Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vacinas

sábado, 28 de diciembre de 2019
Dende que comezaron as campañas de vacinación -permítame a utilización do termo coloquial- da gripe, meu pai foi sempre dos primeiros pacientes que acudían ó centro de saúde da miña vila, a recibir a dose recomendada polo servizo galego de saúde.

Unha doenza crónica bronquial aconselláballo, malia que non precisase do consello de ningún facultativo para facelo porque el mesmo se sentía máis protexido unha vez pasaba polo centro e lle inoculaban o líquido inmunizante.

Iso non quería dicir, sen embargo, que pouco máis dunha semana ou quince días da aplicación da dose non botase catro ou cinco días na cama como consecuencia da primeira reacción que o medicamento preventivo lle provocaba, rito este co que cumpriu relixiosamente ata o último inverno que pasou entre nós, hai agora dous anos.

É posible que ó ler isto e contra a miña propia opinión, vostede poida pensar que non ten moito que ver o que levo escrito co que escribirei de seguido. Pero si. E seguro que ó remate acabarame dando a razón.

Traio a colación a memoria de meu pai, a raíz do penúltimo episodio que hoxe mesmo testemuñamos arredor do "belén con máis secuestros de España" -como xa o cualificou o alcalde-espido- e que está convertendo a Ourense na cidade máis ridícula -ou, se cadra, patética- de España, da cal ata o de agora nos sentiamos orgullosos de ter como capital e agora cada vez nos custa máis recoñecer a nosa orixe cando saímos por aí adiante.

Cando a consulta electoral do mes de maio ofreceu os resultados que ofreceu e, como consecuencia dela, Ourense elixiu o alcalde que hoxe a representa por redes e platós, se non o escribín daquela, penseino, e agora tráioo a esta columna para compartir con vostede a miña reflexión.

(Fago unha paréntese para adiantar de contado que o que escribo para a cidade de Ourense, podería valer perfectamente para o conxunto do Estado).

Unha vez coa vara de mando nas mans e os primeiros episodios que arrodearon a súa toma de posesión nos medios de comunicación, eu dixen para min: "Velaí. A democracia é isto. Non querían a alguén así? Pois agora xa o teñen...! E que lles serva de vacina!"

Por iso que, cando sigo o guión deste sainete dende a distancia, entendo que o que socialmente está acontecendo é exactamente o mesmo que lle acontecía ó meu pais ás dúas semanas da inxección. É dicir, a reacción lóxica dos anticorpos dentro do novo hábitat.

A pregunta é se van surtir o efecto da vacina e evitar que caian no futuro novamente na mesma tentación ou para que se rendan definitivamente adormecidos no estrafalario paraíso do alcalde-espido máis famoso da nación.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES