Merlí e as gañas de facer merlinadas
							Santalla, Iago - miércoles, 18 de diciembre de 2019
							  Estou enganchado á serie Merlí, que coñecín hai uns anos non en tanto  é agora cando teño a oportunidade de vela. Trátase dunha serie que todos os profesores debían ver, especialmente os de filosofía, xa que ten a habilidade de achegar aos autores históricos ao xeito de vida actual, levando ao alumnado a reflexionar sobre a aplicación do seu pensamento hoxe en día. 
Vendo a serie, descubrín autores descoñecidos que teñen aportacións plenamente actuais como Debord que nos fala da sociedade do espectáculo, é dicir, de como as redes sociais fannos ser e ás veces actuar como se estiveramos nunha película. Merlí introduce a Debord un día no que alguén rouba unha foto e ocasiona un conflito. Isto so é un exemplo; outro pode ser o do billete do que xa falei nesta fiestra: a través dun billete de 50 euros amósalle a un alumno o seu valor, fomentando a autoestima. 
As clases de Merlí son para pensar, por iso, nelas, non ten cabida o silencio. Merlí é só o introdutor dun coñecemento que o alumnado debe cuestionar. Ningún autor é sagrado, todos son sometidos por Merlí ao xuízo do seu alumnado. Isto converte a filosofía nunha fonte de pensamento dándolle unha utilidade meridiana para o mundo actual. 
Aprender a pensar é o máis difícil. Ensinar a pensar é un reto irrenunciable. Traer á filosofía antiga ao mundo actual e transmitila dunha forma intelixible que permita a reflexión é un paso de xigante na formación de seres libres, iguais e capaces de cuestionar de arriba a abaixo a realidade.
Por iso, como docente non hai nada que esperte en min máis motivación que saber crear merlinadas que esperten o interese e a reflexión do meu alumnado. 
							
							
Santalla, Iago
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora