Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (7)

martes, 24 de diciembre de 2019
Aquel Cupido, tan lascivo e tan materialista, largou outra seta; barroca, retorcida, con mala intención; ¡ou con boa, segundo se mire!
-Non tan pouco, e ademais, miúdo feixe, ¡de alta calidade! ¡Ti es unha muller de bandeira, boa e xenerosa, capaz de ofrecerlle unha esmola de amor a un mendigo solitario, tal que eu! -Mabel, a torpe de Mabel, non soubo que contestarlle, así que Aurelio, de seguido, fixo unha mutación dialéctica, un baile temático:
-El é Perito Agrícola, ¿non é?
-¿Perito? ¡Ah, si; é Périto..., para estes pailáns de Churiz, pero, o que é de perito pouco ten, ou nada! Cunha carreira tan longa coma unha restra de chourizos, e para máis almofada, durmiuse naquelas recomendacións dos Valcarce, que mo ten contado o propio Manuel que, iso si, cando se pon de sincero, dá noxo, un xan! Pero indo ao que me importa: O meu litixio abrangue moito, bastante: catro casas de cinco andares, aí na Capital; e outras en México... Por malas que sexan, son talladas, ¡boas! Trátase de que meu tío, ese Clodio, vivíndolle a muller lexítima aquí en España, foise a México, volveu para aló, para vende-las súas propiedades; mais, daquela, ben sabes, ¡lonxe da vista...! Saíulle ao paso unha crioula, unha mulata, ou como lles chamen; séxase, unha buscona, e casou con ela, polo civil!
-Con eses datos…, ¡típico! Un caso de bigamia, que non transmite sucesión nas leis actuais, nas nosas. ¡Así está conceptuado no artigo 252 do Regulamento do Rexistro Civil! ¿Boa memoria, a miña, non é? Pois, con esta memoria, unha memoria tan boa que me permite facer malabarismos coas leis, avogando coas que conveñan en cada momento, ¡segundo facían aqueles sofistas...! Mira, falando da memoria: nunca esquecerei este sorriso teu...; ¡precioso, hipnótico! ¡Es un sol..., dos que derreten!
É sabido que nada cega máis aos ignorantes que a verborrea, as incoherencias dos petulantes. En canto á Mabel, pícara sen deixar de ser chosca, chosca e bastante ignara, sentíndose máis libre que unha Isabel II, estaba no bote, frechada por activa e por pasiva con aquelas prosmadas, de seu repelentes, do fantoches, do bardalleiro, tal e como cabía esperar dada a súa debilidade lasciva, cun fondo de gran astucia raposeira. Ela non quixo comprometerse demasiado, ou demasiado pronto, naqueles coqueteos bilaterais, que o Aurelio alí seguiría, captado e dispoñible, así que volveu á prosa, ao asunto mediato, ¡aos cartos! Carne e cartos, dúas eróticas para ela complementarias; ¡dúas debilidades conxénitas!
-Aureliño, máis que de bigamia, eu diría que o de meu tío foi de burremia, que para o que precisase en México, coa golfada que aló teñen, non había que facerlle ese nó á súa gravata; e de paso fodeunos aos demais; ¡pero iso xa foi! Pasaron cinco anos desde que morreu Clodio, pero, coas relacións políticas que se teñen con México, coido que este Manuel, un camisa vella, e por parte, tan coñecido, non debe arriscarse nesa viaxe, ¡coa de rojos e de fuxidos que se foron de por aquí daquela da guerra, incluso caseiros do propio Manuel! O desa viaxe díxeno nunha hora mala, que agora quen quere ir é meu irmán, o Veterinario.
Para aquel Secretario non había epidemias xa que dispoñía dun amplo receitario, e onde non sabía, sabía improvisar:
-Muller, o propio é que vaia teu irmán, e que leve poderes; como é un esquerdoso, que non faltou quen mo dixese, daquela entenderase á perfección con aqueles teixugos, cos seus cuates, ¡tan compadritos como son do noso roxerío!
-¿Que dis? ¡Non sei se serás ti ese Avogado que tanto chufa Manuel! ¿E se meu irmán atopa outra pelella? Mentres, miña cuñada, aquí en España, soa, e eu cargándolle cos fillos; á parte de que se non volve, como lle pasou ao tío, ata precisarán axuda, ¡nosa! Cartiños, ¿sabes?, que Manuel, ¡por veces, só por veces, segundo lle peta!, é tan espléndido que mesmo parece que lle caen do peto. ¡Eu teño catro, meus; catro, por culpa dese pastrán, que por non saber, nin sabe ir á farmacia, e iso que hai tres nesta Vila! Un godallo, que de repocho o que ten son as intencións, pero, de potencia..., ¡menos có galo! Chin-chin, e, ¡zas! Mira se foi cabrón comigo que ata que din en ir á farmacia, eu, eu mesma, de cada gran achantábame un salgueiro, que se chega a penetrar algo máis..., ¡daquela, xemelgos!
Aurelio triangulou os seus plans, a toda velocidade: El tiña o saco das picardías e mailo cargo axeitado, propicio; Manuel, as oportunidades, a influencia caciquil e mailos cartos, ou, polo menos, as propiedades; e aquela Mabel buscaba xogos ardentes, apaixonados, ofrecéndose de segunda cateta, con tal de que aqueles divertimentos non lle trouxesen consecuencias..., ¡que para iso estaban os profilácticos! Sentíndose hipotenuso, achegouse á Mabeliña; tanto, que lles sobraba medio sofá, ou algo máis:
-Tranquila, muller, e non te alporices, que non acabou a consulta. ¡É que me pos nervioso e non me deixas rematar! Primeira cuestión: ¿Herdeiros forzosos, quen e cantos?
-Pois, non; ata non, que meu tío morreu sen deixar fillos aquí en España, e os que tivese por aló, nese México lindo, ese dos mariachis, son froito da súa bigamia... Por outra banda, como a viúva, a de aquí, tamén se foi para o outro barrio, daquela quedamos os sobriños; ¡en definitiva, tres, e só tres!
-¿Ti, o Veterinario, e maila Mestra? ¡Tócavos unha boa tallada!
-De nacemento, catro, que teño unha irmá monxa, pero non o é a estes efectos, xa que daquela, cando se lle deu a dote conventual, que niso foi precavido o meu Manuel, fíxolle firmar unha apartación xeral renunciando a tódalas accesións que puidesen recaer na súa irmandade. ¿Enténde-la cousa?
-Así que, mentres non se demostre o contrario, ti tes, en expectativa, un terzo dese herdo, dese patrimonio xacente...
-Si, que en terzos estamos repartindo os alugueiros dos pisos; amén do produto das tendas, e incluso os traspasos...
-¿Nada, nada reclamou, ultimamente, esa viúva, a de México? -Aquel leguleio a verdade é que experiencia non tiña pero sachaba nos couceiros, ¡todo ao redor!
-¿Reclamar? ¡Pero, como, se esa Fulana estase quedando co produto de canto tiña por aló; do que non é seu! Mandounos unha carta dicíndonos que fagamos unha comparecencia notarial na que aceptemos quedarnos coas propiedades de España, renunciando no demais, explicitamente, en favor seu. ¡Sen preito, dicía! Quere para si tódolos dereitos que pretendemos sobre esas propiedades, ¡propiedades e pertenzas!, que puidera ter o Clodio en calquera punto de México. ¡Será lercha...! ¡Naturalmente que nin lle contestamos, que a palabras necias, oídos xordos!
O Asesor si que puxo oídos, que lle importaba gañarse a confianza daquela próxima que tan próxima e accesible lle resultaba, que para entón xa se colleran das mans nun solemne, ¡viva a usucapión!
-Ceíño, ¿tedes un inventario; desas propiedades, digo?
-¡Non, exactamente! Miña tía dixéranos que o de México era do Clodio, gañado por el, só por el, e que valía o triplo das casas de España, que estas adquiríronas de casados; ¡tamén cos cartos de meu tío, por suposto!
-¡Vale, vale! Outro dato: ¿Herdeiros desa tía; quen e cantos?
-Tamén nolos tres, que cando ese golfo se foi ao de México trouxémola nós, para aquí, para Churiz, e daquela testounos; ¡naturalmente, que nós non a repudiamos; iso, nunca!
-¡Natural, si, polo que contas! Solución inxel, que este caso é perfectamente soluble no terreo pragmático: Posto que ese capital, o de México, é tan importante, e suposto que o Veterinario prefire entenderse cos mariachis, daquela ponlle unha ponte de prata, e de paso faille cesión desa gran potencialidade, da americana, quedando libres as casas de España…; ¡dúas para ti, e as outras para esa Mestra! Lémbrate de que, ¡paxariño na man…!
Á Mabel satisfíxoa aquela solución:
-¡Sabes que dese xeito estaría ben! ¿Como non se lle ocorrería ao meu Manuel, todo un Alcalde; por mellor dicir, un Conde-Alcalde..., coma aquel dos Olivares, que o lin non sei onde!
Aurelio aproveitouse daquela superioridade circunstancial:
-Muller, non sei, será que valora en pouco o que ten cerca; ¡tan cerca e tan valioso! Mabeliña, canto máis te miro, máis te admiro: ¡es preciosa, unha Venus! –Bicoulle outra vez a man, con galanura apaixonada, con vehemencia, case que mordéndolla.
-Iso da Venus...; ¡ah, si, xa sei, a Venus dese Monte que témo-las mulleres! ¿Non si? ¡Ai, ho, canto sabes, que iso tamén o di Manuel! ¡Que Deus cho pague, que hoxe mesmo llelo propoño aos irmáns!
-Prefiro que mo pagues ti, pero con fórmulas cariñosas, doces…; ¿entendes, miña prenda? Iso satisfaríame moito, meu ceíño; afellas que si!
Tan confianzudos e tan melosos estaban, ámbolos dous, naquel sofá da Secretaría, xuntiños, collidos da man, que mesmo daba a impresión de que se coñecesen e se amasen desde a máis tenra infancia. Aquela paxara arrolouse a pracer, que iso dábaselle do mellor, de seu natural; ¡metade, promesa, e a outra, coqueteo!
-¡Diso..., diso xa veremos, que ti es un picarón; e logo que, de momento, é un perigo alternar contigo, que a xente fíxase en ti, e ségueche os pasos, maiormente mentres sexas un anovado para os carcas deste lugar tan..., nocturno, que todo o fan de noite! ¿Como se di? ¡Iso, con nocturnidade, con aleivosía, coma aquel Chopin, que tamén facía as tocatas de noite, aló en Mallorca, que mo contaron alí mesmo, cando fun de lúa...!
Aurelio sentíase feliz con aquela presa tan ben apresada, ¡definitiva! Estivo tentado de dicirlle á pazguata que un “nocturno” daqueles de Chopin era unha cousa diferente, pero, fiel ao seu lema de aproveitarse da ignorancia allea, preferiu deixala a monte, así fose de Venus, ¡que por algo era a muller, a muller oficial, do Alcalde Salmonte! En vez de ilustrala, acariñouna, rizándolle un rizo de paso que a beixaba nas fazulas, aparentemente de despedida, pois pasarse a maiores, a tales horas, no propio despacho, pareceulle prematuro, e incluso perigoso! Deulle as grazas, iso si, por aquelas promesas, por aquelas esperanzas; á súa maneira, manteigoso:
-¡Muller, eu serei un picarón, e malo se non o fose, pero ti, encanto, es un sol; un sol que me derrete..., incluso na distancia! Si, muller, de veras; déixasme a punto de caramelo, que xa ves que para vence-la miña soidade estou abrindo as ventás, antes de franquearche a porta. ¡Ah, un detalle: eu serei novato, aquí, en Churiz, pero coñezo o camiño da farmacia; mellor dito, das tres, para o que faga falta, en tranquilidade túa, absoluta; sen chantar salgueiros...! ¿Enténde-las seguridades que che prometo? ¡Teño poucos anos, pero son un home, un home de pelo no peito, capaz de facerte feliz, e todo iso sen a menor complicación! ¡Garántocho!
-¡Chato, de ti non esperaba menos! Daquela ten esperanzas…, por si se presenta unha ocasión axeitada, sexa de día ou de noite, pero aquí, neste Churiz, ao de hoxe, é perigoso pasarse; e logo que ti mesmo andas dicindo non sei que da muller do César, que di Ramón, o noso compadre, que tes ese costume. ¡Mira que non sexa unha indirecta...!
A semántica non era discutible coa Mabel, así que aquel Don Juan - Aurelio deu por conclusa aquela reunión tan..., ¡iniciática! Envolveulle as mans coas súas, nunha auténtica toma de posesión:
-Mabeliña, quedo á espera deses goces, desas oportunidades; rendida e platonicamente namorado, que se di…, se antes non me derreto cara ao sol deste Churiz: ¡ti mesma, mon amour!
…

Naquela montaxe dos perfís biográficos que os Fisgas seleccionaron como probas, se non definitivas si definidoras, das actuacións do inefable Litis e dos seus coadxuvantes, pasaron sen máis á seguinte secuencia. A retentiva daquelas cámaras enfocou a tal momento para o Café Central, un centro típico de faladoiros, tamén coñecido por "A Xestoría", de tantos asuntos como alí se cocían e/ou ventilaban, segundo os casos. Isto é o que se percibiu:

-...
-¡Boa noite, don Bieito! ¿Que, que tal? ¿Non se achega aos pecadores…, nin sequera para saudarnos? ¡Pois aquí non lle está a muller adúltera, aquela dos Evanxeos, así que connosco non peca! -Con estas verbas disparatadas, provocativas, o Alcalde convidouno á súa Alcaldía-bis, á segunda mesa, aquela do fondo do Café, ¡de poder a poder!
O Crego, feito un Capelán do señor Conde:
-¡Deus nolas dea boas, que falla fará; iso sempre! Pois si que me achego, si, que cara a vostedes viña; ¡en son de paz, por suposto, que non é para menos! Pero ese cualificativo non lles corresponde en exclusiva, pois na fraga do pecado todos temos parte: ¡Coido que é o terzo de libre disposición, xa que somos libres de caer no pecado, absolutamente! Ben o dicía un profesor que tiven eu, daquela, en Mondoñedo. Aquel santo preceptor, ademais de sabio era humilde, e tan santiño que el mesmo sachaba os repolos da horta..., ¡e iso que nos temos ofrecido para retiralo daquel labor!
-E logo, señor Cura, ¿que se lle ofrece? ¡Igual nos acompaña neste dominó…, agora que somos catro! ¿Ou é que non lle gusta dominar?
-¡Ai don Manuel, don Manuel, vostede sempre con ese carácter, con ese humor; e que Deus llo conserve por moitos anos, que máis vale o coñecido...! ¿Así que trouxeron ao Técnico, ao señor Secretario...? ¡De seguro que foi para inicialo nestes pecados do café!
O aludido, que xa levaba tempo en pé, coa man disposta, pero máis ben de lonxe, que era dos que acostuman dar a punta dos dedos:
-Aurelio; Aurelio é o meu nome; para servilo! Como se dicía daquela da miña crianza, para servir a Dios y a usted. ¿Mais, pódese saber como é que me recoñeceu..., así, de súpeto, sen ser presentados?
-Iso élle fácil, que o dixo o propio Xesús: ¡Polo seus froitos…! Aquí, ben acompañado como está do señor Médico, e do propio Alcalde, as forzas vivas máis vivas desta bisbarra... ¡Que digo de vivas, vivificantes!, só podía estar o señor Secretario, pois, para ser outro deses amiguetes que veñen á troula, hoxe non é día troiteiro!
-¡Moi perspicaz, si señor! Pero séntese, aquí, connosco, don Bieito, que eu achégome ao Xefe, ao señor Alcalde. ¡De cuius son a sombra, que por algo lle oficio de Secretario!
-Sentarei, si; pero aquí, nestoutra cadeira, cabe do Médico, que casualmente...; ¡vaia, vouno dicir, que eu viña de consulta!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES