Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O XXIV Certame Literario, Concello de Paradela e os seus homes máis ilustres

miércoles, 18 de diciembre de 2019
Paradela non foi ó longo do tempo un concello que se caracterizara polo seu benestar económico e social, senón máis ben polo illamento e pobreza das súas xentes, e, non obstante, superando aquel ambiente social e cultural pouco propicio ó desenvolvemento de estímulos culturais e intelectuais formado por humildes labregos e traballadores dos máis diversos oficios (canteiros, carpinteiros, ferreiros, carboeiros, zoqueiros, zapateiros, xastres, costureiras, tecedeiras, fiadoras, capadores, ferragacheiros, afiadores, trapeiros, paragüeiros, quincalleiros, etc.) floreceron nel ilustres personaxes. Uns brillaron pola súa linaxe unida o seu talento persoal, e outros pola súa capacidade creativa e amor á terra.

Os seres humanos tendemos, polo xeral, a ser bastante recelosos a hora de recoñecer os méritos das persoas máis achegadas a nós no espazo e no tempo. En cambio, somos condescendentes en aclamar as máis afastadas sen sometelas a ningún tipo de crítica nin análise previa.

Entre os máis relevantes personaxes das nosas terras debemos citar a:

Pedro López Rivera, insigne sacerdote que desempeñou importantes cargos no seo da igrexa de Lugo chegando a rexentar o de deán, cargo para o que foi nomeado pola raiña Isabel II. Ocupou tamén o de arcediago de Triacastela, reitor do seminario, maxistral da catedral, gobernador eclesiástico da diócese, en periodo de “sede vacante”. Finalmente, culminou a súa carreira co nomeamento de bispo de Tui, pero don Pedro non puido incorporarse á sede tudense porque o sorprendeu a morte inesperada en Lugo onde faleceu o 16 de marzo de 1853. Este ilustre personaxe nacera no lugar de Pereiraboa (San Vicente de Paradela) 0 día 16 de xaneiro de 1772, e a Guerra da Independencia colleuno no ano 1809, sendo sacerdote na parroquia de Piñeira (Monforte).

Jesús López González, ilustre e avanzado personaxe para a súa época, ignorado ata datas recentes en que os seus fillos, Alfonso Carlos e Xaime Félix Arlindo López Arias, deron a coñecer a súa vida e a súa rica obra no libro “Jesús López González, Primeira Aceifa”.

O noso ilustre personaxe, naceu no lugar de Pacios, capitalidade do concello de Paradela (Lugo) o día 11 de novembro de 1903, na casa do “Neto”, parroquia de San Miguel de Paradela.

Debeu de ser un neno moi precoz e intelixente, porque según se nos di “da man da súa nai aos tres anos xa lía de corrido”. Fixo os estudos das primeiras letras na Rectoral de San Miguel e na escola pública de Pacios; logo seguiu a carreira eclesiástica pero deixou o seminario, con todos os cursos cumplidos, antes de recibir ordes maiores. Nos veráns, mentras foi seminarista maior en Lugo e fixo estudos de maxisterio en Ourense, impartiu clases en Pacios, na Tellada e en Riocabo (San Vicente de Paradela). Preparou mozos para a Garda Civil e Correos. Cursou estudos de Maxisterio na Escola Normal de Ourense e mantivo una gran relación con don Vicente Risco, quen o iniciou no seu interés pola etnografía, levando adiante investigación sobre o léxico e o folclore da zona de Paradela e Sarria e máis adiante na de Manzaneda.

Desenvolveu a súa actividade profesional na provincia de Ourense. Foi mestre interino na escola de Requeixo-Manzaneda- e xa con carácter definitivo serviu a de San Miguel de Vidueira no mesmo concello´

Home de gran formación humanista que colaborou en numerosos xornais e revistas onde a pulcritude da expresión e a limpeza da escritura, fan dos seus traballos literarios unha mostra de recoñecida calidade. Foi o primeiro investigador sistemático do Folclore de Paradela e de Manzaneda, recollendo e publicando numerosos cantares, adiviñas, refráns, romances…así como o vocabulario da zona Paradelense, xunto co seu amigo Manuel Pallares López. O seu dominio da lingua galega era moi alto e mesmo recibiu parabéns dos deus profesores da Normal ourensá por traballos en galego. O galego era , segundo nos din os seus fillos, a “tradición” máis íntima e querida por el e por iso merecente de toda consideración.

Atopámonos ante un home polifacético, moi culto, creativo, adiantado ós míseros tempos que lle tocaron vivir, preocupado por difundir o seu saber pedagóxico e proxectalo ós máis cercanos e necesitados, sempre baixo o prisma de principios éticos e morales. O seu costume de firmar as súas múltiples publicacións con seudónimos suxirennos que estamos ante un ser humilde que non lle interesan os ouropeles.

Manuel-Ramiro Pallares López, home culto e sinxelo, sen pretensións, galeguista auténtico, dos que non fan ruído, que preferiu traballar en silencio, investigando e afondando no máis característico da cultura do seu pobo e da comarca de Sarria. O seu libro “Vocabulario del concello de Paradela”, constitúe un laborioso e acertado traballo de campo que recolle o vocabulario usual e as expresións lingüísticas máis peculiares utilizadas polas xentes de Paradela e o seu contorno.

En cada un dos vinte capítulos do libro vai degraendo o vocabulario e as expresións lingüísticas máis típicas e enxebres empregadas polas xentes do concello e comarcas limítrofes. E son de fácil comprensión porque as explica con moita claridade e sinxeleza no contexto de frases máis amplas. Incluso ás persoas máis novas, que xa comezan a estar desconectadas de como se desenvolvía a vida cotiá das xentes do medio rural galego hai 50 anos, non lles resultará difícil implicarse no seu contido, porque, a parte da súa amenidade encerran una mensaxe que non deixa lugar a dúbidas.

O libro Vocabulario del concello de Paradela é un gran monumento a nosa lingua e a nosa cultura; a través da súa lectura fainos revivir e coñecer mellor os usos e costumes das nosas xentes ata o último terzo do século XX.

Naceu o noso insigne personaxe na casa señorial de Abelaira, parroquia de San Miguel de
Paradela o día 26 de outubro de 1911, e faleceu na devandita casa o día 7 de xullo de 1994.

Manuel Oreste Rodríguez López, o benquerido, ilustre e añorado fillo predilecto de Paradela, o que a amou tanto como o que máis, viuse na obriga de abandoala, como tantos outros galegos, na máis tenra infancia.

Foise a Barcelona ó reencontrodos seus país, coa “maleta” case baleira, non moi cargado de ideas sobre o mundo e a vida. Non podía ser doutra maneira. Era un neno de seis anos que apenas tivera tempo de recibir a ensinanza das primeiras letras. Íase a un mundo aparentemente mellor, a una rexión máis desenvolta e culturalmente máis rica que a nosa, pero o neno non entendía aínda desas cuestióna. E a pesar de que se marchaba cos seus pais deixaba atrás o máis apegado a el, o que máis quería: os seus tios, “Paco da Fonte”, outros nenos e o ambiente pastoril da aldea. Da liberdade do Cervantiño de Randulfe e San Pedro pasou a una vida máis metódica e disciplinada. Encontrouse cunha lingua distinta; tivo que adaptarse a outros costumes e conquistar novas amistades. O seu ingreso no seminario, queirase ou non, tivo que supoñer para el un pequeño trauma. Non obstante, durante os seis ou sete anos que permaneceu nesta institución eclesiástica espertouse nel un gran amor polas culturas galega e catalá. Ao final, abandonou o seminario e encontrou outro gran amor, o amor da súa vida, a súa muller Irene, emigrante coma el.

O noso gran poeta de personalidade sensible e espíritu emprendedor, comprendeu, porque o sufriu na súa propia carne, o triste e complicada que é a vida do emigrante, lonxe da familia e dos seres máis queridos.

Manuel Rodríguez, humanista por formación e tamén por vocación, vivencia no máis íntimo da súa conciencia un gran amor polas persoas máis humildes da sociedade, polas que sufren as inxustizas da clase poderosa e as que teñen que irse a lonxes terras na procura dun cacho de pan para dar aos seus fillos.

O espíritu do noso poeta verte bágoas no seu interior por mor da dor, da tristura que lle provoca o éxodo dos seres máis indefensos e, entre eles, as mulleres con fillos e as mozas. Por eso di“Eu canto a dona que en lonxanos eidos soña os seus nenos!...Eu canto á moza que en cidade allea soña ca aldea!...Eu canto a avoa que acanea a filla da súa filla!”Non se cansa de cantar una e outra vez, a soidade na que vive o emigrante nin de aldraxar “á dona que no pazo folga e a burguesa que esqueceu a lingua e a caste súa”.

O XXIV Certame Literario, Concello de Paradela, Premios Poesía e Narrativa que, neste ano 2019, vaise celebrar coa participación de centos de concursantes de todo o mundo, contribúe a universalizar a vida e a obra do noso gran poeta e que o paso do tempo non enferruxe a súa mensaxe humanista.

(Ángel Fernández López é Fillo Predilecto de Paradela)
Fernández López, Ángel
Fernández López, Ángel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES