parece mentira no seu caso! En Churiz temos que ser exemplares, que mentres eu mande, nesta Praza primeiro detense, e despois interrógase; por encima de todo, de min mesmo que sexa, a lei e maila orde, ¡a Orde Pública! ¿Parécelle ben, señor Secretario? ¿Non dixo vostede que o suxeito vai denantes do verbo?
O aludido, sempre pisaverde, limpouse con parsimonia unha mouta dunha libra de po, entre po e bosta, que lla ciscara un daqueles tractoristas que estaban entrando na feira dos porcos, upado no seu trono de enésima man e de pésima carburación, matrícula de Zamora por máis datos, tan marcial, aquel mozo, coma se pilotase un tanque do Exército. Despois ditaminou, sosegadamente, con aquela auctoritas súa tan prosma e que tanto engaiolaba aos paisaniños de Churiz:
-¡Imos ver como se concilian estas cousas, as dúas! Primeira premisa: ¿Vostede, Cabo, díxolle ao liberto que os sinais de tráfico están subordinados, ¡de sempre!, ás instrucións directas e persoais dun Axente, de tódolos Axentes? ¿Que non, que non llo dixo? ¡Daquela terá que repasa-lo Código! Foi un fallo seu, que non deberá repetirse. ¡Nunca! Segunda: ¿Pediulle a documentación?
O Garda, ante unha sabenza tan preclara..., ¡nin cos seus galóns de Cabo! Engurrouse, de súpeto, como fan as teas ris á primeira lavadura:
-¡Non, señor, que eu coñezo ao rapaz, xa de antes de irse ao estranxeiro, de cando el viña, a pé, ¿sabe?, ás feiras, que ese besta, o que é daquela, nin besta tiña! Foille por iso que...
Canto máis se encollía o Cabo, máis enfatizaba aquel Aurelio; ¡de comedia..., se non fose un drama! Ao son de que non, e recén chegado, de facto xa mandaba máis co propio Salmonte. Proseguiu, ex cathedra:
-Os Axentes non teñen por que coñecer a ninguén que non sexa Autoridade... ¡Nunca! ¿Entende quen é ninguén? ¡Ninguén é..., o que non é! O primeiro que se fai con estes da pucha é pedírlle-la documentación; ¡a deles e maila do coche! ¿Non ve que estes desertores do arado tamén poden selo do Servizo Militar, simultaneamente, asemade, que moitos e deles fóronse ao estranxeiro para non entrar en quintas? ¡Mesmo puido traer ese vehículo sen os documentos aduaneiros pertinentes! ¡Iso e mil cousas máis! Non se esqueza, Cabo: Para un Municipal, celoso dos seus deberes, todo o mundo é sospeitoso..., ¡mentres o presunto non lle demostre o contrario, que niso consiste a orde pública; quere dicirse, a nosa! Despois aplícase a forza, o imperio represivo, ¡se o requiren as circunstancias concomitantes!
O Garda aquel ingresara sen exames, simplemente coa bula nepótica, circunstancial, de ser fillo dun caseiro de don Manuel; e ascendeu a Cabo Municipal en premio da súa adhesión, inquebrantable por suposto…, ¡ao propio don Manuel, claro, que era o seu único Movemento, o único que entendía! Estaba lonxe de coñecer, e nin sequera de intuír, que un mal estudante, metido a pillo entre aqueles labregos de entón, con tal de que zumegase unha soberbia apandante, apachocante, era quen de anonadalos, a todos eles, xuntos ou por separado, un milleiro de cada vez, con catro verbas grandilocuentes, por inconexas e mal urdidas que estivesen. Captivo e desarmado, aquel Cabo pediu protocolos, ucases, normas ad hoc:
-En vista do visto, ¿que Lei debo cumprir, eu, agora, de presente, dadas as consecuencias da miña ignorancia?
Aurelio, combinando a cismada coa adulación:
-¡Ah; iso, todo iso, é facultativo do propio Alcalde, aquí presente! Don Manuel ordena e manda, que eu son, unicamente, e aos efectos, un Asesor, un mero Asesor; ¡iso si, eu son o Legal!
Aquel Alcalde, tan voluminoso e tan pachorras, prefería envolve-los seus propios novelos. As estridencias públicas irritábanlle a pel, de fina que a tiña, por estirada; ¡cen quilos de carne nunha funda humana non se envolven sen tundila!
-Cabo, por esta vez dígalle ao Fulano, ao dono dese auto, que falou comigo, e que lle vou permitir, na miña benevolencia, que o deixe, así, ¡por esta vez!, pero coa petición de que o achegue ao castiñeiro, para que non estorbe a circulación deses tractores… ¡Xa que fala de liberdades, os outros tamén as queren! ¿Decátase?
Aurelio botou man do incenso, daquel incenso seu, que era, sempre ou case sempre, pezoñento:
-¡Cabo, tome nota de que este Alcalde, aquí don Manuel, é un verdadeiro Salomón!
O Municipal a tan abaixo, tan ao fondo, aínda non chegara na súa pobre erudición, na súa Biblia de catequese parroquial:
-¡Vaia por Deus, outro erro, que eu sempre lle poño, nos papeis, DON MANUEL SALMONTE, todas con maiúscula, de imprenta, para darlle máis categoría, que ese é o meu costume. Desculpe, señor Alcalde, que tampouco volverá a pasar...; ¡iso do seu apelido, que agora xa sei que é Salomón!
Manuel, que sentiu pena polo abatemento do seu Cabo, deulle unha palmadiña no ombro:
-¡Non, ho, tranquilo, que está ben así! Iso de "Salomón" é unha metá fóra deste Secretario, que é un experto niso de..., ¡niso de evita-las consecuencias…, coa marcha atrás! ¿Entendíchelo?
Aurelio, con aquelas quisicousas, conseguira outro admirador; así o recoñeceu aquel Cabo, con toda sinceridade:
-¡Ah; daquela, que listo, canto sabe! Algo parecido, diso da metá, lle dixo don Lucas á miña señora, no último parto, para que mo explicase, que con tres íamos servidos... ¿Don Manuel, se outra non ordena, podo retirarme..., iso, para segui-la rolda?
Condescendeulle a máxima autoridade:
-Si, Cabo, ¡de momento!; e poña coidado de que non se porpasen eses emigrantes, que xa ve o insolentes que se presentan. ¡É natural, -entenreceuse o Alcalde, -están torcidos polos comunistas deses mundos do diaño, que por aló adiante non teñen ao noso Caudillo para que lles cante as corenta!
Aquel Garda, coa lección apresa, foi en busca do "emigrante" para lerlle a cartilla, a nova, a segunda. Don Manuel, no ínterim, celebrou aquela obediencia absoluta, indiscutida e indiscutible:
-¿Eh, Aurelio? ¡Para que vexas o respectado que son! Cadeliño ese Cabo, ¿non si?
-¡Sen dúbida, sen dúbida, que de hoxe en diante non se lle desmarcarán...; polo pronto, sen mostra-la documentación!
-¡Chacho, o que é con estas leccións...!
-Diso se trata, carísimo Manuel. Pois, precisamente, que cómpre aplica-la medicina preventiva para que non volvamos ao 31, que daquela, concretamente aquí en Galicia, ben que nos foderon catro desertores da aixada, aqueles indianos dun peso no peto, que se meteron a intelectuais, liberalizados que non cultivados, nesa maldita América das liberdades, de sempre tan viciosa, vizosa e viciosa, con aquelas prédicas e con aqueles consellos que lles daban nos mitins aos colegas, aos outros cavadores destes rueiros. Por iso houbo que purgalos nas propias cunetas das mesmas estradas polas que retornaran ao seu país..., ¡por falta dunhas picotas para colgalos!
…

As feiras sempre constituíron un foro colector, amplo e aberto, para o clientelismo caciquil. Aquela non ía ser unha excepción xa que naquel intre achegouse a eles, aos nosos mandamáis, un paisano, outro, que tiña a especialidade de manexa-la pucha no mellor estilo circense, pasándoa de man en man, apertando ou alisando nela, ¡quítoa, póñoa!, cegado, ofuscado, ante a maxestade daqueles persoeiros: do Gordo e do Fraco, en linguaxe cinéfilo; Manuel e mailo Aurelio, en cristián.
-Don Manuel, faga o favor, un momentiño de nada; ¿podería falar con vostede…, unha palabriña?
-¡Si, ho, con todo gusto; e de paso preséntoche a don Aurelio, que é o meu Secretario, recén vido..., que non nado!
O aludido, estirando aquela man ensortellada, de señorito de cidade; a pedra igual era un anaco de seixo, pero..., ¡escintilaba!
-¡Tanto gusto, cabaleiro! -Para que Aurelio dixese "cabaleiro" é que estaba a matinar nun cabalo. -Como lle dixo aquí don Manuel, acabo de posesionarme da Secretaría deste Concello; ¡así que aquí me ten, ao seu dispor!
-¡Xa o sabía, xa! -Un labreguiño daqueles, boina en man, o que é doutra cousa non se decataría, pero da presenza, do cheiro a colonia barata, daquel señorito... -Eu sonlle da familia: ¡Concelleiro efectivo, a base de votos ben contados, que os contou o propio don Manuel; ¡un Périto! Por mellor dicir, fixémolo de consún; e despois diso, como éramos dous a competir polo cargo, don Manuel fixo a Acta multiplicando por tres, os meus, para poñerme dacabalo do outro, do outro veciño..., ¡pero non houbo inxustiza no aprobado, que esoutro aínda é máis besta cá min! ¿Que lle parece o listo que é este home? ¡Moito me divirten as súas ocorrencias!
O Alcalde, sen poñerse roibo, sen ruborizarse, nin pola confidencia nin pola indiscreción daquel marulo que se depreciaba a si mesmo, antes ao contrario, divertíndose coa lembranza daquel chanchullo, daquela manipulación, aproveitou a ocasión para demostrarlle ao Secretario que tiña certa habilidade niso de manexa-los monicreques:
-Como ves, este Alvaredo é do Terzo Familiar...; ¡o que se di, un tordo! Por inseminación artificial, por simple e por pura partenoxénese dunha urna de madeira, que como non se lle vía o fondo, resultou que o tiña forrado de papeletas, ¡metidas á man, e de antemán! Artesanía de concurso, tan só co nome do Alvaredo, para que esa mestura, despois, coas do outro candidato, resultase saturada. ¡Polo demais, non hai caso! Para saber que é dese Terzo só hai que observalo, e ver como tordea...; ¡desde que baixa á cociña, cada mañá, grolo vai e grolo vén!
Alvaredo, tímido e pícaro, coa idiosincrasia dos vellos cazurros:
-Don Manuel, non lle é da taberna, afellas que non; ímoslle entrando na idade das sopas, e daquela..., ¡as pernas fraquean, por gordas que estean! ¿As súas, non?
-¡Este lilainas...; iso será no teu caso! -Repúxose Manuel, un tanto ofendido. -¿E logo, qué, o asunto ese...; é un secreto?
-Ata non, que se di en poucas palabras. ¡Con permiso!
Litis, molesto polo abesullamento de media feira, que non lle quitaban o ollo de encima:
-Estou percibindo que hai confianza entre vostede e don Manuel, así que, daquela, invito ao polbo, que é casualmente a onde iamos agora, que aí falan vostedes, ámbolos dous, discreta e comodamente.
-Tamén se acepta, pero hoxe pago eu, ¡palabra do Alvaredo!, que vostede aínda non fixo aforros..., ¡nin tivo regalos!
Na estratexia do Litis era cedo para esquilma-lo labrego, por moi de pucheiro que fose: había que darlle unha boa impresión, polo menos iniciática; utilizalo como propagandista da fe, ¡da fe pública, da fe no Secretario!
-Non, grazas; hoxe non, que algo traerei de onde veño, e algo terei da herdanza do meu pai..., ¡a pesares dese Fidel!
Tampouco se lle aceptou, que aquel terciario, Familiar, estaba disposto a deixa-la lá nas silveiras do seu camiño:
-Dá igual, don Aurelio, que aquí, neste pendello do Bigotes, o que é a vostede..., ¡nin unha peseta! ¡Faltaría menos!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES