Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 01 de enero de 2020
18.000 Euros

As case dúas horas que pasaría na Farixa esperando a Alán non estaban para a lectura: fóra do coche, chovía; e dentro do coche, quedaría medio conxelado. Así é que optei por dar un paseo ata o centro de Ourense. Antes, parei nunha cafetaría a ler este xornal e a tomar o correspondente café. Na rúa do Paseo atopeime co de sempre: case máis coches que peóns (por certo, os coches non ocupan tanto ou máis cós manteiros?, onde están as protestas dos comerciantes?) Cando peguei a volta, á altura do parque de San Lázaro, e sobrándome moito tempo, acheguei ata a praza Bispo Cesáreo para contemplar os 18.000 euros (en números). Dezaoito mil euros (en letras) que o concello empregou nun belén raquítico, estraño, raro, insulso, anómalo e demais adxectivos relacionados coa estupidez ou asneira inventiva. Quince figuras entre animais e persoas Pingas de Orballo(Santas e non Santas), unha mesa, dúas cadeiras, cinco obxectos diversos, media ducia de cercas de madeira e uns quince metros de corda. Todo iso polo módico prezo de 18.000 euros. Unha ganga, unha bicoca e xa está o belén armado. Nin nos chinos ou nas feiras haberá un belén tan parco ou estrafalario. Claro que, nestes, ó mellor, o prezo vai moito máis alá dos dezaoito mil euros. Porque 18.000 euros dan para moito. Por iso non souben apreciar (entoo o mea culpa) o material co que están feitas as figuras. Debería ser bo. Por ese prezo xa ten que ser bo. Bañarían o ouro para disimular e para que ninguén arrample coas imaxes.

Vandalismo e Forza Espacial

Ás doce e dez da noite voulle dar cheda ó alcalde de Ourense, vou romper unha lanza por Jácome, que ante o roubo do Neno Xesús dese belén esperpéntico, declarou que “poderá gustar ou non gustar, pero o que é intolerable é que, algo de arte na rúa, a quen no lle guste se dedique a empregar a forza” (o de arte na rúa é un dicir, sobra). Polo demais, ten razón: non se pode desfacer un traballo que é doutros aínda que non guste. A maiores do roubo do neno que estaba no colo da Virxe, realizáronse estragos en diversas figuras, e isto non se pode permitir. O vandalismo nas rúas debería estar máis perseguido. Papeleiras que se esnaquizan, farois que se rompen, contedores que se tiran, bancos que se arrincan; todo iso supón un gasto municipal que pagamos todos, incluídos os pais deses energúmenos, deses endiañados que non teñen dous dedos de fronte.
Ás doce e vinte e cinco da noite paso do Jácome a Donald Trump (uff, que parella), porque a este ianqui non lle chega con asoballar, incluso esmagar a diversos pobos da terra coas súas armas e as súas ideas (o de ideas tamén é un dicir), e agora quere crear unha Forza Espacial que, intúo (se non para que a quere), será para conquistar o espazo sideral, xa que o terreal semella que lle é pouco. E por se aquel, tamén quere reforzar a súa flota en Rota con dous buques de 600 mariños; non vaia ser que aterre por eses lares algunha nave extraterrestre. E nós, claro, deixaremos que a reforce. Non vaia ser que...
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES