Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pessoa sen límites

viernes, 03 de enero de 2020
Fernando Pessoa é un dos poetas máis xeniais que deu a literatura mundial no pasado século. Seguramente moitos daqueles que concordedes comigo en tal afirmación fundedes a vosa opinión na gravidade transcendente dos seus versos, altamente conceptuais, vedados a espíritos pouco instruídos e, dende logo, arredados de lectores noveis ou sen amplo oficio lector. Permitídeme que discrepe. Son dos que opinan que hai moitos Pessoa e algún deles é un abraiante creador de versos para a mocidade, poeta que dende a sensibilidade e as marcas discursivas adoitas na escrita infantoxuvenil sabe coma moi poucos engadar as rapazas e rapaces coa perspicacia transparente do seu dicir.

A proba ostensible de que o que sosteño é verdade é a publicación do álbum Poesia de Fernando Pessoa para todos, un libro que ve luz da man de Porto Editora para demostrar que a obra do lisboeta non ten límites etarios e é quen de agradar por igual á mocidade e á xente máis medrada.

O responsable da selección e organización da case trintena de poemas pessoanos é o tamén excelente poeta e acreditado ensaísta José António Gomes, profesor da Escola Superior de Educação do Porto, quen realizou aquí non só unha espléndida escolla de textos, senón tamén unha intelixente lectura arquitectónica na disposición dos mesmos nun conxunto consistente e de perfecto engaste.

Poesia de Fernando Pessoa para todos descóbrenos o Pessoa que benquere Portugal pero ama máis a quen lle deu a vida e canta na composición “À minha querida mamã”: “Eis-me aqui em Portugal/ nas terras onde eu nasci./ Por muito que goste delas/ ainda gosto mais de ti”. Tamén nos ofrece o poeta que canta o Ibis venerado dos exipcios (“É uma ave sossegada,/ porque assim não anda nada”), que fai poemas-serie (“Poema pial”) e trabalinguas, que xoga coas aliteracións, fonosimbolismos e iteracións (“Pia, pia, pia/ o mocho,/ que pertencia/ a um coxo./ Zangou-se o coxo/ um dia,/ e meteu o mocho/ na pia, pia, pia…”), que volve heroicos os ratos (“Viviam sempre contentes,/ no seu buraco metidos,/ quatro ratinhos valentes,/ quatro ratos destemidos”), que revisita o tópico da fábula da leiteira de Esopo (“Levava eu um jarrinho/ para ir buscar vinho… Correu atrás/ de min un rapaz./ Foi o jarro p’ra o chão,/ perdi o tostão), que canta a campá da aldea (“Ó sino da minha aldeia,/ dolente na tarde calma,/ cada tua badalada/ soa dentro da minha alma) e o carro de pau abandonado (“O carro de pau/ que bebé deixou… Bebé já morreu/ o carro ficou…), que se aleda coa fantasía da fada dos nenos (“Do seu longínquo reino cor-de-rosa,/ voando pela noite silenciosa,/ a fada das crianças vem, luzindo./ Papoulas a coroam, e, cobrindo/ seu corpo todo, a tornam misteriosa), que lembra os mitos clásicos nun poema como “Eros e Psique”, que enreda na contemplación do gato trasneiro (“Gato que brincas na rua/ como se fosse na cama,/ invejo a sorte que é tua/ porque nem sorte se chama) ou do músico cego (“Cheguei à janela,/ porque ouvi cantar./ É um cego e a guitarra/ que estão a chorar) ou, en fin, das nubes melancólicas (“As nuvens são sombrias/ mas, nos lados do sul,/ um bocado do céu/ é tristemente azul).

Toda esta marabilla está ilustrada polo artista e profesor da Escola Universitária das Artes de Coimbra António Modesto, un dos mellores artistas plásticos do país veciño. As súas ilustracións a toda páxina versionan cadros modernistas e enchen de cor e de luz os versos de Pessoa e os seus heterónimos, pois tamén aquí comparecen os inmensos Álvaro de Campos e Ricardo Reis.

Agora que se achegan as datas de cumprir co señor Apalpador, con Papá Noel e coas súas altezas os señores Reis Magos de Oriente, esta Poesia de Fernando Pessoa para todos en edición de José António Gomes é unha aposta gañadora. Porque regalar a mellor literatura é obsequiar vida para o espírito e nada máis fermoso e necesario que vivir intensamente a beleza deste mundo e das súas palabras, como nos ensina Pessoa no memorable poema “Liberdade”, co que me presta hoxe rematar: “Ai que prazer/ não cumprir um dever,/ ter um livro para ler/ e não fazer!/ Ler é maçada./ Estudar é nada./ O sol doira/ sen literatura./ O rio corre bem ou mal,/ sen edição original./ E a brisa, essa,/ de tão naturalmente matinal,/ como tem tempo não tem pressa…/ Livros são papeis pintados com tinta./ Estudar é uma coisa em que está indistinta/ a distinção entre nada e coisa nenhuma./ Quanto é melhor, quando há bruma,/ esperar por D. Sebastião,/ quer venha ou não!/ Grande é a poesia, a bondade e as danças…/ Mas o melhor do mundo são as crianças,/ flores, música, o luar e o sol, que peca/ só quando, em vez de criar, seca./ O mais do que isto/ É Jesus Cristo,/ que não sabia nada de finanças/ nem consta que tivesse biblioteca…”
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES