Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Espírito de unidade

sábado, 21 de diciembre de 2019
Cada vez que sae a relucir a comunicación ourensá con Portugal pola fronteira da Madalena, vénseme á idea a figura enxoita de Rocha Peixoto, o promotor dunha asociación que foi denominada no seu momento "Liga de Concellos do Val do Lima" e que resultou pioneira (a partir da apertura de tódolos postos fronteirizos que hoxe entrelazan libremente a provincia coa media ducia de concellos portugueses que compoñen a Raia Seca) no tocante ás relacións intermunicipais entre os responsables locais de ámbalas dúas beiras.

Estou falando dos inicios dos anos 90 e do traballo entusiasta e ben trazado que o devandito "doutor" vianés e os alcaldes -daquela eran todo homes- de un e outro lado realizaron co obxectivo inicial de se coñeceren, que daquela xa era moito, e de comezar a estudar a reivindicarlle ás administracións de rango superior moitas das necesidades conxuntas que comezaban a afloraren no marco da nova Europa da común convivencia.

Pois ben, xa daquela, probablemente a principal reivindicación que estivo sempre por riba da mesa era, pola parte ourensá, comezar a esixir que a N-540 se transformase nunha autovía dende a autovía de Madrid ata a Madalena, e pola parte portuguesa, a construcción da vía denominada IC-28, que puxese en contacto rápido a autovía de Porto coa mesma fronteira.

Neste caso, a reivindicación chegou tan lonxe que aquel que nos anos do cambio de milenio era alcalde de Ponte de Lima, Daniel Campelo, na súa condición de deputado na Asemblea da República, en Lisboa, foi quen de provocar un auténtico terremoto político ó ameazar con mudar a maioría da devandita asemblea e botar embaixo os orzamentos da república do ano 2001, se non se incluían entre outros investimentos para o Norte de Portugal, a construcción desa vía -imos chamarlle- de alta capacidade entre Viana do Castelo e o Lindoso.

Para completar a información é xusto dicir que Daniel Campelo fora, anos antes, un dos máis importantes activos da mentada "Liga de Concellos".

En virtude daquel órdago político, foi construída a autovía dende Viana ata a autoestrada de Porto-Valença e logo unha vía rápida ata Arcos de Valdevez, quedando no limbo do futuro que nunca chega, os 30 km que se achegan ata a Madalena.

É certo que pola parte Ourense (é de xustiza dicilo así), gracias ó empeño de José Luís Baltar e ó asentimento de Núñez Feijóo, foi construída a autovía AG-31 que agora se verá continuada con enlace rápido ata a Madalena.

Parabéns pola noticia, aínda que ó ver a foto co presidente da Xunta -e malia descoñecer a quen hai que llo anotar no “debe”-, sentín mágoa pola ausencia do alcalde de Entrimo nela e pola perda, polo tanto, do espírito de unidade que daquela había na “Liga de Concellos do Val do Lima”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES