Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ordenación, dende o accesorio

sábado, 23 de febrero de 2008
Unha ordenación, como calquera actividade, ten un núcleo e tamén cousas accesorias. O básico é o núcleo, pero moitas veces é o que pasa ó segundo plano, quedando só como testemuña de algo que sucedeu, mentras o secundario, o accesorio, pasa ó imaxinario popular, á 'historia'. É dende un consciente segundo plano dende o que enfoco a miña mirada, algo motivado en parte polo esoterismo que representa para min unha ordenación.

Ó chegar a Lugo o pasado 9 de febreiro, recén finalizado o antroido, e pasar por diante dun quiosco fixeime nalgo que me impactou: na fachada do comercio un periódico coa nova da ordenación en portada non daba destacado dun segundo plano, tachonado en boa parte por revistas do corazón. Había dúas cousas indicativas: a importancia mediática (relacionada coa importancia asignada popularmente) e a mistura entre novas moi diferentes. A primeira, portada dun diario, e polo tanto con importancia concedida en certos medios, contrastaba coa importancia xeral, un segundo plano entre novas 'do corazón'. Tal parecería que a asignación de importancia dunha ordenación (desta en concreto) está en función da cor rosa ou amarillismo dos medios de comunicación. A segunda da unha idea da banalización de algo considerado como sacro, entroncando coa idea de antroido e non de coresma: un signo dos tempos, podería dicirse.

Camiñando máis adiante, xa fronte á catedral, a bandeira vaticana facía de único emblema postizo do pazo episcopal. Ten extraterritorialidade o Pazo? Teño que confesar que non o sei, pero tamén que interiormente xa teño decidido que non a debera ter.
Dende que a igrexa-estrutura se convertiu en estado, teño as miñas dúbidas: o acubillo nas igrexas-edificio tiña unha razón de Igrexa-relixión, pero a bandeira dun país estranxeiro... ou funciona o bispado como embaixada? Parece que o emblema ten algo que ver coa visita do Nuncio, pero aínda así.

O ver xente traxeada e sorrinte é típico das festas, das celebracións. Tamén de cando hai oportunidade para amosarse en público cunha certa relevancia. Así ía a xente que se aproximaba ó acto. Coido que a porta máis usada é a lateral fronte ó bispado, pero neste caso estaba vedada: dentro, as filas de cadeiras reservadas para diversas autoridades ocupaban no brazo da cruz catedralicia o sitio correspondente normalmente ó paso cara a nave principal. Iso facía necesario un paseo pola rúa lateral ata a fachada principal, conforme coa oportunidade para amosarse en público.

Hoxe en día calquera actividade que se preste (é dicir, que se considere de prestixio por algunha razón) non se escapa dos medios audiovisuais. A ordenación non foi excepción. E aí temos a primeira cousa accesoria en importancia, que colleu o protagonismo no mesmo desenvolvemento do acto a epsares de ser algo totalmente externo: as diversas cámaras e sobre todo, pantallas, que enchían a Santa Igrexa Catedral, incluído no lote algunha operadora que (segundo comentarios, pois eu non o vin) ía 'descocada'. As pantallas deron que falar: houbo quen se quedou na casa para ver o acto de xeito máis cómodo, a carpa externa colocada á entrada da fachada principal quedou vacía ó non funcionar a pantalla xigante e a igrexa quedou chea de cadeiras por calquera oco dispoñible onde se poidera ver unha das moitas pantallas accesorias dispostas. Quen por alí estivo observou que o aderezo principal durante o acto foron esas pantallas, tanto como a mesma ordenación. Alomenos mentras a xente non se afixo a elas, e diría que houbo quen non chegou a afacerse.

Os invitados tamén foron dispostos por zonas, deixando ós non invitados de xeito oficial nos sitios máis alonxados da acción principal. Cando tentei chegar ó novo bispo, procurei a vía máis rápida (natural, non?) e visto que a escollida non tiña unha cola como é debido, metínme como puiden ata que cheguei o que se podería chamar unha cola organizada. Nese momento notei que estaba entre os VIP ó identificar a determinada xente. Houbo quen me dixo cun sorriso algo así como que me estaba a meter onde non debía (ollo, non onde non podía), e contestei que algún dereito tiñamos o pueblo llano (si, en castelán, as dúas intervencións de xeito fluído e non áspero) nestes actos. Todo foi ben ata que, catro ou cinco persoas antes de chegar ó novo prelado, alguén da organización díxonos a uns cantos máis ou menos que que había que deixar rematar ós VIP antes de pasar nós (non era o único non-VIP que chegara ata alí). A poucos pasos do altar, do bispo, nunha cerimonia... cando pasou por diante o meu interlocutor anterior fíxome un xesto máis ou menos cariñoso ó que contestei algo así como 'esta vez non puido ser'. Algo que me fixo pensar, pode que de xeito inconvinte, na cerimonia (calquera cerimonia) como medio de submisión.

Como medio de lembranza da ordenación, está o libriño de guía cerimonial. Despois da cerimonia tróuxenme unha lembranza tamén material: o recordatorio coa estampa da Nosa Señora dos Ollos Grandes, o libro, e tamén un papeliño de asento reservado correspondente a outro amigo, o Delegado de Medio Ambiente. Por tanto, teño a oportunidade de miralos con máis detemento, incluída a reserva rápidamente manuscrita que fai de compensación, algo que se me antolla parello á frase 'pó eres e en pó haste converter', que por si só non di moito, mais permite reflexionar en relación ó acto dende outro punto de vista, en perspectiva.

Incluído no libro, o escudo do novo bispo e a lenda. Quedoume abondo clara a lenda coa explicación. O escudo (o 'blasón'), non tanto, en particular no seu por que na actualidade, pois só atopei unha descrición, non unha explicación de significado. Tamén poido ver o equilibrio entre o maioritario castelán e o testimonial galego, cada un adicado a cousas concretas, como por estratos ou clases, incluído aínda o máis testimonial latín e mesmo grego (*). Outra alternativa ó ver os papeis, para moi pouco tempo, é que podo mirar mellor os sobrios anuncios contidos no libro, indicadores agradecidos pero mínimos do apoio arxéntico recibido.

Unha última cousa: o anel, ou mellor a súa falta patente no saúdo final individual ó novo bispo, que quixera interpretar como unha diferenciación desta ordenación particular e algo que vería con gusto dende as miñas ideas, aínda que polas súas propias verbas a orixe do feito atópase noutro lugar.

Poderiase seguir, ou tratar máis en profundidade as rápidas pinceladas anteriores, pero non teño tanta perspicacia, intención, nin tempo. Por eso remato dun xeito rápido; despois do anterior reafírmome no que dixen outra volta e considero evidente: o novo bispo vai ter moito traballo.


(*) En resume: en castelán, a descrición do blasón, a cita correspondente ó lema episcopal (tomado de Jn 17, 14-19) datos biográficos, descrición da diócese, explicacións da litruxia e grande maioría da mesma; en galego, canto de entrada, leturas (non o Evanxeo), salmo responsorial, súplica litánica (excepto conclusión), contade as marabillas do Señor, bendición final; en latín, lema ('Sanctificati in veritate'), veni creator; e tamén en grego, a cita correspondente ó lema episcopal.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania