Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vai de loitas…

jueves, 19 de diciembre de 2019
Hai unha xeración á que lle tocou o papel de traballar para transformar a realidade. Tivo que facelo na Transición, naqueles anos setenta, mentres unha parte importante da sociedade vivía nos loureiros, nunha existencia paralela, na máis absoluta das inocencias polas que cría todo canto o Réxime voceaba nos NODOs e partes (semellaba que aínda non rematara a guerra… polo nome que recibían).

Alguén dirá que aquel cambio se ía producir igual, que non facía falla que empuxaran porque xa a roda levaba esa dirección, pero o certo é que houbo xente que pagou con fichas policiais, detencións, expedientes e torturas, e incluso coa vida, por empuxar a maldita roda da Historia.

Dicía un profesor de filosofía (que enviaran a provincias e me tocou en sorte) que o franquismo fora un parar o tempo e levalo cara atrás, pois ben os “progres” (de progreso) loitaban por recuperalo, por devolver o país ao tempo que lle correspondía. Agora, cando se escoita a certas tendencias políticas falar dos “progres” con media burla deberíamos pensar cal é a razón pola que os atacan e que representan eles se os progresistas simbolizan o avance social. Ás veces táchanos de inocentes e inxenuos e algo diso pode haber, porque mentres os outros traballan cada un para si, estes fano para todos, cada vez que van a unha folga (pola que lles descontan do soldo), que se manifestan, que poñen o seu nome nos abaixo asinantes… fano para conseguir dereitos para todos e todas, dereitos dos que se aproveitan os que estiveron ao seu. Grazas a eles divórcianse os de dereitas que non querían por nada do mundo acabar co sacrosanto matrimonio, poden casarse os homosexuais aínda que sexan de partidos que lles negaron o pan e o sal… certamente hai que ser inocente para traballar polo común.

A candidez do outro lado estaría do lado dos que só votan (á dereita a poder ser, para que todo siga igual ou un pouco desacelerado o avance social) e logo viven nos mundos de Walt Disney sen enteirarse de cando lles venden o patrimonio do país, de cando lle entregan os cartos de todos aos grandes bancos que os enganaron…

Ás veces aqueles mesmos aos que lles tocou loitar para traer a democracia teñen que seguir aínda en pé pasados os anos saíndo á rúa cada vez que o goberno (que outros votaron) restrinxe o estado de benestar ou a xustiza social. Hoxe, eses mesmos xa xubilados andan a defender as pensións, non só as dos que agora están pensionados senón tamén as do futuro, as dos fillos/as e netos/as, mentres estes andan no traballo ou buscándoo.

Cando esta xeración desapareza resultaralles (aos poderosos) máis doada a eliminación dos dereitos conseguidos ao longos dos anos e séculos. Mentres tanto… continúan na brecha.

Hai agora dous anos, convocáronse concentracións de pensionistas en varias cidades e vilas, sempre no primeiro luns de cada mes, diante do concello. En Compostela era nin máis nin menos que no Obradoiro, a praza a onde non se dirixen as manifestacións nin as concentracións porque se pode desaparecer diante da inmensidade arquitectónica, ademais de distraer o turismo peregrino. Había por aqueles tempos, unicamente, unhas “caceroladas” de empregados municipais que abrouxaban á cidadanía os xoves. Pois ben chegaron os pensionistas e falaron, meteron a reivindicación nunha canción, que acompaña unha gaita, cando a hai, sen molestar. E aí continúan.

A eles, a Antonio o señor da bonhomía, a Severiano que os acompañou ata que a morte o sorprendeu, a Taba a cadela que alegra e recolle as miradas e atencións e a Artai que acompaña aos avós para aprender camiños reivindicativos, van dirixidas estas palabras. Porque eles e elas concéntranse por e para todos.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES